Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    01 de agosto de 2026

    A Mesa pola Normalización Lingüística convocou o 4 de agosto unha concentración en Vigo contra a presunta discriminación sufrida por unha clienta galegofalante nun comercio K-Tuin. Segundo a denuncia, o persoal negoulle a posibilidade de expresarse en galego e dificultoulle o acceso á folla de reclamacións mediante actitudes intimidatorias.

    Fonte: Nós Diario

    01 de agosto de 2026

    O pleno da Deputación de Pontevedra apoiou a actualización do Plan xeral de normalización da lingua galega cos votos favorables do PP e do PSdeG, fronte á oposición do BNG. A moción avala a incorporación de novas medidas para estender o uso do galego no espazo público e reclama retomar o diálogo político co fin de acadar un consenso amplo en materia de política lingüística.

    31 de xullo de 2026

    Alxeria reforzará a presenza do inglés no sistema educativo, que pasará a ser a única lingua estranxeira impartida desde o terceiro curso de primaria. O francés incorporarase un ano despois, mentres o Goberno prevé ampliar tamén o ensino do inglés na etapa secundaria. Esta reforma afonda nun proceso iniciado en 2022 para reducir progresivamente o peso do francés na educación, na universidade, na Administración e nas empresas públicas.

    31 de xullo de 2026

    A Secretaría de Políticas Lingüísticas de Paraguai presentou na Universidade Nacional de Itapúa o proxecto para crear o primeiro Corpus Antigo do Español no país. A iniciativa, desenvolvida xunto coa lexicógrafa Estela Peralta e o filólogo José Luis Ramírez Luengo, permitirá reunir e estudar testemuños históricos desta variedade lingüística.

    Fonte: Secretaría de Políticas Lingüísticas

    31 de xullo de 2026

    Un informe do CIEMEN conclúe que o catalán é a lingua de traballo maioritaria no terceiro sector, xa que preto do 80 % das entidades o emprega na comunicación interna e o 60 % inicia nela a atención ao público. Porén, a falta de protocolos e recursos leva con frecuencia o persoal e o voluntariado a mudar de idioma para asegurar a comprensión. O estudo reclama máis formación e apoio institucional para compatibilizar a eficacia asistencial coa función destas organizacións como axentes de integración e normalización lingüística.

    31 de xullo de 2026

    Un estudo publicado en Science sitúa o momento de maior diversidade lingüística hai entre 1000 e 3000 anos, cando poderían existir entre 20.000 e 75.000 idiomas. O retroceso comezou coa expansión dos grandes estados e imperios, que estenderon as súas linguas ao tempo que desprazaban comunidades máis pequenas, e intensificouse posteriormente co colonialismo.

    31 de xullo de 2026

    A Xunta e o Consello da Cultura Galega desenvolverán un recurso educativo dixital para achegar ao alumnado e ao profesorado a xeografía, a paisaxe, a literatura e o patrimonio de Galicia. A plataforma, prevista para o próximo curso, permitirá recoñecer distintos lugares a través da obra de Ramón Otero Pedrayo e doutras referencias culturais. O proxecto busca reforzar a presenza da lingua e da cultura galegas no ensino e divulgar a riqueza cultural e patrimonial de Galicia.

    31 de xullo de 2026

    O Departamento de Política Lingüística abrirá unha liña de axudas para que concellos, entidades municipais descentralizadas e consellos comarcais reforcen o uso efectivo do catalán. A convocatoria poderá financiar ata o 100 % de proxectos de aprendizaxe, dinamización comercial, lecer infantil e xuvenil, cinema, boas prácticas lingüísticas e estudos sociolingüísticos. As subvencións cubrirán tamén gastos de organización, materiais, avaliación e difusión das actuacións.

    31 de xullo de 2026

    O 78,57 % das familias das Illas Baleares escolleu o catalán como lingua do primeiro ensino para o curso 2026-2027, fronte ao 21,42 % que optou polo castelán. A preferencia pola lingua propia foi maioritaria en todas as illas, con especial incidencia en Menorca, onde alcanzou o 89,7 %, mentres que Eivisa presentou os datos máis equilibrados. En total, formalizáronse 7618 matrículas en centros sostidos con fondos públicos.

    31 de xullo de 2026

    A Universidade da Coruña publicou na súa canle de YouTube as gravacións do XIX Curso de Verán sobre Dinamización Lingüística «Traballando en lingua». O encontro, celebrado os días 7 e 8 de xullo en Carballo, abordou a relación entre memoria democrática e normalización do galego.

    Fonte: Consello da Cultura Galega

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder