Galicia

Valentín García destaca “a contribución ao prestixio da lingua” do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, enxalzou o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio “como un dos máis relevantes  neste xénero cunha grande transcendencia para a nosa lingua”. Fíxoo na presentación, xunto coa Editorial Galaxia, da publicación gañadora na última edición do 2025, A arte de non morrer. Antropoloxía da lonxevidade galega, do médico Roberto Fernández Álvarez, á vez que anunciou a nova convocatoria do certame.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

A Xunta e o Consello da Cultura impulsan un proxecto dixital que reforzará a presenza da lingua e a cultura galegas no ensino

A Xunta e o Consello da Cultura Galega desenvolverán un recurso educativo dixital para achegar ao alumnado e ao profesorado a xeografía, a paisaxe, a literatura e o patrimonio de Galicia. A plataforma, prevista para o próximo curso, permitirá recoñecer distintos lugares a través da obra de Ramón Otero Pedrayo e doutras referencias culturais. O proxecto busca reforzar a presenza da lingua e da cultura galegas no ensino e divulgar a riqueza cultural e patrimonial de Galicia.

Fonte: Código Cero

Xa están dispoñibles en liña os vídeos da última edición do curso «Traballando en Lingua»

A Universidade da Coruña publicou na súa canle de YouTube as gravacións do XIX Curso de Verán sobre Dinamización Lingüística «Traballando en lingua». O encontro, celebrado os días 7 e 8 de xullo en Carballo, abordou a relación entre memoria democrática e normalización do galego.

Fonte: Consello da Cultura Galega

O Proxecto Nós busca persoas voluntarias para un estudo sobre a fala sintetizada en galego

Esta iniciativa solicita a colaboración cidadá para avaliar como interpretan as persoas a entoación de oracións creadas mediante sistemas de síntese de voz. A participación consiste nunha proba auditiva duns dez minutos, na que deberán identificarse distintos tipos de enunciados e valorar a súa naturalidade. Os resultados contribuirán a perfeccionar as tecnoloxías da fala en galego e a desenvolver ferramentas máis precisas e próximas á expresión humana.

Fonte: Proxecto Nós

Preséntase unha campaña para dar a coñecer a realidade lingüística galega entre as persoas lusófonas

A AGAL puxo en marcha a campaña «Falo galego, fala-me português» para dar a coñecer entre a comunidade lusófona a realidade lingüística de Galicia e favorecer unha comunicación sen cambios de idioma. A iniciativa procura que as persoas portuguesas comprendan o galego como unha lingua próxima e que quen visite Galicia poida expresarse en portugués con naturalidade.

Fonte: Galicia Xa

Valentín García participa en Fisterra na presentación da obra Lope Sánchez de Moscoso

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou en Fisterra na presentación da obra Lope Sánchez de Moscoso, un vizconde no tempo de Enrique IV de Castela. Estudo histórico, análise e colección de documentos, da autoría de Manuel Canosa Trillo e editado co apoio da Xunta de Galicia.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

Case o 72 % do persoal da Administración Xeral do Estado en Galicia acredita un nivel Celga 4 ou superior

A primeira enquisa sobre a presenza do galego na Administración estatal en Galicia constata un elevado nivel de competencia lingüística entre o persoal público, xa que case o 72 % acredita un Celga 4 ou superior. Ademais, o 43 % utilízao habitualmente no traballo, unha proporción maior nos postos de atención directa. A Delegación do Goberno comprométese a reforzar a formación, os recursos e as medidas organizativas para garantir que a cidadanía poida relacionarse coa Administración na lingua propia do país.

Fonte: Galicia Confidencial

Preséntase Topogal, unha ferramenta que permite a consulta de topónimos de Galicia e Portugal

A AGAL renovou Topogal, unha ferramenta dixital que permite consultar e xeolocalizar os topónimos de Galicia e Portugal, así como das áreas galegofalantes limítrofes. O recurso, aínda en fase de probas, incorpora información gráfica, histórica e etimolóxica, ademais de datos sobre o uso do artigo ou a advocación de cada lugar.

Fonte: Nós Diario

Un total de 42 concellos da provincia de Pontevedra beneficiaranse das axudas da Deputación para actividades de dinamización lingüística

A Deputación de Pontevedra destinará 150 000 euros a 42 concellos de menos de 50 000 habitantes para reforzaren a presenza social do galego. As achegas, que van desde os 262 ata os 7687 euros, financiarán propostas culturais, educativas e comerciais, entre elas certames, obradoiros, publicacións, ciclos audiovisuais etc. A convocatoria abrangue municipios de todas as comarcas da provincia e procura ampliar o uso da lingua entre públicos e ámbitos diversos.

Fonte: Deputación de Pontevedra

A Xunta apoia con 350 000 € o desenvolvemento de accións de promoción da lingua en 79 concellos

A Xunta colaborará con 79 concellos no desenvolvemento de accións vencelladas á promoción da lingua a través da liña de subvencións, dotada con 350 000 €, destinada a fomentar servizos lingüísticos nas entidades locais e nas agrupacións de municipios.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder