Galicia
A Xunta participa no anuncio das nove obras finalistas do XXX Premio San Clemente
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, e mais o director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación, Ciencia, Universidade e FP, Jesús Manuel Álvarez Bértolo, participaron na rolda de prensa de presentación das obras finalistas do XXX Premio San Clemente, organizado polo IES Plurilingüe Rosalía de Castro de Santiago de Compostela.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
A Xunta presentará o vindeiro mes a actualización do Plan xeral de normalización da lingua galega

A Xunta de Galicia presentará o vindeiro mes de xuño o documento que recolle a actualización do Plan xeral de normalización da lingua galega, un dos piares fundamentais do Pacto pola Lingua impulsado polo Executivo autonómico. Así o anunciou o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, en resposta a unha interpelación no Parlamento durante a que incidiu en que tendo como base esta nova proposta, “ábrese un novo escenario para acadar medidas fundamentais para a nosa lingua”.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
O proxecto “Aquí Tamén se Fala” convértese nun dos finalistas aos premios Docentes Referentes
O proxecto “Aquí Tamén se Fala”, impulsado polo IES Rafael Dieste da Coruña, foi seleccionado como finalista dos premios estatais Docentes Referentes, entre preto de 500 candidaturas. A iniciativa, creada para promover o galego entre a mocidade, conseguiu mobilizar milleiros de estudantes, centros educativos, referentes culturais e clubs deportivos arredor da defensa da lingua.
Fonte: Nós Diario
Valentín García visita o XXIII Festival de Cans

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, visitou o XXIII Festival de Cans, onde participou na inauguración da rúa Efémera Celso Bugallo, no Torreiro, acompañado de Alfonso Pato, director do festival, e do actor Eduardo Rodríguez Cunha "Tatán". O responsable da Lingua mantivo un encontro co profesorado e o alumnado gañadores do Concurso Escolar Rec.Curta 2026 dos colexios Franciscanos de Lugo e Santa María de Tui, das Escolas Católicas de Galicia.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
Rueda sitúa a defensa e promoción do galego como un asunto de país que precisa dun pacto pola lingua realista e consensuado
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, situou a defensa e promoción do galego como un asunto de país e apelou á necesidade de avanzar nun Pacto pola Lingua “realista e consensuado” que permita blindar a pervivencia e o crecemento do idioma. No acto institucional do Día das Letras Galegas, dedicado este ano á escritora e xornalista Begoña Caamaño, Rueda reivindicou o galego como principal elemento identitario de Galicia e defendeu a importancia de fomentar o seu uso entre a mocidade, especialmente nos ámbitos cotiáns e dixitais.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
O alumnado do IE Cañada Blanch de Londres visita Galicia
Un ano máis, o alumnado que estuda galego no IE Vicente Cañada Blanch de Londres visita Galicia no marco da súa Viaxe da Lingua 2026, que os achega de primeira man á lingua, literatura e cultura galegas durante unha semana. O secretario xeral da Lingua, Valentín García; o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e a directora-xerenta da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, recibiron no Gaiás aos 22 alumnos e alumnas e o seu profesor, Román Landín, no remate do seu periplo cultural deste curso.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
Valentín García participa na XII Festa da Lingua de Caldas de Reis
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou na XII Festa da Lingua, organizada polos nove centros de ensino que integran a Coordinadora Comarcal Terras do Umia, coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. No encontro, que se celebrou na Tafona, participaron case 1200 escolares de primaria, secundaria e bacharelato, e preto de 120 profesores. Na XII Festa da Lingua actuou un dos grupos máis populares do panorama musical galego: The Rapants.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
A Xunta e o Instituto Camões avalían a súa colaboración para reforzar o ensino de portugués en Galicia

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, reuniuse en Lisboa coa presidenta do Instituto Camões, Florbela Paraíba, para afondar na colaboración entre Galicia e Portugal e reforzar así os vínculos educativos no marco da lusofonía. Entre outras cuestións, no encontro abordouse a posibilidade de avanzar no desenvolvemento de iniciativas como as Escolas de Fronteiras, ademais de facer balance do programa polo que a Xunta facilita que o alumnado que cursa portugués en Galicia acredite as súas competencias de balde.
Fonte.- Xunta de Galicia
Un estudo analiza os nomes comerciais en catro cidades galegas
Un estudo da investigadora Elisa Suárez Caramés analiza os nomes comerciais de Vigo, A Coruña, Lugo e Ourense como parte da paisaxe lingüística urbana e como reflexo da realidade social, económica e cultural das cidades. A investigación conclúe que o castelán é a lingua maioritaria nestes rótulos, mentres que o galego ocupa un espazo menor, aínda que gaña presenza en sectores como a hostalería e a alimentación, asociado a valores de proximidade e tradición.
Fonte: Faro de Vigo
Melide sitúase como primeiro concello coruñés no uso escrito do galego nos cemiterios
Melide é, en termos porcentuais, o concello coruñés con máis inscricións funerarias en galego, cun 5,6 % dos panteóns censados, segundo o proxecto Palabra e Memoria. O estudo, realizado por Socorro Cea en trinta cemiterios do municipio, mostra unha maior presenza da lingua no camposanto municipal do Castelo e porcentaxes máis baixas nos parroquiais. Os datos sitúan Melide como exemplo dunha tendencia emerxente en Galicia, onde o uso do galego na epigrafía funeraria medrou nos últimos anos grazas ao relevo xeracional e á mellora da atención das empresas do sector.
Fonte: La Voz de Galicia
Boletín
Subscríbase ao boletín