Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    30 de abril de 2026

    O Goberno vasco destinará até 1,15 millóns de euros en 2026 á formación en éuscaro da Ertzaintza, mediante un acordo entre a Academia Vasca de Policía e Emerxencias e HABE. A iniciativa permitirá impartir cursos para acreditar os perfís lingüísticos 1 e 2, así como formar o alumnado que accede á escala básica da Policía vasca. Con esta colaboración, o executivo busca avanzar na normalización do éuscaro na Administración e garantir unha atención máis próxima e axeitada á realidade sociolingüística de Euskadi.

    30 de abril de 2026

    O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou no Teatro Principal compostelán na presentación do documental Begoña Caamaño: navegar no pracer do azul, unha película da Real Academia Galega apoiada pola Xunta de Galicia no marco da programación institucional conmemorativa das Letras Galegas 2026.

    30 de abril de 2026

    O Goberno español garantirá a continuidade do proxecto de intelixencia artificial en galego desenvolvido pola Universidade de Santiago de Compostela a través do CiTIUS e do Instituto da Lingua Galega, tras os avances acadados co financiamento inicial de 3,4 millóns de euros. Os traballos permitiron crear corpus masivos e modelos lingüísticos abertos que reforzan a presenza do galego na familia pública de IA ALIA.

    29 de abril de 2026

    3Cat estreou «Català fàcil», unha iniciativa audiovisual pensada para reforzar a confianza das novas persoas falantes e favorecer o uso cotián do catalán. O proxecto inclúe 58 vídeos e 170 pezas breves para a plataforma pública, YouTube e redes sociais, con situacións habituais e recursos prácticos baseados nos niveis A1 e A2.

    Fonte: Ara

    29 de abril de 2026

    O Goberno catalán abriu unha consulta pública previa do decreto que regulará a avaliación e certificación da lingua de signos catalá, co obxectivo de recoller achegas da cidadanía e do colectivo signante. O novo marco establecerá un sistema oficial de acreditación aliñado cos niveis europeos, regulará as probas, a validez dos certificados e os requisitos das persoas avaliadoras.

    Fonte: Generalitat de Catalunya

    29 de abril de 2026

    A Asociación de Medios en Galego, dinahosting e PuntoGal lanzan a campaña «Subscríbete ao galego» para reforzar a presenza da lingua nos medios e no ámbito dixital coincidindo co Día das Letras Galegas e o Día de Internet. Entre o 17 e o 31 de maio, quen se subscriba a algún dos medios participantes recibirá gratuitamente durante un ano un dominio .gal e un servizo de aloxamento web. A iniciativa busca incentivar novas subscricións, apoiar a creación de contidos en galego na rede e fortalecer o ecosistema comunicativo propio.

    29 de abril de 2026

    O secretario xeral da Lingua, Valentín García, acompañou no Instituto Castelao, en Vigo, o alumnado que resultou premiado no Concurso-Exposición Letras Galegas 2026, no que colabora a Xunta de Galicia coa intención, destacou, “de implicar as xeracións máis novas neste tipo de efemérides que celebran a nosa cultura e incentivan a capacidade investigadora e creadora dos escolares”.

    29 de abril de 2026

    A Xunta de Galicia incrementa un 50 % as axudas á edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares para niveis non universitarios ao elevar a achega para este ano ata os 300.000 euros. Así se recolle na convocatoria que publica no Diario Oficial de Galicia  a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para materiais en formato impreso ou dixital.

    29 de abril de 2026

    O Correllengua Agermanat, unha andaina colectiva que conecta distintos territorios de fala catalá e comunidades no exterior, culminará o seu percorrido o 8 de maio en Bruxelas, onde levará a chama da lingua ás institucións europeas para reivindicar a oficialidade do catalán na Unión Europea.

    Fonte: Diari de la Llengua

    29 de abril de 2026

    Un estudo do King’s College de Londres revela que os bebés expostos a altos niveis de contaminación do aire durante o embarazo presentan un desenvolvemento máis lento aos 18 meses, especialmente na linguaxe.

    Fonte: King's College London

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder