Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    21 de xullo de 2026

    A renovación da Carta da BBC preséntase como unha oportunidade decisiva para garantir o futuro do gaélico escocés, unha das linguas autóctonas do Reino Unido, mediante un financiamento máis estable para os servizos audiovisuais en gaélico, especialmente para BBC Alba e MG Alba. Os defensores desta medida consideran que os medios de comunicación desempeñan un papel esencial na transmisión, visibilización e normalización da lingua no século XXI.

    21 de xullo de 2026

    A localidade de Bovey Tracey, no condado inglés de Devon, puxo en marcha o Deaf Café, un espazo de encontro para persoas xordas e ouvintes no que practicar a lingua de signos británica (BSL) e favorecer a inclusión. A iniciativa, impulsada polo mozo Bradley Oliver, busca reducir o illamento social nas zonas rurais, promover a aprendizaxe da lingua de signos e crear un punto de encontro para compartir experiencias.

    Fonte: BBC

    21 de xullo de 2026

    A UABRA ofrece por segundo ano unha programación estival centrada na lingua asturiana. As 50 persoas matriculadas poderán formarse no uso da intelixencia artificial aplicada á creación de materiais didácticos nesta lingua, así como preparar o nivel C1 para as probas de outubro ou afondar na presenza do movemento obreiro na literatura asturiana.

    21 de xullo de 2026

    O Concello de Pamplona convocou a 36.ª edición do Certame Literario en Éuscaro para autoría novel, con modalidades de poesía e narrativa. Poderán participar persoas nacidas ou residentes en Navarra con obras inéditas e de temática libre, que deberán presentar antes do 26 de outubro. A convocatoria, dotada con 9000 euros, establece tres premios por categoría e varias mencións.

    20 de xullo de 2026

    Dous estudos conclúen que a intelixencia artificial responde de forma diferente segundo a lingua empregada nas consultas, debido aos prexuízos presentes nos datos cos que foi adestrada. As investigacións advirten de que esta situación prexudica especialmente as linguas con menor presenza dixital e pode reforzar desigualdades lingüísticas e informativas.

    Fonte: Diari de la Llengua

    20 de xullo de 2026

    Diversas voces reclamaron aos representantes unionistas de Irlanda do Norte que condenen a aparición de bandeiras unionistas con lemas obscenos dirixidos contra a lingua irlandesa. As bandeiras, colocadas en rúas de Belfast e acompañadas do logotipo do Concello da cidade, foron cualificadas como un ataque ao respecto lingüístico e á convivencia entre comunidades.

    Fonte: BBC

    20 de xullo de 2026

    A Axencia Catalá de Consumo duplicou o número de sancións a establecementos por non cumprir a normativa sobre o uso do catalán: tramitáronse 486 expedientes en 2025 fronte á media dos últimos dez anos. As actuacións buscan garantir a presenza do catalán nos comercios, na etiquetaxe, na atención á clientela e nos servizos, combinando inspeccións, plans municipais, voluntariado e colaboración con grandes empresas, así como reforzar o uso da lingua no ensino, no ámbito laboral e nos centros sanitarios.

    20 de xullo de 2026

    O 65 % dos coches das marcas asociadas á Asociación Española de Fabricantes de Automóbiles e Camións (ANFAC) dispoñen xa de manuais dixitais en catalán, tras a incorporación recente de modelos de Stellantis como Abarth, Alfa Romeo, Fiat, Jeep e Lancia. Ademais, Volkswagen estreou unha páxina web de atención á clientela en catalán e Ebro publicará proximamente a versión completa do seu portal nesta lingua.

    20 de xullo de 2026

    O Consello da Cultura Galega propuxo, na xornada “Os Centros de Estudos Galegos a debate”, actuar como mediador e coordinador para fortalecer esta rede, co obxectivo de incrementar a difusión internacional da lingua e da cultura galegas.

    Fonte: Consello da Cultura Galega

    17 de xullo de 2026

    Angola e Mozambique son os únicos países da Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP) que aínda non ratificaron o Acordo Ortográfico de 1990. Ambos os gobernos alegan que o texto non recolle adecuadamente as particularidades do portugués falado nos seus territorios, o peso das linguas nacionais e os elevados custos que suporía a súa aplicación.

    Fonte: DW

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder