Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    28 de agosto de 2026

    Un estudo do Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts (MIT) e da Universidade de Boston revela que a rede cerebral encargada de procesar a linguaxe permanece practicamente intacta nas persoas maiores, mesmo cando diminúen capacidades como a memoria de traballo, a atención ou a resolución de problemas.

    Fonte: MIT News

    28 de agosto de 2026

    A lingua kurda incorporarase oficialmente ao sistema educativo de Siria a partir do curso 2026-2027, nun fito histórico para o recoñecemento lingüístico da comunidade kurda. A medida permitirá por primeira vez a presenza formal do kurdo nas escolas do país.

    Fonte: The Medialine

    28 de agosto de 2026

    O número de nenos e nenas que comezan a escolarización en lingua húngara en Eslovaquia manterase practicamente estable, con arredor de 3454 alumnos e alumnas, despois de varios anos de retroceso. A evolución supón un alivio para a minoría húngara do país, aínda que a estabilidade chega tras unha prolongada tendencia á baixa.

    Fonte: Hungary Today

    28 de agosto de 2026

    A Obra Cultural Balear denunciou que a web e a aplicación Espai Salut da sanidade pública das Illas Baleares non garanten plenamente o uso do catalán e reclamou ao Goberno do arquipélago que corrixa estas carencias. Segundo a entidade, unha parte relevante dos contidos e servizos, incluídos trámites da tarxeta sanitaria, informes médicos e información sobre medicación, só están dispoñibles en castelán. A OCB considera que esta situación pode vulnerar a normativa lingüística vixente e lembra que os dereitos da cidadanía deben manterse tamén nos servizos dixitais.

    28 de agosto de 2026

    O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, xunto ao secretario xeral da Lingua, Valentín García, presentaron o festival Eferro Foliada 2026, que se celebrará o vindeiro 12 de setembro en Merza, unha nova edición que volve situar o rural galego como escenario e motor de cultura, dinamización económica e atracción turística, nunha reivindicación do potencial do rural galego para crear cultura, atraer visitantes e preservar a identidade propia.

    28 de agosto de 2026

    O Goberno vasco aprobou unha convocatoria de 1,63 millóns de euros para apoiar durante o curso 2026-2027 os proxectos de xestión lingüística dos centros privados concertados. As iniciativas deberán partir da realidade sociolingüística de cada centro e orientar as súas actuacións cara á mellora do uso e da competencia en éuscaro, sen deixar de lado o resto das linguas do currículo. As axudas financiarán horas de dedicación do profesorado para deseñar, aplicar e avaliar estes plans, que contarán ademais con asesoramento técnico especializado.

    28 de agosto de 2026

    O Museo do Videoxogo de Galicia recuperou Terra Terremota, unha peza de 1998 considerada o primeiro videoxogo coñecido con voces gravadas en galego. Vinculada á escena do rock bravú, a obra combinaba creación dixital, música e crítica social arredor de cuestións que marcaron a Galicia de finais dos noventa. Tras un proceso de investigación e conservación, o título xa pode xogarse no MUVI no seu formato orixinal e incorporarase tamén aos fondos da Biblioteca de Galicia.

    28 de agosto de 2026

    As persoas inmigrantes residentes en Galicia presentan o maior nivel de coñecemento da lingua cooficial entre as cinco comunidades bilingües analizadas nun estudo das universidades de Lleida e Rovira i Virgili. Porén, esa maior competencia en galego non se traduce nunha mellora significativa das oportunidades laborais nin no acceso a postos cualificados. A situación contrasta coa de Euskadi, Cataluña e Baleares, onde o dominio da lingua propia si se relaciona cunha maior presenza en empregos de maior cualificación.

    27 de agosto de 2026

    O Euskaltegi Municipal Zornotza facilitará durante o curso 2026/2027 o acceso á aprendizaxe do éuscaro con tarifas reducidas para distintos colectivos, entre eles persoas desempregadas, mocidade e alumnado dos niveis iniciais. A oferta abranguerá formación presencial de A1 a C1, en quendas de mañá e tarde, ademais dunha modalidade de autoaprendizaxe. As clases desenvolveranse entre outubro e xuño, con diferentes cargas lectivas segundo o nivel.

    27 de agosto de 2026

    O Campo da Leña da Coruña acolle o venres 28 de agosto a Festa do Apego, unha proposta municipal orientada a reforzar a presenza do galego na vida cotiá e a favorecer a súa transmisión entre xeracións. A programación, gratuíta e aberta ao público, diríxese especialmente ás familias e ás crianzas, co obxectivo de vincular a lingua con espazos de lecer e convivencia.

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder