Galicia

RTVE comprométese a emitir programación infantil en galego na canle Clan antes de finais de ano

Radiotelevisión Española comprometeuse a incorporar programación infantil dobrada ao galego na canle Clan antes de que remate 2026. Segundo informou A Mesa pola Normalización Lingüística, entre os primeiros contidos previstos figura a serie Momonster. As emisións realizaranse mediante un sistema dual que permitirá escoller a lingua.

Fonte: La Voz de Galicia

O Concello de Pontevedra convoca unha nova edición do certame de narración oral en galego «Bótalle un conto»

Pontevedra abriu a convocatoria da quinta edición de «Bótalle un conto», un certame que busca promover a narración oral en galego e poñer en valor tanto as persoas galegofalantes como a diversidade dialectal. A iniciativa pretende ademais favorecer o intercambio interxeracional e achegarse especialmente aos institutos e ás universidades. As persoas participantes deberán presentar historias de catro minutos, das que dez pasarán a unha final aberta ao público o 12 de decembro.

Fonte: Concello de Pontevedra

Valentín García participa na presentación do curso Microcredencial Universitaria en mestres e mestras polo galego, da USC

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou na presentación do curso «Microcredencial Universitaria en mestres e mestras polo galego: boas prácticas de normalización lingüística na primeira infancia», unha nova acción formativa que ofrece por primeira vez a Universidade de Santiago (USC) no marco do convenio de colaboración coa Xunta de Galicia baixo a dirección e docencia da profesora e académica da lingua galega María López Sández.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

Valentín García participa en Ourense na mesa redonda «Empresa e galeguidade. Unha tradición con futuro»

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou na mesa redonda «Empresa e galeguidade. Unha tradición con futuro», unha encontro organizado pola Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do Campus de Ourense da Universidade de Vigo baixo a coordinación do profesor e decano da devandita facultade Jesús Vázquez, co obxectivo de promover a reflexión arredor da actividade empresarial, a identidade e a lingua galega.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

Un estudo analiza a situación da lectura en galego

O Consello da Cultura Galega puxo en marcha un estudo para analizar os hábitos de lectura en galego e identificar as condicións que poden favorecer a súa extensión, que se presentará en 2028. Paralelamente, un informe do Observatorio da Cultura Galega sinala que a edición en Galicia mantén unha produción estable e unha forte especialización cultural, aínda que cunha dimensión económica limitada. O estudo destaca o peso do galego, da literatura infantil e xuvenil e das librarías, pero advirte de dificultades en ámbitos como a distribución, a visibilidade e a capacidade comercial.

Fonte: Consello da Cultura Galega

Valentín García acompaña a Ernesto González Seoane no seu ingreso como membro numerario da RAG

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, asistiu ao pleno extraordinario de ingreso de Ernesto González Seoane como membro de número da Real Academia Galega, celebrado do Paraninfo da Universidade de Santiago.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

López Campos dá conta no Parlamento de Galicia das preto de 700 medidas recollidas no Plan xeral de lingua

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, compareceu a petición propia no Pleno do Parlamento de Galicia para dar conta das preto de 700 medidas recollidas no novo Plan xeral de normalización da lingua galega. Fíxoo despois de que a maioría das formacións políticas con representación na Cámara galega chegasen a un acordo para enriquecer este texto froito do traballo de preto de dous anos feito por expertos con achegas de entidades, institucións e particulares.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

A Xunta resolve as axudas para traducir obras en galego a outras linguas e incorporar obras noutras linguas ao galego

A Xunta resolveu as axudas de 2026 para impulsar a tradución de obras galegas a outras linguas e favorecer así a proxección exterior da literatura do país. As subvencións poden acadar os 10.000 euros por obra e abranguen xéneros diversos, desde a narrativa e a poesía ata a banda deseñada e a literatura infantil. A convocatoria tamén apoia a tradución ao galego de obras publicadas orixinalmente noutras linguas, co propósito de reforzar o sector editorial galego.

Fonte: Galicia Confidencial

A Xunta aposta polo estudo da lingua e a cultura galegas en varias universidades de fóra de Galicia

A Xunta destinará 111.000 euros entre 2026 e 2029 a reforzar o estudo e a difusión da lingua e da cultura galegas en catro universidades de Roma, Cork, Madrid e Barcelona. Os convenios permitirán incorporar ensinanzas de lingua, literatura e cultura galegas nos plans de estudo, ademais de contar con persoas lectoras e organizar actividades académicas e culturais. A medida busca ampliar a proxección internacional do galego e consolidar a súa presenza no ámbito universitario.

Fonte: Galicia Confidencial

Valga acolle un curso de iniciación á lingua e á cultura galegas no que participan persoas de oito países

Valga ofrece un curso gratuíto de introdución á lingua e á cultura galegas no que participan vinte persoas procedentes de oito países e territorios, entre eles Brasil, Arxentina, Uruguai, Estados Unidos e varios estados europeos. A formación busca facilitar a integración sociocultural e fomentar o uso do galego en situacións cotiás mediante contidos prácticos. As persoas participantes recibirán un diploma tras superar unha proba e material para continuar a súa aprendizaxe e preparar o Celga 1.

Fonte: La Voz de Galicia

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder