Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    11 de setembro de 2026

    Estudos europeos sinalan que o coñecemento de linguas estranxeiras pode supor unha vantaxe laboral nos Países Baixos, aínda que a súa importancia varía segundo o sector e o posto de traballo. O inglés mantén un papel especialmente relevante nos ámbitos internacionais, mentres que outras linguas, como o portugués, tamén poden abrir novas oportunidades no mercado laboral neerlandés.

    Fonte: Região Sul

    11 de setembro de 2026

    O Concello de Xirona puxo en marcha unha campaña para achegar o catalán ás persoas estranxeiras que visitan a cidade e dar a coñecer a lingua como parte do seu patrimonio cultural. A iniciativa inclúe paneis informativos en zonas turísticas e a distribución de materiais bilingües con expresións básicas, información lingüística e recursos para aprender o idioma. O obxectivo é convidar as persoas visitantes a descubrir o catalán e reforzar a súa presenza social.

    11 de setembro de 2026

    O Goberno vasco presentou a campaña de matrícula nos euskaltegis para o curso 2026-2027, coa posta en marcha de Euskara Bonua como principal novidade. Este novo sistema pretende facilitar unha aprendizaxe máis continuada do éuscaro ata o nivel B1, reducindo trámites e ampliando progresivamente a gratuidade. A iniciativa reúne o apoio de diversas institucións e entidades para impulsar que máis persoas aprendan e incorporen a lingua á súa vida cotiá.

    11 de setembro de 2026

    A cantautora galega Uxía e o músico cubano Silvio Rodríguez presentan «O teu nome é bandeira», unha canción dedicada á escritora e xornalista Begoña Caamaño. O tema supón a primeira interpretación de Rodríguez en galego e nace como unha homenaxe á amizade entre ambos artistas e á figura da autora galega.

    Fonte: Galicia Confidencial

    11 de setembro de 2026

    A Real Academia Galega presentou o Dicionario castelán-galego en liña (DRAGBIL), unha nova ferramenta dixital orientada á consulta e á aprendizaxe da lingua galega. O recurso incorpora unhas 26.000 entradas, máis de 55.000 acepcións e numerosos sinónimos e expresións, froito dun traballo de actualización iniciado en 2014.

    Fonte: Real Academia Galega

    10 de setembro de 2026

    A cidade de Lugo acollerá do 21 ao 26 de setembro a XLVIII Semana de Cine, impulsada polo Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá. A Xunta colabora un ano máis con este encontro, no que se proxectarán 135 títulos, dos que 50 son producións galegas.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    10 de setembro de 2026

    O secretario xeral da Lingua, Valentín García, recibiu un grupo de estudantes do Centro de Estudos Galegos da Universidade de Kiel, de visita de estudos en Galicia, acompañados polo director do CEG, Elmar Eggert; polo lector Daniel de Toro e polo profesor Facundo Reyna.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    10 de setembro de 2026

    O secretario xeral da Lingua, Valentín García, acompañou a Alberto Alonso e a José Río na presentación da obra Entre néboa e devoción, que repasa a historia da igrexa de San Pedro de Cadoalla e da súa romaría (en Becerreá, tamén coñecida como o Mosteiro do Ecce Homo), construída na época baixomedieval.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    10 de setembro de 2026

    O escritor ourensán Francisco Javier Vázquez Losada faise co premio do XI Concurso Balbino de Relatos, convocado por Edicións Fervenza co apoio da Fundación Xosé Neira Vilas e da Xunta de Galicia, entroutras entidades, pola peza A luz de quedar. O xurado comunicou onte a resolución do galardón, creado na memoria de Xosé Neira Vilas, autor á que a Real Academia Galega lle dedica as Letras Galegas 2027.

    10 de setembro de 2026

    A Deputación Foral de Bizkaia envioulle 450 libros en éuscaro á Ikastola de Boise, nos Estados Unidos, para reforzar a aprendizaxe da lingua e o vínculo coa cultura vasca entre o alumnado máis novo. O material, recompilado coa colaboración de diversas entidades, inclúe contos, cancións, recursos sobre historia e propostas para traballar as emocións. A iniciativa busca fortalecer a relación coa diáspora vasca e ampliar as oportunidades de uso do éuscaro fóra de Euskal Herria.

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder