Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    30 de xuño de 2026

    O Goberno catalán aprobará o Plan de accións para fomentar o catalán no ámbito da execución penal 2026-2030, impulsado polos departamentos de Xustiza e Política Lingüística. A iniciativa reforzará as medidas xa existentes en  prisións e centros de xustiza xuvenil, e incorporará novas actuacións vinculadas á convivencia, á formación ocupacional e aos itinerarios de reinserción. O Executivo defende que o coñecemento do catalán pode ampliar oportunidades laborais, favorecer a autonomía persoal e facilitar o retorno á comunidade.

    29 de xuño de 2026

    Un total de 66 personalidades e diversas entidades da sociedade civil apoian a denominación "Pireneos Cataláns" na consulta cidadá aberta para escoller o novo nome do departamento dos Pireneos Orientais. A iniciativa considera que esta opción supón unha oportunidade histórica para reforzar o recoñecemento institucional da identidade catalá na Cataluña Norte.

    Fonte: Diari de la Llengua

    29 de xuño de 2026

    Centos de nenas e nenos participaron nun encontro escolar en Cornualles para celebrar a aprendizaxe do córnico, unha lingua celta que vive un importante proceso de recuperación. O Consello de Cornualles promove iniciativas para ampliar o seu ensino e lograr que o alumnado adquira nocións básicas da lingua antes de rematar a educación primaria.

    Fonte: The Guardian

    29 de xuño de 2026

    O Departamento de Educación modificou as bases da bolsa de persoal docente interino para que o C2 de catalán deixe de puntuar como mérito e pase a funcionar só como requisito. De maneira excepcional, poderán incorporarse persoas que aínda non dispoñan desa acreditación, sempre que se comprometan a obtela antes de rematar o curso 2026-2027. A consellería xustifica a medida pola falta estrutural de profesorado co nivel esixido, que dificultaría cubrir substitucións e vacantes se se aplicase de inmediato.

    29 de xuño de 2026

    O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, participou na inauguración da escultura homenaxe á familia Castelao-Pereira na Estrada, na que colaborou a Xunta como recoñecemento á “fonda pegada” que esta localidade pontevedresa deixou na traxectoria vital do intelectual e político galeguista.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    28 de xuño de 2026

    Un estudo de Plataforma per la Llengua conclúe que os ateneos de Cataluña manteñen un compromiso sólido coa promoción do catalán nos seus espazos e actividades. A análise, realizada nunha mostra piloto de 15 entidades, destaca o bo uso da lingua nos elementos propios, aínda que detecta marxe de mellora nos contidos de procedencia externa. As entidades implicadas coinciden en que estes centros teñen un papel clave para facer do catalán unha lingua viva, cotiá e compartida nos barrios e vilas.

    28 de xuño de 2026

    O Servizo de Normalización Lingüística convocou tres cursos en liña de lingua galega dirixidos ao persoal docente e investigador da institución. A formación desenvolverase a través do Campus Virtual entre o 21 de setembro e o 23 de novembro de 2026. A oferta estrutúrase en tres niveis, desde unha aproximación básica á lingua estándar ata unha modalidade superior de competencias lingüísticas.

    Fonte: Consello da Cultura Galega

    27 de xuño de 2026

    A China presentou Data Express, a primeira revista académica en lingua inglesa do país especializada na publicación de artigos sobre datos científicos. Impulsada pola Academia Chinesa de Ciencias, a iniciativa busca facilitar o intercambio internacional de datos de investigación, mellorar a súa accesibilidade e reutilización e reforzar a cooperación científica global nun contexto marcado polo crecente protagonismo da intelixencia artificial e da ciencia aberta.

    27 de xuño de 2026

    Un estudo revela que os grandes simios e os seres humanos comparten un patrón rítmico de riso que apenas mudou nos últimos 15 millóns de anos. A investigación, baseada na análise de gravacións de diferentes tipos de primates e humanos, suxire que esta forma de comunicación existía xa no devanceiro común destas especies e podería achegar novas claves para comprender a evolución da linguaxe humana.

    Fonte: National Geographic

    26 de xuño de 2026

    Exposalnés acolleu a presentación dunha iniciativa comarcal coa que os Equipos de Dinamización da Lingua Galega do Salnés procuran reforzar o uso do idioma entre a xente máis nova. O proxecto xurdiu hai dous anos, ao constataren nos centros educativos un retroceso do galego e a consolidación de espazos escolares cada vez máis castelanizados. Tras outras accións conxuntas, a comarca contará agora con Salnesiña, unha mascota creada por Yoli Martínez e concibida como símbolo común da promoción lingüística.

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder