Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    24 de agosto de 2026

    O Consello de Cornualla solicitou ao Departamento de Transporte británico autorización para incluír progresivamente o córnico na sinalización viaria da rexión. A proposta pretende reforzar a presenza pública desta lingua celta e avanzar cara a un modelo de sinalización bilingüe, seguindo o exemplo do galés en Gales.

    Fonte: Cornish and Devon Post

    24 de agosto de 2026

    Lucía Fernández, tras vivir 24 anos en Irlanda, converteuse na primeira guía turística acreditada en gaélico irlandés e realizou en Santiago unha visita guiada nesta lingua para un grupo de peregrinos. A iniciativa pretende reforzar os vínculos entre Galicia e Irlanda e favorecer novos intercambios culturais, lingüísticos e musicais.

    24 de agosto de 2026

    A Universidade Sergio Arboleda, de Santa Marta, Colombia, impulsa unha iniciativa que implica a mocidade de San Basilio de Palenque e da Serra Nevada de Santa Marta na preservación das súas linguas, saberes e relatos culturais. O proxecto emprega recursos audiovisuais e sonoros para documentar e transmitir este patrimonio entre xeracións.

    Fonte: Opinión Caribe

    24 de agosto de 2026

    Unha investigación da Universidade de São Paulo analiza a evolución histórica, social e xeográfica da lingua galega a partir de entrevistas realizadas en diferentes localidades de Galicia. O estudo destaca a diversidade dialectal e multilingüe do territorio, así como a influencia das relacións sociais e das percepcións sobre a lingua no seu uso. Tamén aborda a persistencia de prexuízos e xerarquías que tradicionalmente asociaron o galego coa ruralidade.

    22 de agosto de 2026

    As traducións de obras escritas en catalán a outras linguas alcanzaron en 2025 unha cifra récord, con 385 títulos publicados, segundo datos do Instituto Ramon Llull. O castelán continúa sendo a principal lingua de destino, seguido do italiano e do portugués, mentres que a literatura infantil e xuvenil concentra case a metade das traducións.

    Fonte: Diari de la Llengua

    22 de agosto de 2026

    O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou a Feira do Libro de Foz, a penúltima parada do circuíto que a Xunta de Galicia impulsa en colaboración coa Federación de Librarías de Galicia, onde convidou a desfrutar “a maiores e pequenos de catro días ateigados de presentacións, lectura e moita cultura con máis dunha trintena de actividades”.

    Fonte: Cultura de Galicia

    21 de agosto de 2026

    A libraría de Llanrwst, considerada a máis antiga do mundo especializada en libros en lingua galesa, reabriu tras ser rescatada por un proxecto comunitario no que participaron 550 persoas. O establecemento, con máis de sete décadas de historia, regresou ao seu histórico local despois de cinco meses nunha sede provisional.

    Fonte: Daily Post

    21 de agosto de 2026

    O Servizo Público de Emprego de Cataluña e o Consorcio pola Normalización Lingüística renovaron o programa Aprèn.cat, que ofrecerá 63 cursos de catalán para persoas demandantes de emprego. A iniciativa, dotada con medio millón de euros, prevé atender preto dun milleiro de persoas e facilitar tanto a mellora das competencias lingüísticas como a obtención de certificados oficiais.

    Fonte: Diari de la Llengua

    19 de agosto de 2026

    A Illa de Arousa acolleu os actos do Día das Galegas nas Letras, organizado pola plataforma de crítica feminista A Sega e dedicado este ano á escritora Begoña Caamaño, tamén recoñecida pola Real Academia Galega no Día das Letras Galegas. O programa inclúe un roteiro pola súa vida e obra, unha mesa redonda con especialistas, un micro aberto e actividades lúdicas.

    Fonte: Cultura galega

    19 de agosto de 2026

    A compañía galesa Theatr Cymru levará a Nova York unha produción en lingua galesa, nun fito para o teatro galés ao converterse na primeira obra deste tipo en realizar unha transferencia aos Estados Unidos. A iniciativa contribúe tamén á proxección internacional da lingua e da cultura galesas.

    Fonte: The Stage

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder