Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    18 de agosto de 2026

    O Barómetro WOOK 2026 revela un aumento da lectura regular en Portugal e unha maior presenza de obras noutras linguas, especialmente en inglés. O 72 % das persoas consultadas afirma ler con regularidade e arredor dun terzo dos lectores habituais tamén le en inglés, principalmente por gusto persoal, necesidades profesionais ou para practicar unha lingua estranxeira.

    Fonte: Sapo

    18 de agosto de 2026

    O servizo lingüístico Optimot, da Generalitat de Cataluña, continúa consolidándose como unha das principais ferramentas de consulta sobre a lingua catalá. A plataforma permite resolver dúbidas sobre ortografía, gramática, vocabulario e outros aspectos lingüísticos, e mantén unha ampla base de recursos para persoas usuarias e profesionais.

    Fonte: El Diari de la Llengua

    18 de agosto de 2026

    A Xunta de Galicia colaborará con 39 concellos para impulsar a modernización e renovación de equipamentos culturais como centros socioculturais, auditorios ou bibliotecas. Así se recolle na resolución de axudas publicada no Diario Oficial de Galicia desta liña de subvencións dotada con 500 000€.

    Fonte: Cultura de Galicia

    18 de agosto de 2026

    O crecente interese pola aprendizaxe do chinés en Kenya está a levar as institucións educativas a reforzar a formación do profesorado e a adaptar o ensino aos estándares internacionais de competencia lingüística. A incorporación progresiva desta lingua ao currículo educativo e o aumento da demanda no mercado laboral están detrás desta iniciativa, que tamén reclama materiais didácticos máis adaptados á realidade kenyana.

    Fonte: KBC Digital

    18 de agosto de 2026

    O sistema educativo galego contará con 536 centros plurilingües o próximo curso 2026/27 nas etapas de Infantil, Primaria, ESO ou Bacharelato e FP. Seis centros decidiron incorporarse a esta iniciativa e outros dous ampliar a súa participación na mesma a outras etapas, o que confirma o incremento progresivo deste modelo, voluntario para os centros, desde a súa posta en marcha.

    Fonte: Xunta de Galicia

    17 de agosto de 2026

    A desaparición do galego como lingua habitual da documentación escrita a partir do século XVI provocou a tradución e modificación de numerosos apelidos galegos. Segundo explica a filóloga Ana Boullón, este proceso afectou de maneira desigual á onomástica e deu lugar á presenza actual de formas castelanizadas e híbridas. A investigadora sitúa esta transformación no marco do chamado "colonialismo onomástico", unha política lingüística de facto orientada á asimilación.

    17 de agosto de 2026

    A conselleira vasca de Xustiza e Dereitos Humanos, María Jesús San José, anunciou unha estratexia para reforzar o uso do euskera na Administración de Xustiza. O obxectivo é aumentar do 66 % actual ao 90 % en 2033 a proporción de persoal con acreditación do perfil lingüístico. San José defende que a promoción do éuscaro debe facerse desde a inclusión e garantir que a cidadanía poida ser atendida nas dúas linguas oficiais.

    17 de agosto de 2026

    O Concello de Mallabia puxo en marcha unha convocatoria de bolsas para as persoas empadroadas no municipio que realizaron cursos de euskaldunización e alfabetización durante o curso 2025-2026. A partida destinada a estas axudas ascende a 3000 euros e as persoas beneficiarias deberán acreditar unha asistencia mínima do 75 % ás clases. 

    Fonte: Eiberri

    17 de agosto de 2026

    A entidade Iniciativa pol Asturianu celebrou na Feira Internacional de Mostras de Asturias (FIDMA), en Xixón, a quinta edición do Día da Llingua Asturiana. A xornada incluíu actividades culturais e divulgativas, música, visitas guiadas, propostas infantís, gastronomía e a proxección dun documental. O programa tamén incorpora un coloquio sobre os 15 anos de traxectoria da organización e remata coa celebración do aniversario da entidade.

    17 de agosto de 2026

    O portal en liña Diccionari.cat recibe arredor de sete millóns de usuarios cada ano. As consultas están motivadas principalmente por dúbidas ortográficas, termos pouco frecuentes e palabras relacionadas coa actualidade como Déu-n’hi-dobadarcompte e biaix.

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder