Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    28 de xullo de 2026

    Unha atracción de Disneyland París inclúe por primeira vez sinalización en lingua irlandesa, coas palabras "Fáilte" (benvida) e "Slán go fóill" (até logo). A iniciativa foi posible grazas á campaña impulsada durante dous anos por un creador de contidos irlandés e supón un novo recoñecemento internacional para a lingua irlandesa.

    Fonte: RTÉ

    28 de xullo de 2026

    O Principado empregou por primeira vez o asturiano como lingua principal nunha proba selectiva para cubrir tres prazas de filoloxía no Servizo de Planificación e Normalización Lingüística. A decisión, amparada pola Lei de uso de 1998 e coherente coas funcións dos postos, suscitou críticas ao non figuraren expresamente nas bases as condicións lingüísticas do exame. O proceso abre un precedente na incorporación efectiva do coñecemento do asturiano ao acceso ao emprego público.

    28 de xullo de 2026

    O Concello de Berriozar e o Goberno de Navarra impulsarán no curso 2026-2027 unha liña de axudas destinada a reducir o custo da aprendizaxe de éuscaro. Euskarabidea asumirá a totalidade da matrícula nos niveis iniciais A1 e A2, mentres que as subvencións municipais completarán o apoio económico no resto dos casos. Como novidade, o alumnado deberá solicitar primeiro a bolsa autonómica antes de optar á achega local, cuxas condicións definitivas se publicarán en setembro.

    28 de xullo de 2026

    A primeira enquisa sobre a presenza do galego na Administración estatal en Galicia constata un elevado nivel de competencia lingüística entre o persoal público, xa que case o 72 % acredita un Celga 4 ou superior. Ademais, o 43 % utilízao habitualmente no traballo, unha proporción maior nos postos de atención directa. A Delegación do Goberno comprométese a reforzar a formación, os recursos e as medidas organizativas para garantir que a cidadanía poida relacionarse coa Administración na lingua propia do país.

    27 de xullo de 2026

    Diversas investigacións no Canadá conclúen que recibir atención sanitaria na lingua propia mellora a precisión dos diagnósticos, a calidade asistencial e mesmo pode reducir a mortalidade. Os estudos subliñan que garantir os dereitos lingüísticos na sanidade non é só unha cuestión de respecto e igualdade, senón tamén un factor clave para a seguridade e o benestar das persoas pacientes.

    Fonte: Diari de la Llengua

    27 de xullo de 2026

    Un proxecto impulsado nos Estados Unidos permite que nenos e nenas programen pequenos robots capaces de falar linguas indíxenas en perigo de desaparición, como o anishinaabemowin. A iniciativa combina robótica e intelixencia artificial para fomentar a aprendizaxe lingüística entre a mocidade e contribuír á preservación do patrimonio cultural das comunidades nativas.

    Fonte: NPR

    27 de xullo de 2026

    Máis de corenta especialistas de varios países reúnense en Asturias para analizar os desafíos que afrontan as linguas e culturas minorizadas de Europa. O encontro, organizado pola Asociación de Linguas e Culturas Ameazadas de Europa, permite compartir experiencias e reivindicar medidas de protección e normalización. Case catro décadas despois da súa primeira defensa pública, o congreso volve reclamar a oficialidade do asturiano.

    27 de xullo de 2026

    A Deputación de Zaragoza estreará os premios Santa Isabel para recoñecer obras en aragonés de poesía, narrativa e banda deseñada. Cada galardón está dotado con 5000 euros e inclúe a publicación do traballo premiado. A convocatoria procura ampliar a visibilidade da literatura aragonesa e reforzar a súa proxección cultural.

    27 de xullo de 2026

    A Deputación de Pontevedra destinará 150 000 euros a 42 concellos de menos de 50 000 habitantes para reforzaren a presenza social do galego. As achegas, que van desde os 262 ata os 7687 euros, financiarán propostas culturais, educativas e comerciais, entre elas certames, obradoiros, publicacións, ciclos audiovisuais etc. A convocatoria abrangue municipios de todas as comarcas da provincia e procura ampliar o uso da lingua entre públicos e ámbitos diversos.

    27 de xullo de 2026

    A AGAL renovou Topogal, unha ferramenta dixital que permite consultar e xeolocalizar os topónimos de Galicia e Portugal, así como das áreas galegofalantes limítrofes. O recurso, aínda en fase de probas, incorpora información gráfica, histórica e etimolóxica, ademais de datos sobre o uso do artigo ou a advocación de cada lugar.

    Fonte: Nós Diario

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder