O Goberno vasco destinará 37,53 millóns de euros aos euskaltegis privados e aos centros homologados de autoaprendizaxe durante o curso 2026-2027. As axudas financiarán as distintas modalidades formativas entre outubro de 2026 e setembro de 2027, de acordo coa actividade desenvolvida e coa calidade do ensino. A convocatoria procura reforzar unha rede esencial para ampliar o coñecemento e o uso do éuscaro entre a poboación adulta.
Información do día a día do galego e outras linguas
Novas
Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas.
Durango acollerá do 13 ao 16 de agosto a décima Feira das Linguas Indíxenas Nacionais, dedicada ás nove linguas da rexión etnolingüística Baixío-Pacífico. Baixo o lema «Voces de resistencia e identidade», a cita combinará conferencias, obradoiros, cinema, poesía, expresións artísticas e mostras culturais. O encontro procura dar visibilidade á diversidade lingüística, promover os dereitos dos pobos indíxenas e apoiar as iniciativas comunitarias para revitalizaren e transmitiren os seus idiomas.
Estrasburgo acollerá o 18 de setembro o concerto KCANTÀ, unha cita que reunirá artistas de distintas rexións francesas para celebrar a diversidade lingüística a través da música. O programa dará voz a idiomas como o bretón, o alsaciano, o occitano ou o éuscaro co obxectivo de reivindicar estas linguas como un patrimonio vivo, creativo e estreitamente vencellado á identidade dos territorios.
Plataforma per la Llengua presentou alegacións á reforma do sistema MIR para que o coñecemento das linguas cooficiais se valore como mérito nas prazas sanitarias dos territorios onde se falan. A entidade propón, ademais, que o persoal residente sen competencia suficiente reciba formación obrigatoria durante a xornada laboral e alcance un nivel básico no primeiro ano. A organización sostén que garantir a atención na lingua das persoas usuarias mellora a calidade asistencial, a seguridade clínica e o respecto dos dereitos lingüísticos.
O Correllengua Agermanat celebrará unha segunda edición en 2028, tras a ampla mobilización acadada este ano en defensa do catalán. A chama percorreu máis de 1500 quilómetros polos territorios de fala catalá e chegou tamén a Bruxelas, cunha participación estimada de 180 000 persoas. A organización pretende ampliar o alcance da iniciativa, sumar novas entidades e consolidar o seu carácter bienal.
A Xunta aceptou financiar durante o curso 2026/27 o salario e a residencia do profesorado de galego no Instituto Español Vicente Cañada Blanch de Londres, mais condicionou a medida á sinatura dun convenio co Goberno central. O acordo deberá garantir por escrito a continuidade da materia, mentres o Ministerio procura unha fórmula estable para cubrir a praza a partir de 2027/28.
A Xunta amosou a súa disposición a intervir na crise do libro en galego tras a denuncia dun grupo de editoras polos impagamentos acumulados polo Consorcio Editorial Galego. As empresas advirten de que a débeda, iniciada en 2024, ameaza a continuidade de selos, empregos e catálogos, ademais de dificultar a distribución das obras.
Fonte: Galicia Confidencial
O Concello de Baiona, no País Vasco francés, recoñeceu o éuscaro e o gascón como linguas propias do territorio, xunto co francés. A decisión, aprobada por unanimidade, procura reforzar a súa presenza na comunicación institucional, na sinalización, nos servizos públicos e nas actividades educativas e culturais. O municipio tamén se compromete a apoiar a aprendizaxe, o uso cotián e a transmisión interxeracional de ambos os idiomas, considerados elementos esenciais da identidade e da cohesión social local.
Mérida acollerá o 8 de agosto o primeiro Encontro de Municipios pola Lingua Maia, que reunirá representantes de cinco localidades para compartiren experiencias e acordaren medidas de revitalización. A xornada prevé mesas de traballo sobre a presenza do idioma nos servizos públicos, no emprego e na vida comunitaria. O programa tamén abordará a súa incorporación ás novas tecnoloxías, nun contexto marcado pola perda da transmisión familiar e pola discriminación histórica.
O Ministerio de Transportes modificará a denominación oficial do aeródromo mallorquino, que pasará a chamarse Aeroporto de Palma-Mallorca. A Obra Cultural Balear celebra unha decisión que pon fin a case catro décadas de uso dun topónimo contrario á normativa vixente. A nova fórmula respecta o nome oficial da capital e mantén a referencia á illa para facilitar a súa identificación internacional.
Fonte: Diari de la Llengua
Boletín
Subscríbase ao boletín


