O Goberno xaponés avanza na creación dun novo sistema que esixirá ás persoas estranxeiras acreditar coñecementos de xaponés e completar un programa sobre lingua, cultura e normas de convivencia para obter a residencia permanente.
Fonte: Japan Today
Información do día a día do galego e outras linguas
Novas
Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas.
O Goberno xaponés avanza na creación dun novo sistema que esixirá ás persoas estranxeiras acreditar coñecementos de xaponés e completar un programa sobre lingua, cultura e normas de convivencia para obter a residencia permanente.
Fonte: Japan Today
A Generalitat prepara novos materiais de autoaprendizaxe de catalán dirixidos a colectivos profesionais, entre eles o sector do taxi, co propósito de facilitar a adquisición da lingua. Ademais, impulsa unha reforma da formación e da acreditación lingüística para persoas adultas, reforza a oferta de cursos e adapta os itinerarios ás necesidades laborais, en paralelo á futura lei de transporte, que prevé esixir competencias en catalán para garantir os dereitos lingüísticos da cidadanía.
O Instituto de Estudos Baleáricos presentou Saladina 2, a adaptación ás Illas Baleares do método “A punt” para a aprendizaxe do catalán no nivel A2. O material, dirixido a persoas adolescentes e adultas, aposta por un ensino comunicativo e vinculado ao contexto social e cultural balear, con contidos actuais, traballo colaborativo e voces das distintas illas nos audios.
A Deputación entregou o XVII Premio Rosalía de Castro de Lingua a Carlos Callón, á CTNL e aos proxectos A Gramola Gominola e Vitamina G polo seu compromiso coa promoción do galego. No acto, a deputada Sol Agra reivindicou o papel das institucións na normalización lingüística e defendeu a necesidade de acompañar a vontade social con políticas públicas, recursos económicos e iniciativas que favorezan o uso da lingua en todos os ámbitos.
Os cursos “Galego sen fronteiras” comezaron en Santiago coa participación de 62 estudantes de dezaoito países de Europa, Asia e América. A iniciativa, impulsada pola Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega, desenvolverase durante tres semanas na Facultade de Filosofía, onde se promove o intercambio cultural e a difusión internacional da lingua e da cultura galegas.
Especialistas e antigos responsables de Educación do Reino Unido advirten de que o peche e redución de carreiras de linguas nas universidades está a limitar as oportunidades para o alumnado de clase traballadora. Sosteñen que a diminución da oferta, unida á caída do ensino de idiomas nas escolas públicas, dificulta o acceso a estudos que tradicionalmente servían como vía de ascenso social.
Fonte: The Guardian
Un estudo presentado no Foro 2026 da Federación de Sociedades Europeas de Neurociencia (FENS) conclúe que as persoas que falan máis dunha lingua presentan características cerebrais propias de cerebros máis novos. A investigación apunta a que o plurilingüismo podería axudar a preservar a conectividade entre as neuronas.
Fonte: Medical Express
A Generalitat abriu a convocatoria Interlingua, destinada a apoiar nas universidades catalás actuacións de fomento e uso do catalán, do aranés, da lingua de signos catalá e doutras linguas. As axudas contan cun orzamento de 1,66 millóns de euros, 200.000 máis ca na edición anterior. A convocatoria financiará accións de formación, acreditación, acollida lingüística e cultural, así como outras iniciativas universitarias vinculadas ao multilingüismo.
O condado de Carmarthenshire, no País de Gales, aprobou a ampliación da oferta educativa en lingua galesa en catro centros escolares de ensino primario. A medida pretende responder ao aumento da demanda e avanzar nos obxectivos de promoción do galés, facilitando que un maior número de alumnado poida recibir o ensino nesta lingua contribuíndo á súa normalización e revitalización.
Fonte: The Tenby Observer
A plataforma presentará en setembro unha Iniciativa Lexislativa Popular para blindar os dereitos lingüísticos e responder á situación de emerxencia do galego. A proposta reclamará derrogar o decreto 79/2010 e garantir o galego como lingua vehicular e de acollida no ensino. Tamén pedirá reforzar a oferta activa na administración, na xustiza e na sanidade, así como introducir cláusulas lingüísticas nos contratos públicos.
Subscríbase ao boletín