A Universidade de Santiago recoñeceu a calidade lingüística de traballos académicos, TFG e TFM do curso 2024-2025 mediante uns premios que distinguen o uso coidado do galego en diferentes áreas de coñecemento. A convocatoria galardoou investigacións de ámbitos como as humanidades, as ciencias, a saúde, as ciencias sociais e a enxeñaría, promovendo a presenza da lingua propia na creación universitaria.
Información do día a día do galego e outras linguas
Novas
Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas.
O Concello de Cadaqués puxo en marcha unha campaña para achegar o catalán ás persoas visitantes mediante carteis e folletos con expresións básicas traducidas a varias linguas. A iniciativa, que incorpora gravacións de pronunciación a través dun código QR, busca divulgar a realidade lingüística e cultural do municipio desde unha perspectiva de acollida e descubrimento.
O InformeCAT 2026 advirte de que o hábito de abandonar o catalán nas interaccións con persoas descoñecidas dificulta a integración lingüística e debilita o seu papel como lingua de cohesión social. Malia este retroceso, o estudo salienta que o catalán conserva un elevado prestixio social, gaña presenza no ámbito dixital e continúa a rexistrar avances institucionais que poden contribuír a fortalecer o seu uso.
O Departamento de Saúde de Cataluña reforza a formación en catalán do persoal sanitario mediante os programas «Prescriu-te el català» e «T’acollim», que combinan cursos en liña, certificación oficial e contidos de acollida profesional. A iniciativa busca mellorar a comunicación asistencial, garantir os dereitos lingüísticos da cidadanía e promover boas prácticas nos centros sanitarios.
A Universidade de Santiago concedeu por unanimidade o IX Premio Luís Porteiro Garea a Antón Santamarina, en recoñecemento á súa decisiva contribución ao estudo, á codificación e á normalización da lingua galega. O xurado salientou unha traxectoria investigadora de referencia en ámbitos como a lexicografía, a dialectoloxía, a onomástica ou a historia da lingua, así como o seu labor á fronte de proxectos fundamentais para o coñecemento e a difusión do galego.
O Goberno de España destinará 480.000 euros á Universidade de Santiago de Compostela para impulsar novos proxectos de intelixencia artificial e tecnoloxías da linguaxe en galego. O financiamento dará continuidade ao labor do CiTIUS e do Instituto da Lingua Galega, que xa permitiu ampliar os recursos lingüísticos dispoñibles, desenvolver modelos de IA e mellorar ferramentas de tradución e sistemas de voz na lingua propia.
Investigadores de universidades de Gales, Escocia, Irlanda e Irlanda do Norte impulsan un proxecto para identificar os factores que favorecen a aprendizaxe de linguas e reverter o descenso do seu estudo. A investigación analizará o papel das escolas, o profesorado, as políticas públicas e as novas tecnoloxías, como a intelixencia artificial e a realidade virtual, co obxectivo de formular recomendacións que impulsen unha cultura lingüística máis sólida e diversa.
Un estudo liderado polo Instituto Tecnolóxico de Massachusetts (MIT), baseado na análise de máis de 700 cerebros, identificou 17 novas rexións implicadas na comprensión da linguaxe. Ademais das áreas tradicionalmente asociadas á fala, a investigación revela que tamén participan zonas relacionadas coa memoria e as emocións, o que ofrece unha visión máis ampla de como o cerebro procesa a linguaxe humana.
Fonte: Earth
O Departamento de Economía de Irlanda do Norte iniciou unha consulta pública sobre a súa nova política para a promoción da lingua irlandesa. O proceso permitirá recoller opinións da cidadanía e das organizacións interesadas para definir medidas que garantan o uso e a presenza do irlandés nos servizos e na actividade do departamento.
A ministra de Educación e Lingua de Gales, Anna Brychan, defendeu no Parlamento de Gales que o futuro do galés depende do seu uso cotián por parte da cidadanía, máis alá das políticas públicas. A responsable apostou por reforzar a presenza da lingua na educación, na tecnoloxía, na economía e na vida social para consolidar un país orgulloso do seu patrimonio lingüístico.
Fonte: Herald Wales
Boletín
Subscríbase ao boletín
