Galicia
A Xunta lanza unha nova edición do concurso ‘Lingua de namorar’ para promover o uso do galego entre a mocidade nas novas tecnoloxías e redes sociais

O secretario xeral da Lingua, Valentín García e a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, presentaron unha nova edición de «Lingua de namorar», o certame en liña da Xunta de Galicia que promove desde hai 15 anos o uso da lingua galega nas novas tecnoloxías e redes sociais por parte da mocidade convidándoa a crear mensaxes de amor na nosa lingua.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
O bo momento da creación literaria en galego contrasta coa situación do mercado do libro galego

A literatura galega suma premios estatais e recoñecemento crítico, mais o sector editorial afronta unha cota de mercado que cae ata o 7%, nun contexto de retroceso do uso social da lingua. Xerais e Galaxia constatan altibaixos nas vendas e reclaman maior apoio institucional, máis visibilidade nas librarías e presenza nos medios para fortalecer o libro en galego. A mellora do índice lector en Galicia, que acada o 65,9%, non se traduce nun incremento proporcional da lectura na lingua propia.
Fonte: Faro de Vigo
O Concello de Vigo organiza un curso de escrita creativa en lingua galega
O Concello de Vigo organiza para o mes de marzo un curso gratuíto de escrita creativa, de 20 horas de duración, que ten como obxectivo axudar a mellorar as destrezas literarias en lingua galega das persoas asistentes. As sesións, de carácter presencial, desenvolveranse no Auditorio Mar de Vigo.
Fonte: Concello de Vigo
Convócanse cursos de linguaxe administrativa e xurídica galega para o persoal da Administración pública
A Escola Galega de Administración Pública, en colaboración coa Secretaría Xeral da Lingua, oferta 48 accións formativas en galego dirixidas ao persoal das administracións da Comunidade Autónoma, das que 41 corresponden a linguaxe administrativa e sete a linguaxe xurídica, en niveis medio e superior. A formación impartirase integramente en modalidade de teleformación, co obxectivo de reforzar a competencia lingüística no ámbito institucional.
Fonte: Consello da Cultura Galega
Publícase un volume sobre a toponimia da parroquia viguesa de Matamá
A colección Toponimia do Val de Fragoso, promovida pola Universidade de Vigo e o Concello de Vigo, publica o seu décimo volume cun estudo dedicado a Matamá, froito dun exhaustivo traballo de campo e investigación documental. A obra reivindica a necesidade de preservar os nomes tradicionais nun contexto de forte presión urbanística que ameaza con facer que se perdan. Desde as institucións salientouse que recuperar e difundir esta microtoponimia contribúe á autoidentificación da cidade e á transmisión da memoria colectiva ás novas xeracións. O volume pode consultarse en formato dixital e solicitarse tamén en papel de balde.
Fonte: Universidade de Vigo
Valentín García participa no programa radiofónico «Fala que fala»

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou no IES de Cacheiras no programa radiofónico «Fala que fala», no marco do programa de dinamización lingüística homónimo.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
A Xunta ofrecerá este ano 1750 novas prazas para preparar os exames Celga

A Xunta de Galicia ofrecerá este ano 1750 novas prazas para preparar a certificación do Celga nos diferentes niveis. Así o anunciou o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, na resposta a unha interpelación no Parlamento de Galicia na que explicou que, en total, se ofertarán 50 cursos para que “cada vez máis persoas, desde calquera lugar do mundo, poidan aprender e certificar as súas competencias na lingua acudindo posteriormente ás probas”.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
A Xunta colabora coa Fundación Rosalía de Castro para conmemorar a data de nacemento da poeta con música, lecturas e degustacións do 'Caldo de gloria'

A Xunta de Galicia colabora coa Fundación Rosalía de Castro para as actividades conmemorativos do Día do nacemento da poeta, o 23 de febreiro, que abranguen actuacións musicais, lecturas públicas do seus poemas, degustacións do coñecido como 'Caldo de gloria' e o acto institucional central no Panteón das Galegas e Galegos Ilustres.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
Publícase en galego «Tortura branca», o libro da Premio Nobel Narges Mohammadi
A editorial Hércules publica en galego Tortura branca, obra da Premio Nobel da Paz Narges Mohammadi, quen volve afrontar condenas e cárcere en Irán pola súa defensa dos dereitos humanos. No libro, a activista recolle a experiencia de trece mulleres sometidas a illamento extremo, unha práctica de violencia psicolóxica que procura quebrar a identidade das persoas presas.
Fonte: Faro de Vigo
O Concello de Narón pon en marcha unha nova edición de Guizo, un programa de lecer en galego dirixido ás familias
O Concello de Narón impulsa unha nova edición de Guizo, iniciativa que procura que as familias compartan tempo de lecer en galego e en vínculo coa natureza. Durante o primeiro semestre de 2026 desenvolveranse cinco propostas no Couto, destinadas a nenas e nenos de 6 a 12 anos acompañados por unha persoa adulta, nas que se abordarán cuestións como a biodiversidade, a xestión de residuos, a reforestación ou a enerxía solar. Ademais de seren gratuítas, as actividades requiren inscrición previa por haber prazas limitadas.
Fonte: Concello de Narón
Boletín
Subscríbase ao boletín