As universidades de Coimbra e Politécnica de Macau reforzan a súa colaboración científica coa creación dun laboratorio conxunto dedicado ás Humanidades Dixitais e ás Ciencias da Linguaxe. A nova estrutura pretende impulsar proxectos de investigación e cooperación entre as dúas institucións, aproveitando as posibilidades das tecnoloxías dixitais para estudar a linguaxe e o patrimonio cultural. A iniciativa contribúe tamén a estreitar os vínculos académicos entre Portugal e Macau.
Información do día a día do galego e outras linguas
Novas
Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas.
A prefectura dos Pireneos Atlánticos recorreu as decisións dos concellos de Sara e Baiona que recoñecen o éuscaro e, no caso de Baiona, tamén o gascón como "linguas do territorio". O Goberno francés argumenta que a Constitución establece o francés como lingua da República e considera que estas declaracións poderían achegarse a unha situación de cooficialidade. Baiona, pola súa banda, defende que a súa decisión é de carácter político e programático e que non modifica o funcionamento administrativo do concello. O caso deberá ser agora analizado polo Tribunal de Pau.
Arrincou a Feira do Libro de Viveiro con preto de medio cento de actividades nos xardíns de Noriega Varela deste municipio da mariña lucense. Trátase da undécima das citas do circuíto que a Xunta de Galicia impulsa en colaboración coa Federación de Librarías de Galicia, e que está a percorrer 13 municipios galegos este verán dando lugar a máis de 80 días de actividade cultural.
Fonte: Cultura de Galicia
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, salientou o valor de iniciativas como os Premios Alecrín na difusión da cultura e tradicións galegas e no reforzo dos lazos coa colectividade galega en Cataluña.
Así o sinalou no acto de entrega destes recoñecementos, impulsados pola Federación de Entidades Galegas de Cataluña (Fegalcat) e que poñen en valor a traxectoria de persoas e entidades de diferentes ámbitos a prol da idiosincrasia galega.
Google presentou SL2T, un modelo de intelixencia artificial capaz de interpretar xestos e expresións da linguaxe de signos e convertelos en texto. A tecnoloxía está concibida como unha alternativa aos sistemas de ditado por voz nos teléfonos móbiles e podería facilitar a comunicación escrita ás persoas xordas ou con dificultades para utilizar a voz.
Fonte: Infobae
Fina Paulos e Óscar Rey, docentes do IES Maximino Romero de Lema de Baio, impulsan xunto ao alumnado proxectos educativos que combinan novas tecnoloxías, intelixencia artificial e lingua galega. Entre eles destaca Miño en xogo, un xogo de mesa sobre o río Miño que aborda cuestións de patrimonio, historia, xeografía e diversidade e que foi recoñecido cun primeiro premio estatal na categoría de ESO. As iniciativas buscan tamén reforzar as competencias lingüísticas en galego e recuperar a historia, a cultura e as tradicións.
As axudas do Departamento de Política Lingüística da Generalitat de Cataluña permitiron incorporar o catalán a 119 xogos de mesa en tres convocatorias desde 2023, ampliando a oferta con propostas de diferentes xéneros e formatos.
O futuro do ensino de portugués fóra de Portugal está a ser obxecto dunha negociación entre o Goberno e os representantes dos docentes. A negociación para actualizar o Réxime Xurídico do Ensino Portugués no Estranxeiro avanza con algúns acordos, aínda que permanecen abertas cuestións como a retribución do profesorado, o sistema de avaliación, o réxime de faltas e a redución da carga lectiva.
O sitio web As Chaves da Lingua dedica un recurso ao léxico relacionado coa eclipse total de sol do 12 de agosto. A proposta aproveita o interese xerado polo fenómeno astronómico para divulgar en galego os principais termos relacionados coas eclipses e facilitar o coñecemento do vocabulario específico deste acontecemento.
Fonte: As Chaves da Lingua
Boletín
Subscríbase ao boletín



