Galicia
Preséntase un plan para dinamizar o sector do libro en galego
A Plataforma de Editoras Independentes Galegas Afectadas presentou o Plan 30/30, unha proposta coa que pretende reforzar o sector do libro en galego e elevar ata o 30 % a súa cota de vendas en Galicia no ano 2030. A iniciativa, que chega tras os problemas de liquidez derivados das débedas do Consorcio Editorial Galego, reclama máis investimento público, financiamento específico para as editoras e incentivos á compra e á lectura. O documento tamén aposta por fortalecer as bibliotecas, os centros educativos e as librarías, mellorar a distribución e favorecer a proxección exterior da literatura galega. Ademais, propón implicar o ámbito deportivo e empresarial na promoción social da lingua e crear mecanismos de seguimento que permitan avaliar os resultados das medidas.
Fonte: Galicia Confidencial
A Xunta pon en valor a Eferro foliada como unha experiencia que une cultura, tradición e lingua para atraer visitantes ao rural galego

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, xunto ao secretario xeral da Lingua, Valentín García, presentaron o festival Eferro Foliada 2026, que se celebrará o vindeiro 12 de setembro en Merza, unha nova edición que volve situar o rural galego como escenario e motor de cultura, dinamización económica e atracción turística, nunha reivindicación do potencial do rural galego para crear cultura, atraer visitantes e preservar a identidade propia.
Fonte: Xunta de Galicia
O Museo do Videoxogo de Galicia recupera unha obra pioneira considerada o primeiro videoxogo con voces gravadas en galego

O Museo do Videoxogo de Galicia recuperou Terra Terremota, unha peza de 1998 considerada o primeiro videoxogo coñecido con voces gravadas en galego. Vinculada á escena do rock bravú, a obra combinaba creación dixital, música e crítica social arredor de cuestións que marcaron a Galicia de finais dos noventa. Tras un proceso de investigación e conservación, o título xa pode xogarse no MUVI no seu formato orixinal e incorporarase tamén aos fondos da Biblioteca de Galicia.
Fonte: Código Cero
Un estudo conclúe que as persoas inmigrantes de Galicia son as que mellor falan a lingua cooficial da súa comunidade autónoma

As persoas inmigrantes residentes en Galicia presentan o maior nivel de coñecemento da lingua cooficial entre as cinco comunidades bilingües analizadas nun estudo das universidades de Lleida e Rovira i Virgili. Porén, esa maior competencia en galego non se traduce nunha mellora significativa das oportunidades laborais nin no acceso a postos cualificados. A situación contrasta coa de Euskadi, Cataluña e Baleares, onde o dominio da lingua propia si se relaciona cunha maior presenza en empregos de maior cualificación. O estudo atribúe estas diferenzas, entre outros factores, ao distinto peso social e institucional de cada idioma e á súa presenza efectiva no mercado de traballo.
Fonte: Faro de Vigo
Convócase unha nova edición do Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón
O Concello de Dodro abriu a convocatoria da XXXIX edición do Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, creado para impulsar a creación literaria en galego e manter vivo o legado do autor. O certame, dirixido a persoas maiores de idade, concederá 2500 euros á obra gañadora, que tamén será publicada co apoio municipal. Os poemarios deberán ser orixinais e inéditos, estar escritos en galego e ter entre 500 e 800 versos, con liberdade temática e formal.
Fonte. Xuventude
A Coruña acolle a Festa do Apego con actividades para fomentar o uso do galego nas familias

O Campo da Leña da Coruña acolle o venres 28 de agosto a Festa do Apego, unha proposta municipal orientada a reforzar a presenza do galego na vida cotiá e a favorecer a súa transmisión entre xeracións. A programación, gratuíta e aberta ao público, diríxese especialmente ás familias e ás crianzas, co obxectivo de vincular a lingua con espazos de lecer e convivencia.
Fonte: Concello da Coruña
O BNG de Ferrol esixe substituír os carteis de obras que non están en galego
O BNG reclama ao Goberno local de Ferrol que substitúa os carteis informativos das obras de Abrir Ferrol ao Mar e da Cidade do Deporte que están redactados en castelán. A formación nacionalista denuncia un incumprimento da ordenanza municipal de normalización lingüística, que obriga as empresas concesionarias a utilizaren o galego na rotulación.
Fonte: La Voz de Galicia
A Coruña realizará unha enquisa sobre o uso do galego para elaborar o seu primeiro plan lingüístico

O Concello da Coruña impulsará un diagnóstico sociolingüístico que incluirá unha enquisa telefónica a entre 800 e 1200 persoas para coñecer os usos, competencias e actitudes arredor do galego. O estudo analizará tamén a situación por barrios, idade, nivel de estudos e orixe, así como o emprego da lingua dentro da propia administración municipal, e servirá de base para elaborar o primeiro Plan de Normalización Lingüística da cidade, cunha vixencia de cinco anos.
Fonte: Diario Gallego
A Xunta prevé pór en marcha no segundo trimestre o seu programa de auxiliares de conversa

A Consellaría de Educación está ultimando un programa autonómico de auxiliares de conversa que substituirá o estatal e que, segundo o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, podería estar operativo ao comezo do segundo trimestre do curso 2026-2027. A iniciativa xorde despois de que a Xunta decidise abandonar o programa estatal tras recibir unha sanción de 3,5 millóns de euros relacionada coa súa aplicación.
Fonte: Galicia Confidencial
A Xunta agarda avances nos próximos días para renovar o Plan de Normalización Lingüística
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, asegurou que as negociacións para renovar o Plan de Normalización da Lingua Galega continuaron durante agosto. A Xunta xa trasladou ao Parlamento un documento de traballo e confía en que o diálogo entre as formacións participantes permita achegar posicións e presentar novidades nos próximos días.
Fonte: Galicia Confidencial
Boletín
Subscríbase ao boletín