Galicia

A Universidade de Santiago convoca un ano máis o #traduceTED 2026, o concurso de subtitulación ao galego de vídeos TED

A USC convoca a undécima edición do concurso #traduceTED, destinado a ampliar a oferta de contidos audiovisuais de divulgación científica en galego mediante a subtitulación de charlas TED. A iniciativa está aberta tanto á comunidade universitaria como a persoas adultas alleas á institución, que poderán inscribirse ata o 28 de setembro. Os mellores traballos, que deberán presentarse antes do 31 de outubro, recibirán premios de ata 300 euros.

Fonte: Universidade de Santiago de Compostela

Preséntase en Pontevedra unha campaña para impulsar o uso do galego no comercio local

A Asociación de Empresarios da Mediana e Pequena Empresa de Pontevedra, en colaboración coa Deputación, impulsou a campaña «O galego está de moda» para reforzar o uso da lingua no comercio local. A iniciativa difundiu bolsas e chapas con mensaxes vinculadas ao galego e á compra de proximidade, co obxectivo de dar visibilidade a ambos os ámbitos. A acción tivo unha boa acollida entre a veciñanza e as persoas visitantes, que valoraron positivamente este tipo de propostas de sensibilización.

Fonte: Faro de Vigo

Ames, Carballo, A Coruña e Santiago de Compostela presentan os seus respectivos programas de actividades de fomento do galego

Os programas de actividades destes catro concellos desenvolveranse a partir do mes de setembro no marco do proxecto Apego, iniciativa de dinamización lingüística dirixida a familias con nenos/as de 0-6 anos. No caso de Carballo, inclúense tamén actividades para público infantil de 6 a 12 anos.

Fonte: Consello da Cultura Galega

Estréase a versión dobrada ao galego de “Harry Potter e a pedra filosofal”

O Festival de Cine Fantástico Lóstrego acolleu na Coruña a estrea da versión en galego de Harry Potter e a pedra filosofal, que incorpora unha adaptación integral da pista sonora e novas voces para os personaxes. A dobraxe, recibida favorablemente polo público, nace dun acordo entre a Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia e Warner Bros. Discovery. O filme estará dispoñible proximamente en galego nas plataformas de streaming da distribuidora.

Fonte: Código Cero

Granxa Arqueixal e Viñedos Lareu son as entidades galardoadas na edición de 2026 dos Premios Bacelos de Prata polo seu compromiso co galego

Os Premios Bacelos de Prata 2026 distinguiron a Granxa Arqueixal, de Palas de Rei, e Adegas e Viñedos Lareu, de Chantada, polo seu compromiso coa calidade agroalimentaria, o territorio e o uso do galego. En ambos os casos, a lingua galega forma parte habitual da súa comunicación, da etiquetaxe e da relación coa clientela.

Fonte: Galeguizar Galicia

O Concello de Salceda de Caselas organiza un curso de iniciación ao galego para persoas procedentes de fóra de Galicia

O Concello de Salceda impartirá do 14 ao 30 de setembro un curso gratuíto de iniciación á lingua e á cultura galegas, destinado a persoas maiores de 16 anos procedentes do exterior e residentes en Galicia. A formación busca facilitar a súa integración social e cultural mediante unha primeira aproximación ao galego, con vocabulario, expresións e diálogos básicos, ademais de contidos culturais. O curso, de 20 horas e carácter presencial, servirá tamén como base para acceder posteriormente ás certificacións oficiais de lingua galega.

Fonte: Metropolitano

A editorial Patasdepeixe publica «A avoa da Grúfala» en galego ao mesmo tempo que a súa publicación mundial

A editorial grovense Patasdepeixe publicará o 10 de setembro «A avoa da Grúfala», terceira entrega da coñecida serie infantil de Julia Donaldson e Axel Scheffler. A edición galega chegará ás librarías de maneira simultánea ao lanzamento internacional, un feito pouco habitual para unha lingua minorizada.

Fonte: Faro de Vigo

O Concello da Coruña contará cun plan de normalización lingüística

O Concello da Coruña licitou por preto de 50.000 euros a elaboración dun plan de normalización lingüística que definirá unha folla de ruta para ampliar o uso do galego no ámbito municipal e na vida cotiá. O documento partirá dunha diagnose sociolingüística e incorporará medidas concretas, indicadores de seguimento e un estudo demoscópico.

Fonte: Concello da Coruña 

O Concello de Ames organiza unha nova edición dos seus obradoiros de acollemento lingüístico

Ames abre do 2 ao 11 de setembro o prazo de inscrición nos obradoiros “En galego, co teu acento!”, destinados a facilitar o achegamento á lingua e á cultura galegas e a favorecer a integración social das persoas de fóra de Galicia. A iniciativa, gratuíta e de carácter práctico, desenvolverase en Bertamiráns e no Milladoiro, con 30 horas de formación en horario de mañá. As persoas participantes que completen o 90 % das sesións recibirán un diploma acreditativo.

Fonte: Concello de Ames

O Concello da Baña recupera o Servizo de Normalización Lingüística

O Concello da Baña recuperou o Servizo de Normalización Lingüística, que inicia unha nova etapa compartida co de Negreira para reforzar a presenza e o uso social do galego. Entre as actuacións previstas figuran medidas no ámbito administrativo, programas dirixidos á comunidade educativa e ás familias, así como iniciativas de transmisión da lingua desde a infancia.

Fonte: La Voz de Galicia

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder