Galicia
Valentín García presenta a nova actividade Repunantas, do FalaRedes 2026

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, presentou a nova actividade de dinamización lingüística Repunantas. As punkis da literatura galega. De María a Balteira a Begoña Caamaño, que chegará a sete concellos galegos no marco do FalaRedes 2026 e da man de Inma López Silva e Francisco Castro.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
Valentín García participa na presentación dos segundos Cadernos de Gres
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou no acto de presentación dos segundos Cadernos de Gres, que dá ao prelo a Fundación Xosé Neira Vilas coa colaboración coa Secretaría Xeral da Lingua. Participaron no acto canda o responsable da Lingua o presidente da Fundación Xosé Neira Vilas, Fernando Redondo; o profesor e investigador Xosé Antonio López Silva; o dramaturgo Carlos Labraña e a profesora e editora Alba Rozas.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
O Concello de Parada de Sil adhírese á campaña para a galeguización dos cemiterios
O Concello de Parada de Sil sumouse á campaña para galeguizar os cemiterios cun acto en Santa Mariña no que se reivindicou o uso do galego tamén nas inscricións funerarias e noutros espazos de fonda carga simbólica. A xornada incluíu unha homenaxe ao artesán Xosé Campos, cuxa lápida incorporará unha lenda en recoñecemento á súa traxectoria e ao seu vencello coa lingua. Ademais, descubriuse unha placa de agradecemento ás persoas soterradas por contribuíren a manter vivo o galego. A iniciativa busca afianzar a presenza do idioma como parte natural da memoria colectiva e da vida social.
Fonte: La Región
O Real Club Deportivo incorporará o nome oficial da cidade da Coruña á súa denominación

O Deportivo oficializará en maio a mudanza da súa denominación a Real Club Deportivo da Coruña, co que asume o topónimo correcto da cidade tras décadas de reivindicación social e lingüística. A decisión responde a unha demanda histórica impulsada por colectivos, seareiras e seareiros, entre os que cobrou especial visibilidade a campaña promovida desde o IES Rafael Dieste baixo o lema «O Dépor é da Coruña».
Fonte: Nós Diario
Quiroga contará cun mapa sociolingüístico escolar
Quiroga converterase no primeiro concello lucense e no sexto de Galicia en contar cun mapa sociolingüístico escolar municipal, unha ferramenta coa que se analizará a situación do galego entre o alumnado, as familias e o profesorado dos seus centros educativos. O proxecto, impulsado pola Real Academia Galega, o Concello e a Secretaría Xeral da Lingua, busca obter un diagnóstico preciso que sirva de base para deseñar accións de normalización máis eficaces. Ademais, os datos achegarán unha radiografía útil non só para o municipio, senón tamén para outros concellos con realidades sociolingüísticas semellantes.
Fonte: Real Academia Galega
Valentín García destaca “a implicación da veciñanza na conservación dun tesouro como é a toponimia”

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, destacou na presentación da novena edición da campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra, onde destacou “a importancia da implicación da veciñanza coa conservación e recuperación dun dos nosos maiores tesouros, que é a toponimia”. Así, o representante da Xunta incidiu en que nesta edición da iniciativa divulgativa, coordinada pola Real Academia Galega coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, “participarán 12 novos concellos, polo que teremos alcanzado nestes anos un total de 120 municipios”.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
Danse a coñecer os proxectos gañadores dos VII Premios Mil Primaveras
Os Premios Mil Primaveras recoñeceron na súa edición de 2025 catro iniciativas destacadas pola súa contribución á promoción do galego, con especial atención á implicación da mocidade, á mellora da aprendizaxe e ao reforzo do prestixio da lingua. O xurado salientou proxectos que fomentan o uso do idioma en contextos positivos, ofrecen recursos accesibles e crean espazos de lecer en galego. Nesta sétima convocatoria, sen xerarquías entre galardóns, foron premiadas propostas desenvolvidas nos últimos anos que se consolidan como referentes de boas prácticas na normalización lingüística.
Fonte: Premios Mil Primaveras
Un obradoiro pon en valor o potencial dos xogos de mesa en galego como ferramenta didáctica
Un obradoiro na Facultade de Educación e Traballo Social de Ourense puxo en valor o potencial dos xogos de mesa en galego como ferramenta didáctica e de transmisión lingüística. A actividade permitiulle ao alumnado coñecer propostas da iniciativa Brazolinda, creada por Irimia Fernández, quen apostou por desenvolver enredos adaptables e con contido pedagóxico ante a falta de oferta na lingua propia. As dinámicas, pensadas para diferentes idades e capacidades, combinan aprendizaxe e lecer en ámbitos como o cálculo, a historia ou a mitoloxía.
Fonte: Faro de Vigo
Preséntase un dicionario de psicoloxía con conceptos en galego, castelán e inglés

A Universidade de Santiago de Compostela presentou o Dicionario esencial de psicoloxía, unha obra que recolle arredor de 1500 conceptos básicos vinculados á docencia de grao e mestrado neste ámbito. A publicación ofrece as correspondentes denominacións en galego, castelán e inglés, co propósito de facilitar tanto a aprendizaxe como a precisión terminolóxica. Ademais de servir de apoio ao estudantado, a ferramenta nace tamén como recurso útil para profesionais da psicoloxía en distintos campos de exercicio.
Fonte: Consello da Cultura Galega
Valentín García inaugura a Xornada do Día das Letras Galegas dedicada a Begoña Caamaño
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, e Beatriz Caamaño, irmá de Begoña Caamaño, inauguraron a Xornada do Día das Letras Galegas dedicada a Begoña Caamaño, organizada pola Secretaría Xeral da Lingua en colaboración co Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
Boletín
Subscríbase ao boletín