Galicia
Reclaman que a Policía Nacional rotule en galego as súas instalacións en Lugo
A concelleira de Promoción da Lingua expresou o apoio do Concello de Lugo ás demandas veciñais para que a Policía Nacional rotule en galego as súas dependencias da avenida Ramón Ferreiro e incorpore con normalidade a lingua propia en toda a sinalización. A edil lembrou que a normativa estatal obriga a empregar as linguas cooficiais na cartelería das administracións, polo que reclamou o cumprimento efectivo destes dereitos para garantir unha atención sen discriminacións.
Fonte: Lugo Xa
A Real Academia Galega e o Concello de Pontevedra colaborarán para elaborar o mapa sociolingüístico da cidade
A RAG e o Concello de Pontevedra asinaron un acordo para deseñar o mapa sociolingüístico escolar do municipio, unha ferramenta destinada a coñecer en profundidade os usos lingüísticos en infantil, primaria e secundaria, así como entre familias, profesorado e persoal de servizos complementarios. O estudo, coordinado polo Seminario de Sociolingüística da RAG, permitirá fundamentar con maior precisión as políticas de normalización nun contexto urbano no que preocupa o retroceso do galego entre a mocidade. O informe final, previsto para a primavera de 2027, aspira a converterse nun referente tamén para outros concellos, ao abeiro dunha estratexia que promove a colaboración entre administracións e comunidade educativa.
Fonte: Real Academia Galega
A Real Academia Galega publica dous novos volumes sobre onomástica galega

A RAG vén de publicar na súa páxina web o volume Estudos de Onomástica Galega X. Os nomes do mar, que recolle as achegas da última Xornada de Onomástica, centradas na toponimia costeira, nas marcas mariñeiras e nas denominacións vinculadas á navegación, así como en propostas para difundir este patrimonio. Ademais, a institución incorpora á colección Terra Nomeada o estudo Toponimia de Carnota, de Alfonso Blanco Quintela, no que se analizan 67 nomes de lugar e se salienta a singularidade de boa parte deles.
Fonte: Consello da Cultura Galega
A Xunta e a Academia Audiovisual anuncian a concesión do Premio de Honra dos Mestre Mateo á lingüista Rosa Moledo

A asesora lingüística e tradutora Rosa Moledo é a persoa galardoada este ano co Premio de Honra Fernando Rey dos XXIV Premios Mestre Mateo do Audiovisual Galego pola súa achega fundamental á calidade das producións de cine, televisión e plataformas.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
López Campos consensúa coas principais institucións culturais o deseño dunha “programación excelsa” do Ano Oteriano “á altura da figura homenaxeada”

A Xunta de Galicia consensuará coas principais institucións culturais galegas “o deseño conxunto dunha programación excelsa do Ano Oteriano, á altura da relevancia da figura homenaxeada”. Así o aseverou o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, antes do encontro mantido con representantes destas entidades na Cidade da Cultura, na que estivo acompañado polo secretario xeral da Lingua, Valentín García, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
O galego é a lingua de uso preferente na administración da Universidade da Coruña
A Universidade da Coruña (UDC) ten o galego como lingua de uso preferente na administración, conforme aos seus estatutos. Segundo o responsable do Servizo de Normalización Lingüística, o galego é habitual na comunicación institucional e nas redes sociais, especialmente no ámbito administrativo. No ámbito da docencia, os datos indican que só un 10 % do profesorado utiliza o galego de maneira habitual, e o proceso de internacionalización e a presenza do inglés afectan á situación desta lingua na UDC.
Fonte: Neofalantes
Un proxecto busca recuperar léxico da serra do Courel en perigo de desaparición

O proxecto «Palabra no tempo» busca recuperar e preservar o léxico tradicional do municipio de Folgoso do Courel. A iniciativa, na que participa o colexio público Poeta Uxío Novoneyra, facilita a colaboración cidadá para recompilar voces e expresións que corren o risco de desaparecer. As persoas poden colaborar mediante cuestionarios en formato dixital ou físico, e a idea é que o alumnado aprenda e manteña vivas estas palabras.
Fonte: La Voz de Galicia
Unha campaña promovida polos IES de Redondela busca o compromiso do alumnado coa lingua galega
Centros educativos, ANPA, clubs, comercio e bibliotecas súmanse en Redondela ao reto «Unha semaniña enteira», que promove falar galego de maneira continuada entre o 20 e o 27 de febreiro, coincidindo co Día de Rosalía. A campaña, presentada no IES Chapela, contará con actividades culturais e implicará tamén a hostalaría e o tecido empresarial, que distribuirán material divulgativo e organizarán iniciativas temáticas. O Concello destaca que, ao se sumar diversos sectores sociais, se reforza o compromiso colectivo coa transmisión do idioma entre a infancia e a mocidade.
Fonte: Concello de Redondela
O BOP da Coruña recolle a Ordenanza municipal reguladora do uso da lingua galega no Concello de Carnota
O Concello de Carnota aprobou e publicou no BOP a súa Ordenanza reguladora do uso do galego, que establece os criterios lingüísticos aplicables á administración local, ás entidades dependentes e ás empresas concesionarias cando actúen por conta municipal. A norma fixa o marco de utilización da lingua propia na actividade institucional e nos servizos públicos e, ademais, prevé a creación dun servizo de normalización lingüística. Con esta iniciativa, o Concello procura reforzar a presenza da lingua no ámbito municipal.
Fonte: Consello da Cultura Galega
Valentín García participa no Día de Rosalía en Bonaval
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou no acto institucional que acolleu o Panteón de Galegas e Galegos Ilustres con motivo do Día de Rosalía, en San Domingos de Bonaval.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
Boletín
Subscríbase ao boletín