Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    01 de setembro de 2026

    A Universidade Nacional de Tres de Febrero desenvolveu o Mapa PoLinguAr, unha ferramenta interactiva que permite coñecer a distribución territorial das competencias lingüísticas da mocidade arxentina. A cartografía baséase nos datos de máis de dous millóns de persoas beneficiarias das bolsas PROGRESAR e abrangue linguas internacionais, migratorias e rexionais. O recurso pretende apoiar tanto a planificación de políticas educativas como a investigación sobre diversidade lingüística e territorio.

    01 de setembro de 2026

    Donald Trump ordenou substituír nos organismos federais dos Estados Unidos o nome do lago Ontario por lago América, unha decisión que provocou o rexeitamento do Canadá e das comunidades indíxenas vinculadas historicamente ao topónimo. Representantes wendat e wyandotte consideran que a medida menospreza a súa identidade e borra parte do seu legado cultural. O cambio terá efectos unicamente no ámbito interno estadounidense e carecerá de recoñecemento internacional.

    01 de setembro de 2026

    Os concellos de Oarsoaldea impulsan durante setembro unha campaña para animar as persoas chegadas recentemente doutros países a achegárense ao éuscaro. A iniciativa presenta a lingua como unha ferramenta de integración, convivencia e participación social, adaptada ás posibilidades e circunstancias de cada persoa. A mensaxe difundirase a través de distintos soportes, co obxectivo de favorecer a incorporación da nova veciñanza á vida da comarca.

    01 de setembro de 2026

    Ames abre do 2 ao 11 de setembro o prazo de inscrición nos obradoiros “En galego, co teu acento!”, destinados a facilitar o achegamento á lingua e á cultura galegas e a favorecer a integración social das persoas de fóra de Galicia. A iniciativa, gratuíta e de carácter práctico, desenvolverase en Bertamiráns e no Milladoiro, con 30 horas de formación en horario de mañá. As persoas participantes que completen o 90 % das sesións recibirán un diploma acreditativo.

    31 de agosto de 2026

    O Departamento de Educación de Navarra abriu ata o 10 de setembro un novo prazo de matrícula para os cursos de éuscaro para persoas adultas do euskaltegi público Zubiarte de Uharte. A oferta abrangue todos os niveis, modalidades presenciais, en liña e de autoaprendizaxe, con horarios adaptados tamén ás quendas laborais. Como novidade, incorporaranse grupos sénior, ademais de grupos de conversa nos niveis B2 e C1.

    31 de agosto de 2026

    O Observatorio de Software de Código Aberto da Comisión Europea valorou positivamente ALIA, a infraestrutura pública de intelixencia artificial impulsada polo Estado español con modelos abertos e multilingües. O proxecto procura reducir a dependencia de solucións propietarias e corrixir o predominio do inglés nos sistemas actuais, ao incorporar linguas como o galego, o catalán e o éuscaro.

    31 de agosto de 2026

    A comunidade lingüística poqomam da Academia das Linguas Maias de Guatemala reclamou un maior apoio institucional para garantir a continuidade e a presenza social desta lingua maia. A entidade advirte de que a dixitalización abre novos retos para ampliar os seus ámbitos de uso, ao tempo que persisten situacións de racismo, discriminación e desigualdade que afectan os pobos indíxenas. Por iso, pide reforzar as políticas públicas, asegurar servizos con adecuación lingüística e cultural e apoiar as organizacións que traballan na defensa destes dereitos.

    31 de agosto de 2026

    A Fundación Hach Saye presentou un abecedario bilingüe, en castelán e selk’nam, que vincula a aprendizaxe da lingua ancestral co coñecemento da biodiversidade do territorio. O material, pensado principalmente para alumnado de Infantil e Primaria, recompila especies de flora e fauna acompañadas das súas denominacións tradicionais. A iniciativa é froito de catro anos de traballo comunitario e documental, coa colaboración de persoal vinculado á conservación ambiental.

    31 de agosto de 2026

    A Plataforma de Editoras Independentes Galegas Afectadas presentou o Plan 30/30, unha proposta coa que pretende reforzar o sector do libro en galego e elevar ata o 30 % a súa cota de vendas en Galicia no ano 2030. A iniciativa, que chega tras os problemas de liquidez derivados das débedas do Consorcio Editorial Galego, reclama máis investimento público, financiamento específico para as editoras e incentivos á compra e á lectura.

    31 de agosto de 2026

    O Concello da Baña recuperou o Servizo de Normalización Lingüística, que inicia unha nova etapa compartida co de Negreira para reforzar a presenza e o uso social do galego. Entre as actuacións previstas figuran medidas no ámbito administrativo, programas dirixidos á comunidade educativa e ás familias, así como iniciativas de transmisión da lingua desde a infancia.

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder