Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    26 de agosto de 2026

    O Concello da Coruña impulsará un diagnóstico sociolingüístico que incluirá unha enquisa telefónica a entre 800 e 1200 persoas para coñecer os usos, competencias e actitudes arredor do galego. O estudo analizará tamén a situación por barrios, idade, nivel de estudos e orixe, así como o emprego da lingua dentro da propia administración municipal, e servirá de base para elaborar o primeiro Plan de Normalización Lingüística da cidade, cunha vixencia de cinco anos.

    26 de agosto de 2026

    O Departamento de Política Lingüística da Generalitat abriu dúas liñas de subvencións destinadas a reforzar a política lingüística municipal. Unha delas permitirá financiar cursos gratuítos de catalán para adultos, especialmente nos concellos de menos de 17500 habitantes con menor oferta, mentres que a outra apoiará iniciativas para incrementar o uso social do catalán. As axudas poderán financiar actividades educativas, campañas no comercio e a restauración, propostas de lecer para a infancia e a mocidade, ciclos de cinema en catalán ou estudos sobre os usos lingüísticos.

    26 de agosto de 2026

    Un estudo do sociolingüista Natxo Sorolla alerta de que o bilingüismo está a agochar un proceso de substitución do catalán polo castelán na Franxa de Aragón. O novo índice ITIG, que ademais da lingua predominante ten en conta os usos bilingües, mostra que a transmisión interxeracional do catalán pasou de +2,2 puntos en 2004 a -0,4 en 2014. O fenómeno é especialmente acusado na metade norte da Franxa, mentres que entre a mocidade o uso do castelán gaña peso fóra do ámbito familiar.

    26 de agosto de 2026

    O Euskaltegi Municipal Zornotza de Amorebieta, en Biscaia, ofrecerá durante o curso 2026-2027 cursos de éuscaro para persoas desempregadas por 10 euros. A oferta abrangue todos os niveis, de A1 a C1, con clases presenciais de mañá e tarde.

    Fonte: Zornotzan

    26 de agosto de 2026

    O Teatro Arriaga de Bilbao acolleu a XIX edición da Lectura Continuada de Clásicos, organizada por Bilbo Zaharra Euskaltegia, dedicada este ano a Leturiaren egunkari ezkutua, de Txillardegi. Publicada en 1957 e considerada a primeira novela moderna en éuscaro, a obra marcou un punto de inflexión na literatura vasca.

    Fonte: Bilbau.eus

    26 de agosto de 2026

    Paraguai celebrou o Día do Idioma Guaraní destacando a vitalidade dunha lingua que comprende arredor do 90 % da poboación e que se emprega habitualmente, soa ou mesturada co castelán, en boa parte do país. A conmemoración coincidiu coa difusión dun artigo de The Economist que cualificaba o guaraní como unha lingua "máis xenial" ca o español.

    Fonte: Paraguay.com

    26 de agosto de 2026

    A protección da lingua francesa converteuse nun dos puntos de desacordo nas negociacións comerciais entre o Canadá e os Estados Unidos. O Goberno canadense rexeitou un acordo que, segundo o primeiro ministro Mark Carney, podía ameazar as garantías lingüísticas e culturais do país, mentres Washington considera algunhas destas normas unha barreira para as empresas estadounidenses.

    Fonte: Notícias R7

    26 de agosto de 2026

    O municipio de Vila Nova de Poiares, no distrito de Coímbra, organizará unha nova edición dun curso de portugués destinado ás persoas estranxeiras residentes no concello. A formación, que comezará en setembro, pretende facilitar a comunicación no día a día e favorecer a integración social e a participación na comunidade local.

    Fonte: The Portugal News

    26 de agosto de 2026

    O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, asegurou que as negociacións para renovar o Plan de Normalización da Lingua Galega continuaron durante agosto. A Xunta xa trasladou ao Parlamento un documento de traballo e confía en que o diálogo entre as formacións participantes permita achegar posicións e presentar novidades nos próximos días.

    Fonte: Galicia Confidencial

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder