Galicia
O Consello da Cultura Galega publica unha tradución ao galego da Odisea

O Consello da Cultura Galega presenta a versión en galego realizada por Evaristo de Sela da Odisea, o célebre poema épico grego atribuído a Homero e considerado unha das obras fundacionais da literatura occidental.
Fonte: Consello da Cultura Galega
O Festival dos Eidos une poesía e memoria democrática arredor do legado de Uxío Novoneyra
Parada do Courel acollerá os días 29 e 30 de agosto unha nova edición do Festival dos Eidos, con recitais, música, conversas e actividades vinculadas á obra de Uxío Novoneyra. O programa incluirá tamén unha ruta pola memoria democrática da aldea, que recuperará episodios relacionados coa represión franquista e coa propia biografía do poeta.
Fonte: Praza Pública
O Foro de Humanidades analizará o papel das TIC e da IA na relación entre patrimonio, paisaxe e territorio
A Universidade de Santiago acollerá unha nova edición do Foro de Humanidades, que centrará os seus debates en enfoques emerxentes sobre a relación entre o patrimonio, a paisaxe e o territorio. O encontro prestará especial atención ás posibilidades que ofrecen as tecnoloxías da información e a intelixencia artificial neste ámbito.
Fonte: USC
Unha guía compostelá abre camiño ás visitas turísticas en gaélico irlandés
Lucía Fernández, tras vivir 24 anos en Irlanda, converteuse na primeira guía turística acreditada en gaélico irlandés e realizou en Santiago unha visita guiada nesta lingua para un grupo de peregrinos. A iniciativa pretende reforzar os vínculos entre Galicia e Irlanda e favorecer novos intercambios culturais, lingüísticos e musicais.
Fonte: La Voz de Galicia
Anxo M. Lorenzo convida a cidadanía a desfrutar de “catro días ateigados de cultura” con máis de 30 actividades na Feira do Libro de Foz
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou a Feira do Libro de Foz, a penúltima parada do circuíto que a Xunta de Galicia impulsa en colaboración coa Federación de Librarías de Galicia, onde convidou a desfrutar “a maiores e pequenos de catro días ateigados de presentacións, lectura e moita cultura con máis dunha trintena de actividades”.
Fonte: Cultura de Galicia
A música en galego vive un dos seus mellores momentos
A música en galego vive un período de auxe, con millóns de reproducións nas plataformas dixitais, concertos multitudinarios e unha crecente presenza entre o público novo. Artistas como Tanxugueiras, Fillas de Cassandra, Mondra, The Rapants, Hard GZ, 9Louro ou Lg1do están a impulsar unha escena que chega a novos públicos e que pode contribuír a reforzar o uso social do galego entre as novas xeracións. Este éxito prodúcese, paradoxalmente, nun contexto de retroceso do uso habitual da lingua segundo as estatísticas oficiais.
Fonte: Cadena SER
A Illa de Arousa homenaxea Begoña Caamaño no Día das Galegas nas Letras
A Illa de Arousa acolleu os actos do Día das Galegas nas Letras, organizado pola plataforma de crítica feminista A Sega e dedicado este ano á escritora Begoña Caamaño, tamén recoñecida pola Real Academia Galega no Día das Letras Galegas. O programa inclúe un roteiro pola súa vida e obra, unha mesa redonda con especialistas, un micro aberto e actividades lúdicas.
Fonte: Cultura galega
A Xunta recorrerá a multa de 3,5 millóns polo programa de auxiliares de conversa
A Xunta de Galicia anunciou que recorrerá pola vía administrativa e xudicial a sanción de 3,5 millóns de euros imposta polo Ministerio de Traballo pola situación laboral dos auxiliares de conversa. O Goberno galego traballa nun programa alternativo para manter este apoio ao ensino de linguas con maior seguridade xurídica.
Fonte: El Correo Gallego
A Xunta destina 500 000 euros á mellora de 39 instalacións para actividades culturais en toda Galicia
A Xunta de Galicia colaborará con 39 concellos para impulsar a modernización e renovación de equipamentos culturais como centros socioculturais, auditorios ou bibliotecas. Así se recolle na resolución de axudas publicada no Diario Oficial de Galicia desta liña de subvencións dotada con 500 000€.
Fonte: Cultura de Galicia
O sistema educativo galego contará con 536 centros plurilingües o próximo curso 2026/27

O sistema educativo galego contará con 536 centros plurilingües o próximo curso 2026/27 nas etapas de Infantil, Primaria, ESO ou Bacharelato e FP. Seis centros decidiron incorporarse a esta iniciativa e outros dous ampliar a súa participación na mesma a outras etapas, o que confirma o incremento progresivo deste modelo, voluntario para os centros, desde a súa posta en marcha.
Fonte: Xunta de Galicia
Boletín
Subscríbase ao boletín