Galicia
Valentín García participa na clausura dos XXXVI Cursos Galego sen fronteiras

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou na clausura da XXXVI edición dos Cursos de lingua e cultura galegas Galego sen fronteiras, organizados pola Real Academia Galega e a Universidade de Santiago de Compostela coa colaboración da Xunta de Galicia, que se desenvolveron na capital de Galicia do 3 ao 24 de xullo, coa participación de 62 estudantes de 18 países de Europa, Asia e América.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
A Festa do Apego na Coruña ofrecerá lecer en galego para as familias con menores de ata seis anos
A Coruña acollerá o 28 de agosto a Festa do Apego 2026, unha xornada gratuíta que ofrecerá ás familias con crianzas de ata seis anos espazos de lecer e socialización en galego. Ademais, durante o outono, as familias participantes no programa Apego poderán asistir a novas propostas de música, teatro, monicreques, narración oral, maxia e obradoiros.
Fonte: Consello da Cultura Galega
O Concello de Narón organiza un curso de introdución á lingua e á cultura galegas

Narón acollerá en setembro un curso gratuíto de iniciación á lingua e á cultura galegas, dirixido a persoas maiores de 16 anos que se acheguen por primeira vez ao idioma. A formación, de 20 horas e cun máximo de 20 prazas, impartirase de maneira presencial os martes e xoves, entre o 3 e o 24 de setembro. A iniciativa busca favorecer a integración sociocultural das persoas participantes e ampliar a comunidade de falantes de galego.
Fonte: Concello de Narón
Un glosario recompila termos en lingua galega relacionados coas eclipses

A Universidade de Santiago de Compostela elaborou un glosario con preto dun cento de termos relacionados coas eclipses, ante a expectación pola que está prevista para o 12 de agosto. O recurso, dirixido a entidades científicas, medios de comunicación e persoas divulgadoras, inclúe definicións, formas galegas e equivalencias en castelán e inglés, co fin de facilitar a creación de contidos rigorosos sobre este fenómeno astronómico.
Fonte: Consello da Cultura Galega
Convócanse axudas para a creación de novos materiais de Esenciais USC, a colección de recursos en galego para a docencia
A Universidade de Santiago de Compostela abriu unha nova convocatoria de axudas para incorporar doce títulos á colección Esenciais USC. A iniciativa permitirá financiar a elaboración e a edición dixital de guías didácticas breves en galego que sintetizan os contidos fundamentais dunha materia ou dunha parte relevante dela, co propósito de facilitar ao alumnado o acceso a materiais de referencia nesta lingua claros e concisos.
Fonte: Consello da Cultura Galega
Unha xornada analiza a situación da rede de Centros de Estudos Galegos
O Consello da Cultura Galega propuxo, na xornada “Os Centros de Estudos Galegos a debate”, actuar como mediador e coordinador para fortalecer esta rede, co obxectivo de incrementar a difusión internacional da lingua e da cultura galegas.
Fonte: Consello da Cultura Galega
López Campos agradece o apoio mostrado polo Consello da Cultura Galega para a seguinte etapa de diálogo que se abre co Plan da lingua

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, agradeceu o clima amable do Consello da Cultura Galega, “unha entidade que tivo un peso moi importante”, dixo, na actualización do Plan xeral de normalización da lingua galega, e que quedou patente na entrega do documento á presidenta da entidade, Dolores Vilavedra.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
Valentín Garcia e Alberte Montes presentan a actividade de dinamización lingüística «Galego pode selo calquera»

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, e o actor Alberte Montes presentaron en Santiago a actividade de dinamización lingüística «Galego pode selo calquera», un monólogo cómico teatral que se poderá gozar no Carballiño, en Boiro, en Ribadeo e en Toén no marco do programa FalaRedes 2026.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
López Campos recibe o agradecemento da Real Academia Galega pola actualización do Plan da lingua que acaba de presentar a Xunta

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, agradeceu “o apoio” do presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, durante o proceso de elaboración da proposta de actualización do Plan xeral de normalización da lingua galega. Fíxoo na entrega ao presidente da entidade do documento que foi presentado onte na Cidade da Cultura.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
A Xornada de Onomástica Galega de 2026 estará centrada na perda da toponimia pola acción do ser humano
A XI Xornada de Onomástica Galega, que este ano ten como lema «Onomástica e ecoloxía», abordará a relación entre os nomes do territorio e a súa transformación pola acción humana. Organizada pola Real Academia Galega, a cita analizará a perda da toponimia vinculada a cambios ambientais, industriais e administrativos, coa participación de especialistas no estudo do patrimonio lingüístico.
Fonte: Real Academia Galega
Boletín
Subscríbase ao boletín