Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    02 de setembro de 2026

    A editorial grovense Patasdepeixe publicará o 10 de setembro «A avoa da Grúfala», terceira entrega da coñecida serie infantil de Julia Donaldson e Axel Scheffler. A edición galega chegará ás librarías de maneira simultánea ao lanzamento internacional, un feito pouco habitual para unha lingua minorizada.

    Fonte: Faro de Vigo

    02 de setembro de 2026

    Sant Josep de sa Talaia celebra do 4 ao 22 de setembro a oitava edición de “Units pel nostre parlar”, cun programa de máis de vinte actividades arredor do catalán, a cultura popular e o patrimonio de Eivisa. A iniciativa procura reforzar o coñecemento e a transmisión da lingua e das tradicións propias, coa participación de asociacións, centros educativos e axentes culturais. Música, cinema, literatura, obradoiros, propostas audiovisuais... conforman unha programación dirixida a públicos de diferentes idades.

    02 de setembro de 2026

    A Obra Cultural Balear propuxo unha reunión coa nova cónsul de Alemaña nas Illas Baleares para defender o catalán como ferramenta de integración da comunidade alemá en Mallorca. A entidade sostén que a convivencia require unha participación activa na sociedade de acollida e un maior coñecemento da súa realidade lingüística e cultural. Ao seu xuízo, o uso do catalán contribúe á cohesión social e evita a formación de comunidades desvinculadas entre si.

    01 de setembro de 2026

    O Concello da Coruña licitou por preto de 50.000 euros a elaboración dun plan de normalización lingüística que definirá unha folla de ruta para ampliar o uso do galego no ámbito municipal e na vida cotiá. O documento partirá dunha diagnose sociolingüística e incorporará medidas concretas, indicadores de seguimento e un estudo demoscópico.

    01 de setembro de 2026

    A Universidade Nacional de Tres de Febrero desenvolveu o Mapa PoLinguAr, unha ferramenta interactiva que permite coñecer a distribución territorial das competencias lingüísticas da mocidade arxentina. A cartografía baséase nos datos de máis de dous millóns de persoas beneficiarias das bolsas PROGRESAR e abrangue linguas internacionais, migratorias e rexionais. O recurso pretende apoiar tanto a planificación de políticas educativas como a investigación sobre diversidade lingüística e territorio.

    01 de setembro de 2026

    Os concellos de Oarsoaldea impulsan durante setembro unha campaña para animar as persoas chegadas recentemente doutros países a achegárense ao éuscaro. A iniciativa presenta a lingua como unha ferramenta de integración, convivencia e participación social, adaptada ás posibilidades e circunstancias de cada persoa. A mensaxe difundirase a través de distintos soportes, co obxectivo de favorecer a incorporación da nova veciñanza á vida da comarca.

    01 de setembro de 2026

    Donald Trump ordenou substituír nos organismos federais dos Estados Unidos o nome do lago Ontario por lago América, unha decisión que provocou o rexeitamento do Canadá e das comunidades indíxenas vinculadas historicamente ao topónimo. Representantes wendat e wyandotte consideran que a medida menospreza a súa identidade e borra parte do seu legado cultural. O cambio terá efectos unicamente no ámbito interno estadounidense e carecerá de recoñecemento internacional.

    01 de setembro de 2026

    Ames abre do 2 ao 11 de setembro o prazo de inscrición nos obradoiros “En galego, co teu acento!”, destinados a facilitar o achegamento á lingua e á cultura galegas e a favorecer a integración social das persoas de fóra de Galicia. A iniciativa, gratuíta e de carácter práctico, desenvolverase en Bertamiráns e no Milladoiro, con 30 horas de formación en horario de mañá. As persoas participantes que completen o 90 % das sesións recibirán un diploma acreditativo.

    31 de agosto de 2026

    O Observatorio de Software de Código Aberto da Comisión Europea valorou positivamente ALIA, a infraestrutura pública de intelixencia artificial impulsada polo Estado español con modelos abertos e multilingües. O proxecto procura reducir a dependencia de solucións propietarias e corrixir o predominio do inglés nos sistemas actuais, ao incorporar linguas como o galego, o catalán e o éuscaro.

    31 de agosto de 2026

    O Departamento de Educación de Navarra abriu ata o 10 de setembro un novo prazo de matrícula para os cursos de éuscaro para persoas adultas do euskaltegi público Zubiarte de Uharte. A oferta abrangue todos os niveis, modalidades presenciais, en liña e de autoaprendizaxe, con horarios adaptados tamén ás quendas laborais. Como novidade, incorporaranse grupos sénior, ademais de grupos de conversa nos niveis B2 e C1.

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder