Asturias avanzou cara á súa primeira Lei de bibliotecas e fomento da lectura, coa creación dun sistema bibliotecario propio e novas ferramentas de planificación e coordinación. O proxecto reforza a rede pública e reduce a 2000 habitantes o limiar para dispor de biblioteca, aínda que prevé alternativas para os concellos máis pequenos. Porén, o texto non inclúe medidas específicas para garantir a presenza de libros en asturiano nin para visibilizar a produción literaria do país.
Información do día a día do galego e outras linguas
Novas
Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas.
O sector editorial galego edita arredor de 3000 títulos ao ano, dos que seis de cada dez están escritos en galego, segundo os datos manexados pola Consellería de Cultura. A actividade tamén gaña peso económico, cunha facturación de 27,6 millóns de euros, máis da metade procedente de obras publicadas na lingua propia. O bo momento do sector acompáñase dun incremento da lectura en galego, nun contexto no que o Goberno galego prepara novas actuacións dentro do Plan de Dinamización da Lectura.
O Goberno de Nova Zelandia ampliará un programa de desenvolvemento da linguaxe a centos de centros de educación infantil para mellorar as habilidades comunicativas das crianzas. A iniciativa responde á crecente preocupación polo impacto do uso excesivo de pantallas no fogar, que, segundo as autoridades educativas, pode contribuír aos atrasos na adquisición da linguaxe.
Fonte: 1news
Con motivo do Día Mundial da Lingua Suahili, celebrado cada ano no día 7 de xullo, as Nacións Unidas poñen en valor o papel desta lingua como ferramenta de cohesión social, intercambio cultural e desenvolvemento sostible. O suahili, falado por máis de 200 millóns de persoas en África e noutras partes do mundo, é a única lingua africana recoñecida cun día internacional pola ONU.
Fonte: United Nations
A Universidade de Malta presentou os seus primeiros cursos de maltés en liña e de acceso flexible, deseñados para que o alumnado principiante poida aprender ao seu propio ritmo. A iniciativa busca facilitar a aprendizaxe da lingua tanto a persoas residentes como á diáspora e a estudantes internacionais, ampliando o acceso ao maltés mediante unha formación dixital adaptada a diferentes niveis de coñecemento.
Fonte: Lovin Malta
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou na presentación do festival-xornada de portas abertas na Casa de Rosalía Abride a Fiestra, que organiza a Fundación Rosalía de Castro co apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude o día 12 de xullo. Nel poderase gozar das participacións de De Vacas, Coro da Ra, Federico Pérez Rey, Cé Orquestra Pantasma, Manuel Rivas, Anxos Sumai, Pecha a Cansela, Pepe Barro, DJ Peter Sélek e Icía García, entre outras.
O Consello de Goberno vasco aprobou unha convocatoria de 650.000 euros para apoiar en 2026 o desenvolvemento de longametraxes, series e miniseries. As axudas cubrirán gastos previos á rodaxe como guión, dereitos, promoción, mercados, casting ou asesoramento. A convocatoria establece contías máximas segundo o formato, o xénero e a lingua, con importes superiores para proxectos realizados en éuscaro.
A Fundación Otero Pedrayo e a Asociación de Amigos de Ramón Otero Pedrayo convocan o Premio de Oratoria «Orador do Ano Oteriano 2026 Ramón Otero Pedrayo». O certame, enmarcado nas actividades do Ano Oteriano, premiará pezas gravadas en galego e centradas no pensamento, na obra, na figura ou no legado cultural do autor.
Fonte: Consello da Cultura Galega
Cardiff alcanzou o maior número de persoas falantes de galés da súa historia, segundo os últimos datos municipais. O aumento atribúese principalmente á expansión do ensino en galés, ao crecemento da aprendizaxe entre persoas adultas e ás políticas de promoción da lingua. A evolución reforza o papel da capital galesa na revitalización do idioma e no avance cara ao obxectivo do Goberno galés de chegar ao millón de falantes en 2050.
Fonte: Wales Online
O Consello Nacional de Educación de Portugal recomenda crear aulas máis diversas, evitando grupos formados só por alumnado migrante, e reforzar o ensino do portugués como lingua no materna para facilitar a aprendizaxe do portugués, garantir o acceso ao programa e promover unha educación intercultural que valore a diversidade lingüística e favoreza a integración escolar.
Fonte: Público
Boletín
Subscríbase ao boletín



