Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    03 de xullo de 2026

    O Goberno de Nova Zelandia ampliará un programa de desenvolvemento da linguaxe a centos de centros de educación infantil para mellorar as habilidades comunicativas das crianzas. A iniciativa responde á crecente preocupación polo impacto do uso excesivo de pantallas no fogar, que, segundo as autoridades educativas, pode contribuír aos atrasos na adquisición da linguaxe. 

    Fonte: 1news

    03 de xullo de 2026

    Con motivo do Día Mundial da Lingua Suahili, celebrado cada ano no día 7 de xullo, as Nacións Unidas poñen en valor o papel desta lingua como ferramenta de cohesión social, intercambio cultural e desenvolvemento sostible. O suahili, falado por máis de 200 millóns de persoas en África e noutras partes do mundo, é a única lingua africana recoñecida cun día internacional pola ONU.

    Fonte: United Nations

    03 de xullo de 2026

    A Universidade de Malta presentou os seus primeiros cursos de maltés en liña e de acceso flexible, deseñados para que o alumnado principiante poida aprender ao seu propio ritmo. A iniciativa busca facilitar a aprendizaxe da lingua tanto a persoas residentes como á diáspora e a estudantes internacionais, ampliando o acceso ao maltés mediante unha formación dixital adaptada a diferentes niveis de coñecemento.

    Fonte: Lovin Malta

    02 de xullo de 2026

    O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou na presentación do festival-xornada de portas abertas na Casa de Rosalía Abride a Fiestra, que organiza a Fundación Rosalía de Castro co apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude o día 12 de xullo. Nel poderase gozar das participacións de De Vacas, Coro da Ra, Federico Pérez Rey, Cé Orquestra Pantasma, Manuel Rivas, Anxos Sumai, Pecha a Cansela, Pepe Barro, DJ Peter Sélek e Icía García, entre outras.

    02 de xullo de 2026

    O Consello de Goberno vasco aprobou unha convocatoria de 650.000 euros para apoiar en 2026 o desenvolvemento de longametraxes, series e miniseries. As axudas cubrirán gastos previos á rodaxe como guión, dereitos, promoción, mercados, casting ou asesoramento. A convocatoria establece contías máximas segundo o formato, o xénero e a lingua, con importes superiores para proxectos realizados en éuscaro.

    02 de xullo de 2026

    A Fundación Otero Pedrayo e a Asociación de Amigos de Ramón Otero Pedrayo convocan o Premio de Oratoria «Orador do Ano Oteriano 2026 Ramón Otero Pedrayo». O certame, enmarcado nas actividades do Ano Oteriano, premiará pezas gravadas en galego e centradas no pensamento, na obra, na figura ou no legado cultural do autor.

    Fonte: Consello da Cultura Galega

    01 de xullo de 2026

    Cardiff alcanzou o maior número de persoas falantes de galés da súa historia, segundo os últimos datos municipais. O aumento atribúese principalmente á expansión do ensino en galés, ao crecemento da aprendizaxe entre persoas adultas e ás políticas de promoción da lingua. A evolución reforza o papel da capital galesa na revitalización do idioma e no avance cara ao obxectivo do Goberno galés de chegar ao millón de falantes en 2050.

    Fonte: Wales Online

    01 de xullo de 2026

    O Consello Nacional de Educación de Portugal recomenda crear aulas máis diversas, evitando grupos formados só por alumnado migrante, e reforzar o ensino do portugués como lingua no materna para facilitar a aprendizaxe do portugués, garantir o acceso ao programa e promover unha educación intercultural que valore a diversidade lingüística e favoreza a integración escolar.

    Fonte: Público

    01 de xullo de 2026

    Un estudo internacional liderado pola UPF conclúe que preto de 2000 linguas comparten patróns para reutilizar palabras ou partes delas sen comprometer a claridade comunicativa. A investigación, publicada en Nature Human Behaviour, analizou case 2000 idiomas de 193 familias lingüísticas a partir da base de datos Lexibank. O traballo mostra que as linguas tenden a aforrar léxico cando o contexto evita a ambigüidade, mais crean formas diferenciadas cando existe risco de confusión.

    01 de xullo de 2026

    O Dicionario galego-ruso, impulsado polo investigador Aleksandr Dziuba, conta cunha segunda edición corrixida e ampliada que alcanza as 21.000 entradas. A obra, nacida en 2020, procura facilitar a aprendizaxe e a tradución directa entre o galego e o ruso, sen depender de linguas intermediarias. A nova versión incorpora máis de 10.000 lemas, revisa contidos anteriores e amplía significados, fraseoloxía e léxico de uso común ou especificamente galego.

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder