Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    09 de xullo de 2026

    A Real Academia Galega dedicará o Día das Letras Galegas de 2027 a Xosé Neira Vilas, nunha decisión adoptada por unanimidade. A institución homenaxeará a súa ampla traxectoria como escritor, editor, investigador e activista cultural, así como a súa contribución á proxección da lingua galega e ao relato da emigración galega en América.

    Fonte: Real Academia Galega

    08 de xullo de 2026

    O Instituto de Estudos Cataláns advirte, tras analizar vídeos de monitorado de ximnasio, dunha forte interferencia do castelán e do inglés no catalán empregado nas clases. O informe sinala carencias fonéticas, morfolóxicas, sintácticas e léxicas, ademais dun uso insuficiente da terminoloxía deportiva propia, polo que reclama maior coidado do rexistro profesional e máis conciencia lingüística no sector.

    08 de xullo de 2026

    O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou no acto de entrada do Arcón da Memoria e o recoñecemento ás persoas e entidades que preservan o patrimonio deste territorio único, que acolleu a Igrexa de Santiago de Rubiás organizado pola Asociación de Amigos e Amigas do Couto Mixto.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    08 de xullo de 2026

    O escenario de Atardecer no Gaiás terá esta semana como protagonista absoluto a 9Louro. O rapeiro de Muros actuará o xoves día 9 de xullo no ciclo de concertos gratuítos ao aire libre organizados pola Xunta de Galicia na Cidade da Cultura.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    08 de xullo de 2026

    A cidade de Nova York lanzou NYC Language Explorer, unha ferramenta interactiva baseada en datos do censo que permite consultar as linguas faladas en barrios e distritos. O recurso está pensado para axudar as administracións públicas, fornecedores de servizos, investigadores e cidadanía a identificaren as necesidades lingüísticas da poboación e mellorar a planificación e o acceso aos servizos públicos.

    Fonte: Cities Today

    08 de xullo de 2026

    Euronews lanzou un novo servizo informativo en lingua kazaka, o primeiro en Asia Central da súa rede internacional. A iniciativa reforza a presenza do grupo en Casaquistán e busca ampliar o acceso á información internacional e á actualidade da rexión.

    Fonte: Euronews

    07 de xullo de 2026

    A Obra Cultural Balear reclamoulle ao Ministerio de Transportes que modifique o nome oficial do aeroporto de Palma para axustalo á toponimia vixente. A entidade propón as fórmulas Aeroporto de Palma (Mallorca) ou Aeroporto de Palma-Mallorca, co fin de manter a referencia á illa sen empregar unha denominación da cidade que considera allea á legalidade actual.

    Fonte: Diari de la Llengua

    07 de xullo de 2026

    A Deputación de Pontevedra destinará 150.000 euros a 61 entidades sen ánimo de lucro de 28 concellos da provincia para promover iniciativas de dinamización da lingua galega. As axudas permitirán impulsar proxectos relacionados coa toponimia, a creación audiovisual, o uso do galego no ámbito económico e actividades culturais e literarias, co obxectivo de reforzar a presenza social da lingua.

    07 de xullo de 2026

    A Xunta apoiará o desenvolvemento de 22 proxectos audiovisuais, entre longametraxes, documentais, curtametraxes, coproducións internacionais e unha serie, co propósito de fortalecer o sector en Galicia. A convocatoria destaca polo protagonismo do galego, xa que a práctica totalidade das obras susceptibles de rodárense nesta lingua contará con versión orixinal galega.

    07 de xullo de 2026

    O Goberno flamengo estuda modificar os criterios de admisión nas escolas de ensino en neerlandés de Bruxelas ante o aumento da demanda por parte de familias francófonas e internacionais. O obxectivo é permitir que o alumnado flamengo poida obter praza nestes centros, considerados máis atractivos polos seus bos resultados académicos. 

    Fonte: Brussels Times

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder