Galicia

Valentín García destaca o “impulso de iniciativas que prestixien a lingua a través de proxectos culturais entre a comunidade escolar”

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou na presentación do XIV Proxecto Didáctico Antonio Fraguas Fraguas. Trátase dunha iniciativa impulsada pola fundación dedicada ao autor e co que colabora a Xunta de Galicia co obxectivo, apuntou, de “favorecer que se leven a cabo actividades entre a comunidade escolar que poñan en valor a lingua, a prestixien e fomenten o seu coñecemento e uso, relacionándoa directamente coa nosa cultura”.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

Publícase no BOP de Pontevedra a Ordenanza municipal de uso da lingua galega de Salceda de Caselas

O Concello de Salceda de Caselas publicou a súa Ordenanza municipal de uso da lingua galega, que establece os criterios lingüísticos que deben seguir a propia institución, os seus organismos dependentes e as empresas concesionarias que actúen por encargo municipal. A norma tamén prevé a creación dun servizo de normalización lingüística, encargado de impulsar e coordinar as políticas de promoción e uso do galego na administración local.

Fonte: Consello da Cultura Galega

Convócanse cursos de linguaxe administrativa galega para persoal da Administración local

A Escola Galega de Administración Pública organiza varias actividades formativas para  persoal que traballa na Administración local, entre as que se atopa o curso en liña «Redacción de documentos técnico-xurídicos en galego» que se impartirá entre o 20 de maio e o 4 de xuño de 2026.

Fonte: Consello da Cultura Galega

A nova entrega de Proxector, iniciativa de divulgación en galego, céntrase na perspectiva de xénero na investigación

A nova entrega de Proxector, iniciativa divulgativa en lingua galega, dedica o seu especial á perspectiva de xénero na investigación científica. Coincidindo co 8 de marzo, a selección reúne recursos audiovisuais e divulgativos que analizan o papel das mulleres na ciencia, as desigualdades na investigación e a necesidade de incorporar unha mirada de xénero para mellorar a calidade do coñecemento. O especial inclúe materiais sobre saúde, historia, igualdade salarial ou migración, todos eles dispoñibles en galego.

Fonte: Consello da Cultura Galega

Constitúese a Comisión de Proxección Institucional de Galicia do Observatorio da Lusofonía

O Consello da Cultura Galega acolleu a constitución da Comisión de Proxección Institucional de Galicia do Observatorio da Lusofonía Paz Andrade, creada para impulsar a relación de Galicia co espazo lusófono. O órgano definiu os seus obxectivos e avaliou o traballo desenvolvido ata o momento.

Fonte: Consello da Cultura Galega

Preséntase a VIII Edición do Certame de Microrrelatos de Vilalba para textos escritos en galego

O Concello de Vilalba convocou a VIII edición do Certame de Microrrelatos, aberto á participación de persoas de todas as idades con textos orixinais escritos en galego. As obras, de ata 100 palabras e que deberán incluír a palabra «libro», competirán nas categorías infantil, xuvenil e adulta.

Fonte: Terra Chá Xa

Preséntanse 850 historias á edición de 2026 do Concurso de microrrelatos da Real Academia Galega e PuntoGal

O IX Concurso de microrrelatos da Real Academia Galega e PuntoGal pechou o prazo de participación con 850 historias presentadas nas tres categorías establecidas. Tras o proceso de lectura e deliberación dos xurados, os nomes das persoas gañadoras daranse a coñecer na primeira semana de xuño. Os textos premiados publicaranse nun volume dixital e tamén na revista Luzes, que colabora coa iniciativa desde a súa creación.

Fonte: Real Academia Galega

A Deputación de Pontevedra aproba novos recursos para o impulso do galego dirixidos aos concellos

O ente provincial aprobou unha nova liña de axudas de 150 000 euros destinada aos concellos de menos de 50 000 habitantes para impulsar actividades de dinamización do galego. Con esta partida, os recursos da Deputación destinados ás entidades locais para promover o uso da lingua ascenden xa a 350 000 euros no que vai de ano. As subvencións permitirán desenvolver iniciativas culturais, tecnolóxicas e sociolingüísticas, así como campañas de promoción do galego no ámbito social e económico.

Fonte: Deputación de Pontevedra

Convócase unha nova edición dos Cursos de verán «Galego sen fronteiras»

A Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega convocan a XXXVI edición dos Cursos de verán de lingua e cultura galegas «Galego sen fronteiras», que se celebrarán en Santiago de Compostela do 3 ao 24 de xullo. O programa, dirixido a alumnado internacional e doutras comunidades autónomas, ofrece formación en tres niveis combinada con actividades culturais e encontros con persoas referentes que desenvolven o seu traballo en galego.

Fonte: Real Academia Galega

A Universidade de Vigo convoca un ano máis o seu certame de poesía, relato curto e tradución en lingua galega

A Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo convoca unha nova edición do seu certame literario en galego, dirixido á comunidade universitaria e dotado con 3600 euros en premios nas modalidades de poesía, relato curto e tradución. Cada categoría contará cun primeiro galardón de 700 euros e dous accésits de 250, para traballos orixinais e inéditos elaborados conforme á normativa oficial da lingua.

Fonte: Universidade de Vigo

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder