O Goberno vasco presentou o Euskara Bonua, un novo sistema que permitirá aprender éuscaro cun único pagamento inicial de 120 euros e durante un período de até catro anos. A medida busca reducir as barreiras económicas e, sobre todo, favorecer que as persoas non só inicien a aprendizaxe, senón que a continúen até acadar unha capacidade real de uso cotián. O modelo implantarase de forma progresiva e pretende substituír a lóxica de cursos illados por itinerarios flexibles e completos.
Información do día a día do galego e outras linguas
Novas
Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas.
O Concello de Fene organizará unha nova edición do campus lingüístico «Verán máis alá», unha proposta de lecer educativo en galego pensada para favorecer tamén a conciliación familiar e laboral. A actividade diríxese a alumnado de educación infantil e primaria, nado entre 2014 e 2022, e desenvolverase en dúas quincenas durante o mes de xullo de 2026.
Fonte: Consello da Cultura Galega
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, visitou o colexio público de Ribadavia onde felicitou ao grupo gañador do Concurso-Exposición Letras Galegas 2026, que organiza a Xunta de Galicia “implicando á cativada e á comunidade escolar nun proxecto que fomenta o interese pola nosa cultura e a nosa lingua a través dunha efeméride tan destacada como as Letras”, apuntou.
A Xunta de Galicia acaba de publicar no Diario Oficial de Galicia as datas para a realización dos exames que permiten obter os certificados oficiais que acreditan o coñecemento da lingua galega e que se celebrarán entre o 23 de maio e o 6 de xuño en Santiago de Compostela, Ponferrada e, tras máis dunha década, volverán facerse tamén en Madrid.
O Museo Nacional de Damasco acolle unha mostra dedicada á evolución da escritura e ao legado do antigo alfabeto de Ugarit. A exposición destaca a relevancia histórica de Siria no desenvolvemento dos primeiros sistemas de escritura.
Fonte: Middle East Online
A BBC lanzou o pódcast Learn Cornish para promover a aprendizaxe do córnico, unha lingua celta que está a vivir un rexurdimento cultural en Cornualles. A iniciativa chega pouco despois de que o córnico obtivese un maior nivel de protección oficial no Reino Unido, o que obriga as institucións a impulsaren a súa presenza na educación e nos medios.
Fonte: The Guardian
O Concello de Vitoria-Gasteiz aprobou unha convocatoria de axudas de 199 000 euros para proxectos que promovan o uso do éuscaro, 30 000 máis ca no exercicio anterior. As subvencións diríxense a persoas e entidades privadas que desenvolvan iniciativas nos ámbitos educativo, deportivo, cultural, comunicativo e de lecer. A convocatoria estrutúrase en catro liñas, desde accións de sensibilización en asociacións de familias até proxectos para mudar hábitos lingüísticos, apoio a medios en éuscaro e actividades arredor do Día Internacional do Éuscaro.
O Goberno vasco destinará até 1,15 millóns de euros en 2026 á formación en éuscaro da Ertzaintza, mediante un acordo entre a Academia Vasca de Policía e Emerxencias e HABE. A iniciativa permitirá impartir cursos para acreditar os perfís lingüísticos 1 e 2, así como formar o alumnado que accede á escala básica da Policía vasca. Con esta colaboración, o executivo busca avanzar na normalización do éuscaro na Administración e garantir unha atención máis próxima e axeitada á realidade sociolingüística de Euskadi.
O Goberno español garantirá a continuidade do proxecto de intelixencia artificial en galego desenvolvido pola Universidade de Santiago de Compostela a través do CiTIUS e do Instituto da Lingua Galega, tras os avances acadados co financiamento inicial de 3,4 millóns de euros. Os traballos permitiron crear corpus masivos e modelos lingüísticos abertos que reforzan a presenza do galego na familia pública de IA ALIA.
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou no Teatro Principal compostelán na presentación do documental Begoña Caamaño: navegar no pracer do azul, unha película da Real Academia Galega apoiada pola Xunta de Galicia no marco da programación institucional conmemorativa das Letras Galegas 2026.
Boletín
Subscríbase ao boletín



