Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    11 de agosto de 2026

    Tenimllengua.cat é unha nova plataforma que permite localizar establecementos onde se ofrece atención en catalán, engadir novos negocios, valorar a atención recibida e compartir experiencias. O proxecto, impulsado polos activistas lingüísticos Marc Pujol e Arnau Olivé e asesorado por Plataforma per la Llengua, busca promover un consumo que teña en conta tamén os dereitos lingüísticos. 

    Fonte: Diari de la Llengua

    11 de agosto de 2026

    Aínda que a Constitución boliviana de 2009 recoñeceu 36 linguas nativas como oficiais xunto co castelán, 30 delas foron catalogadas pola Unesco como linguas en perigo de extinción. Os datos do último censo revelan que 12 teñen menos de cen falantes e outras tres están practicamente extinguidas. Entre as principais causas están a escasa transmisión ás novas xeracións, a migración do rural ás cidades, o maior prestixio social do castelán e a falta de medidas prácticas e continuadas para revitalizar estas linguas.

    10 de agosto de 2026

    O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou en Cee no acto conmemorativo do 30º aniversario do Batallón Literario da Costa da Morte, un grupo poético de renovación cultural, social e literaria constituído nesta localidade en maio de 1996 que tomou o seu nome do Batallón Literario de Santiago do s. XIX.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    10 de agosto de 2026

    A Deputación Foral de Biscaia destinou 300 000 euros a doce proxectos destinados a reforzar a difusión internacional do territorio. As axudas apoian iniciativas culturais, deportivas e relacionadas coa normalización do éuscaro, entre elas festivais, exposicións, actividades artísticas, proxectos audiovisuais e eventos deportivos. O programa busca aumentar a visibilidade de Biscaia e da cultura vasca fóra das súas fronteiras.

    10 de agosto de 2026

    Un estudo do Consorcio de Normalización Lingüística conclúe que o 92 % dos comercios de Tossa de Mar poden atender o público en catalán. A investigación, realizada en 139 establecementos, mostra unha elevada capacidade de atención oral nesta lingua, aínda que a súa presenza escrita é menor: case un 30 % dos negocios non cumpre a normativa de rotulación en catalán e a porcentaxe de incumprimento aumenta na cartelaría interior.

    Fonte: VilaWeb

    10 de agosto de 2026

    A Mesa pola Normalización Lingüística denunciou un caso de discriminación lingüística ocorrido nun establecemento comercial de Vigo. Segundo a entidade, unha clienta galegofalante viu impedido o seu dereito a utilizar o galego e tamén tivo dificultades para presentar unha reclamación. A Mesa considera que estes feitos vulneran os dereitos lingüísticos e reclama medidas que garantan que as persoas poidan ser atendidas sen discriminación pola lingua que empregan.

    10 de agosto de 2026

    O inglés foi recoñecido oficialmente en Nova Zelandia, onde xa tiñan ese status o maorí e a lingua de signos neozelandesa. A decisión completa o marco de recoñecemento oficial das principais linguas empregadas no país.

    Fonte: Diari de la Llengua

    10 de agosto de 2026

    Un 53 % das persoas enquisadas nun estudo do Pew Research Center considera «extremamente ou moi importante» que as escolas estadounidenses ofrezan clases de español, a porcentaxe máis alta entre as linguas distintas do inglés. Uns 45 millóns de persoas maiores de cinco anos falan español na casa nos Estados Unidos, preto do 14 % da poboación, fronte ao 5 % de 1980.

    Fonte: New York Post

    10 de agosto de 2026

    O Departamento de Política Lingüística da Generalitat seleccionou 40 proxectos entre máis de 400 candidaturas na terceira edición das Bolsas Propulsión 2026. As axudas buscan promover contidos dixitais orixinais en catalán e apoiar a profesionalización dos creadores. As propostas abarcan ámbitos como a ciencia, a cultura, a gastronomía, o humor, os videoxogos, a educación, o deporte e a actualidade.

    Fonte: Generalitat de Catalunya 

    09 de agosto de 2026

    A Consellaría de Cultura, Política Llingüística e Deporte do Principado e a Federación Asturiana de Concellos puxeron en marcha cursos en liña de asturiano e eonaviego para os centros asturianos de diferentes países.

    Fonte: Asturias Exterior

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder