Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    22 de agosto de 2026

    As traducións de obras escritas en catalán a outras linguas alcanzaron en 2025 unha cifra récord, con 385 títulos publicados, segundo datos do Instituto Ramon Llull. O castelán continúa sendo a principal lingua de destino, seguido do italiano e do portugués, mentres que a literatura infantil e xuvenil concentra case a metade das traducións.

    Fonte: Diari de la Llengua

    22 de agosto de 2026

    O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou a Feira do Libro de Foz, a penúltima parada do circuíto que a Xunta de Galicia impulsa en colaboración coa Federación de Librarías de Galicia, onde convidou a desfrutar “a maiores e pequenos de catro días ateigados de presentacións, lectura e moita cultura con máis dunha trintena de actividades”.

    Fonte: Cultura de Galicia

    21 de agosto de 2026

    A libraría de Llanrwst, considerada a máis antiga do mundo especializada en libros en lingua galesa, reabriu tras ser rescatada por un proxecto comunitario no que participaron 550 persoas. O establecemento, con máis de sete décadas de historia, regresou ao seu histórico local despois de cinco meses nunha sede provisional.

    Fonte: Daily Post

    21 de agosto de 2026

    O Servizo Público de Emprego de Cataluña e o Consorcio pola Normalización Lingüística renovaron o programa Aprèn.cat, que ofrecerá 63 cursos de catalán para persoas demandantes de emprego. A iniciativa, dotada con medio millón de euros, prevé atender preto dun milleiro de persoas e facilitar tanto a mellora das competencias lingüísticas como a obtención de certificados oficiais.

    Fonte: Diari de la Llengua

    19 de agosto de 2026

    A Illa de Arousa acolleu os actos do Día das Galegas nas Letras, organizado pola plataforma de crítica feminista A Sega e dedicado este ano á escritora Begoña Caamaño, tamén recoñecida pola Real Academia Galega no Día das Letras Galegas. O programa inclúe un roteiro pola súa vida e obra, unha mesa redonda con especialistas, un micro aberto e actividades lúdicas.

    Fonte: Cultura galega

    19 de agosto de 2026

    A compañía galesa Theatr Cymru levará a Nova York unha produción en lingua galesa, nun fito para o teatro galés ao converterse na primeira obra deste tipo en realizar unha transferencia aos Estados Unidos. A iniciativa contribúe tamén á proxección internacional da lingua e da cultura galesas.

    Fonte: The Stage

    19 de agosto de 2026

    A música en galego vive un período de auxe, con millóns de reproducións nas plataformas dixitais, concertos multitudinarios e unha crecente presenza entre o público novo. Artistas como Tanxugueiras, Fillas de Cassandra, Mondra, The Rapants, Hard GZ, 9Louro ou Lg1do están a impulsar unha escena que chega a novos públicos e que pode contribuír a reforzar o uso social do galego entre as novas xeracións. Este éxito prodúcese, paradoxalmente, nun contexto de retroceso do uso habitual da lingua segundo as estatísticas oficiais.

    19 de agosto de 2026

    O clásico Star Wars: Episode IV – A New Hope (Unha esperanza nova) será dobrado ao galés por primeira vez con motivo do seu 50 aniversario. A versión emitirase na canle S4C e nas súas plataformas a partir do día de Nadal e contará coas voces de coñecidos actores galeses como Matthew Rhys, Rhys Ifans e Aimee-Ffion Edwards.

    Fonte: BBC

    18 de agosto de 2026

    O programa PESSOAS 2030 reforzou o financiamento destinado á aprendizaxe do portugués por parte de cidadáns estranxeiros. A iniciativa busca facilitar a adquisición e certificación de competencias lingüísticas e favorecer a integración social, cultural e profesional das persoas migrantes en Portugal.

    Fonte: PESSOAS 2030

    18 de agosto de 2026

    O Barómetro WOOK 2026 revela un aumento da lectura regular en Portugal e unha maior presenza de obras noutras linguas, especialmente en inglés. O 72 % das persoas consultadas afirma ler con regularidade e arredor dun terzo dos lectores habituais tamén le en inglés, principalmente por gusto persoal, necesidades profesionais ou para practicar unha lingua estranxeira.

    Fonte: Sapo

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder