Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    17 de xullo de 2026

    No 30º aniversario da Comunidade dos Países de Lingua Portuguesa (CPLP), mozos e mozas de Mozambique destacaron a importancia do portugués como ferramenta para facilitar o intercambio de coñecemento, a cooperación e a integración entre os países lusófonos. Ademais, reclamaron máis iniciativas para promover a circulación de obras en portugués, fomentar a tradución e crear espazos comúns que reforcen a proxección internacional da lingua.

    Fonte: ONU News

    17 de xullo de 2026

    O Consello de Europa recoñeceu os avances de Noruega na protección das linguas minoritarias, pero advertiu de que as linguas saami, especialmente o saami do sur e o saami de Lule, continúan nunha situación moi vulnerable. O informe reclama máis materiais educativos, formación de profesorado e un maior uso destas linguas na administración, na xustiza e nos medios de comunicación.

    Fonte: Council of Europe

    17 de xullo de 2026

    A palabra maorí kaitiakitanga, que expresa a idea de coidado, protección e responsabilidade co medio natural, foi escollida como a palabra máis fermosa do mundo pola plataforma de aprendizaxe de linguas Babbel. O termo destacou entre 223 palabras de 75 linguas pola súa sonoridade, riqueza semántica e relevancia cultural, converténdose nun recoñecemento internacional á lingua e á cosmovisión maorís.

    17 de xullo de 2026

    O Goberno vasco aprobou a implantación progresiva de NEUREHIZKI, unha plataforma dixital desenvolvida polo Basque Center on Cognition, Brain and Language (BCBL) para avaliar os procesos de lectura en éuscaro entre alumnado de 1.º e 2.º de Primaria. O sistema permitirá detectar de forma precoz dificultades de aprendizaxe e ofrecer respostas individualizadas, contando cunha formación específica para o profesorado e os equipos de orientación.

    17 de xullo de 2026

    O Instituto Cervantes e RTVE asinaron un convenio de catro anos para reforzar a promoción do español e da súa cultura, mediante a creación e difusión de contidos en televisión, radio e canles dixitais. O acordo inclúe colaboración en programas educativos, materiais audiovisuais, eventos culturais e intercambio de contidos entre ambas as institucións para ampliar a oferta formativa e cultural en español.

    17 de xullo de 2026

    O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, agradeceu o clima amable do Consello da Cultura Galega, “unha entidade que tivo un peso moi importante”, dixo, na actualización do Plan xeral de normalización da lingua galega, e que quedou patente na entrega do documento á presidenta da entidade, Dolores Vilavedra.

    17 de xullo de 2026

    O secretario xeral da Lingua, Valentín García, e o actor Alberte Montes presentaron en Santiago a actividade de dinamización lingüística «Galego pode selo calquera», un monólogo cómico teatral que se poderá gozar no Carballiño, en Boiro, en Ribadeo e en Toén no marco do programa FalaRedes 2026.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    16 de xullo de 2026

    O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, agradeceu “o apoio” do presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, durante o proceso de elaboración da proposta de actualización do Plan xeral de normalización da lingua galega. Fíxoo na entrega ao presidente da entidade do documento que foi presentado onte na Cidade da Cultura.

    16 de xullo de 2026

    A Base de Nomes Xeográficos do Instituto Cartográfico e Xeolóxico de Cataluña superou os 400.000 rexistros, consolidándose como un amplo inventario da toponimia catalá. A ferramenta permite preservar a diversidade lingüística e histórica do territorio, ademais de facilitar aplicacións prácticas como a cartografía, a xestión de emerxencias ou a planificación territorial.

    Fonte: Diari de la Llengua

    16 de xullo de 2026

    A campaña Configura.cat conseguiu sumar 500.000 novos dispositivos configurados en catalán co obxectivo de aumentar a presenza dixital da lingua propia. A iniciativa, impulsada por varias entidades, busca que persoas usuarias e organizacións fagan visible a súa preferencia lingüística ante as plataformas tecnolóxicas e favorezan a incorporación do catalán en servizos dixitais.

    Fonte: Diari de la Llengua

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder