Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    31 de xullo de 2026

    Un informe do CIEMEN conclúe que o catalán é a lingua de traballo maioritaria no terceiro sector, xa que preto do 80 % das entidades o emprega na comunicación interna e o 60 % inicia nela a atención ao público. Porén, a falta de protocolos e recursos leva con frecuencia o persoal e o voluntariado a mudar de idioma para asegurar a comprensión. O estudo reclama máis formación e apoio institucional para compatibilizar a eficacia asistencial coa función destas organizacións como axentes de integración e normalización lingüística.

    31 de xullo de 2026

    A Xunta e o Consello da Cultura Galega desenvolverán un recurso educativo dixital para achegar ao alumnado e ao profesorado a xeografía, a paisaxe, a literatura e o patrimonio de Galicia. A plataforma, prevista para o próximo curso, permitirá recoñecer distintos lugares a través da obra de Ramón Otero Pedrayo e doutras referencias culturais. O proxecto busca reforzar a presenza da lingua e da cultura galegas no ensino e divulgar a riqueza cultural e patrimonial de Galicia.

    31 de xullo de 2026

    O Departamento de Política Lingüística abrirá unha liña de axudas para que concellos, entidades municipais descentralizadas e consellos comarcais reforcen o uso efectivo do catalán. A convocatoria poderá financiar ata o 100 % de proxectos de aprendizaxe, dinamización comercial, lecer infantil e xuvenil, cinema, boas prácticas lingüísticas e estudos sociolingüísticos. As subvencións cubrirán tamén gastos de organización, materiais, avaliación e difusión das actuacións.

    31 de xullo de 2026

    O 78,57 % das familias das Illas Baleares escolleu o catalán como lingua do primeiro ensino para o curso 2026-2027, fronte ao 21,42 % que optou polo castelán. A preferencia pola lingua propia foi maioritaria en todas as illas, con especial incidencia en Menorca, onde alcanzou o 89,7 %, mentres que Eivisa presentou os datos máis equilibrados. En total, formalizáronse 7618 matrículas en centros sostidos con fondos públicos.

    31 de xullo de 2026

    A Universidade da Coruña publicou na súa canle de YouTube as gravacións do XIX Curso de Verán sobre Dinamización Lingüística «Traballando en lingua». O encontro, celebrado os días 7 e 8 de xullo en Carballo, abordou a relación entre memoria democrática e normalización do galego.

    Fonte: Consello da Cultura Galega

    30 de xullo de 2026

    Esta iniciativa solicita a colaboración cidadá para avaliar como interpretan as persoas a entoación de oracións creadas mediante sistemas de síntese de voz. A participación consiste nunha proba auditiva duns dez minutos, na que deberán identificarse distintos tipos de enunciados e valorar a súa naturalidade. Os resultados contribuirán a perfeccionar as tecnoloxías da fala en galego e a desenvolver ferramentas máis precisas e próximas á expresión humana.

    30 de xullo de 2026

    O Goberno vasco aprobou a reforma normativa que permitirá crear o Euskara Bonua, co que se poderá estudar éuscaro ata o nivel B1 por un pagamento único de 120 euros. O itinerario terá unha vixencia máxima de catro anos e reducirá tanto os custos como os trámites administrativos. A medida procura facilitar que máis persoas inicien, retomen ou manteñan a súa aprendizaxe e empreguen a lingua con maior autonomía.

    30 de xullo de 2026

    A AGAL puxo en marcha a campaña «Falo galego, fala-me português» para dar a coñecer entre a comunidade lusófona a realidade lingüística de Galicia e favorecer unha comunicación sen cambios de idioma. A iniciativa procura que as persoas portuguesas comprendan o galego como unha lingua próxima e que quen visite Galicia poida expresarse en portugués con naturalidade.

    30 de xullo de 2026

    Do 23 ao 25 de outubro a segunda edición deste festival estará dedicada a poñer en valor a diversidade dialectal do catalán. O programa reservará un espazo destacado ás variedades da Franxa (Aragón) e incorporará un concurso de cantautores no que se valorarán tanto a calidade artística como os trazos lingüísticos de cada proposta. Conferencias, mesas redondas, actividades escolares e exposicións completarán unha cita que busca prestixiar os distintos falares do dominio catalán.

    29 de xullo de 2026

    O Goberno de Navarra e Eusko Ikaskuntza renovaron o seu acordo de colaboración, dotado con 60.000 euros, para promoveren o éuscaro como elemento cultural e de convivencia. O convenio financiará a segunda fase dun estudo sobre a relación da poboación migrante e local coa lingua e coa cultura navarra, mediante dúas enquisas complementarias. Os resultados permitirán identificar barreiras, expectativas e oportunidades de participación, ademais de orientar futuras políticas públicas e iniciativas comunitarias de integración.

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder