Galicia

Constitúese a Comisión de Proxección Institucional de Galicia do Observatorio da Lusofonía

O Consello da Cultura Galega acolleu a constitución da Comisión de Proxección Institucional de Galicia do Observatorio da Lusofonía Paz Andrade, creada para impulsar a relación de Galicia co espazo lusófono. O órgano definiu os seus obxectivos e avaliou o traballo desenvolvido ata o momento.

Fonte: Consello da Cultura Galega

Preséntase a VIII Edición do Certame de Microrrelatos de Vilalba para textos escritos en galego

O Concello de Vilalba convocou a VIII edición do Certame de Microrrelatos, aberto á participación de persoas de todas as idades con textos orixinais escritos en galego. As obras, de ata 100 palabras e que deberán incluír a palabra «libro», competirán nas categorías infantil, xuvenil e adulta.

Fonte: Terra Chá Xa

Preséntanse 850 historias á edición de 2026 do Concurso de microrrelatos da Real Academia Galega e PuntoGal

O IX Concurso de microrrelatos da Real Academia Galega e PuntoGal pechou o prazo de participación con 850 historias presentadas nas tres categorías establecidas. Tras o proceso de lectura e deliberación dos xurados, os nomes das persoas gañadoras daranse a coñecer na primeira semana de xuño. Os textos premiados publicaranse nun volume dixital e tamén na revista Luzes, que colabora coa iniciativa desde a súa creación.

Fonte: Real Academia Galega

A Deputación de Pontevedra aproba novos recursos para o impulso do galego dirixidos aos concellos

O ente provincial aprobou unha nova liña de axudas de 150 000 euros destinada aos concellos de menos de 50 000 habitantes para impulsar actividades de dinamización do galego. Con esta partida, os recursos da Deputación destinados ás entidades locais para promover o uso da lingua ascenden xa a 350 000 euros no que vai de ano. As subvencións permitirán desenvolver iniciativas culturais, tecnolóxicas e sociolingüísticas, así como campañas de promoción do galego no ámbito social e económico.

Fonte: Deputación de Pontevedra

Convócase unha nova edición dos Cursos de verán «Galego sen fronteiras»

A Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega convocan a XXXVI edición dos Cursos de verán de lingua e cultura galegas «Galego sen fronteiras», que se celebrarán en Santiago de Compostela do 3 ao 24 de xullo. O programa, dirixido a alumnado internacional e doutras comunidades autónomas, ofrece formación en tres niveis combinada con actividades culturais e encontros con persoas referentes que desenvolven o seu traballo en galego.

Fonte: Real Academia Galega

A Universidade de Vigo convoca un ano máis o seu certame de poesía, relato curto e tradución en lingua galega

A Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo convoca unha nova edición do seu certame literario en galego, dirixido á comunidade universitaria e dotado con 3600 euros en premios nas modalidades de poesía, relato curto e tradución. Cada categoría contará cun primeiro galardón de 700 euros e dous accésits de 250, para traballos orixinais e inéditos elaborados conforme á normativa oficial da lingua.

Fonte: Universidade de Vigo

A Xunta reivindica a fortaleza do portugués no ensino con máis 5000 estudantes matriculados

A Xunta de Galicia reivindica a fortaleza do idioma portugués no ensino galego con máis 5000 estudantes matriculados que multiplican por seis os 800 que había hai máis dunha década e cun número de docentes “equilibrado, realista e sen apenas interinidade”. Así o explicou o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, ante a Comisión 4ª do Parlamento, onde destacou o compromiso do Goberno galego co cumprimento da Lei Valentín Paz Andrade de fomentar os vínculos coa lusofonía.

Fonte: Xunta de Galicia

A Escola Oficial de Idiomas de Pontevedra organiza un certame de microrrelatos para reivindicar o galego na creación artística

O concelleiro de Normalización Lingüística de Pontevedra presentou a 16ª edición do Certame de Microrrelatos en Galego, promovido pola Escola Oficial de Idiomas coa colaboración municipal. A iniciativa, aberta a persoas maiores de 14 anos, busca reivindicar a vitalidade do galego como lingua de creación literaria a través de textos breves elaborados a partir de tres palabras propostas pola organización.

Fonte: Pontevedra Viva

O IES San Clemente de Santiago convoca un premio co obxectivo de fomentar o uso do galego no ámbito empresarial

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES San Clemente convoca o Premio de vídeos publicitarios «Galeguizar é multiplicar», no marco do programa «O galego fainos fortes», co obxectivo de fomentar o uso da lingua no ámbito empresarial a través da creación audiovisual. A iniciativa diríxese a alumnado de secundaria, bacharelato e formación profesional de calquera centro, que deberá elaborar pezas de ata dous minutos sobre empresas compostelás que empreguen o galego e formen parte das redes Galego Empresas ou Abertos ao Galego. O prazo de entrega remata o 10 de abril de 2026 e concederanse oito galardóns dotados con 100 euros cada un.

Fonte: Consello da Cultura Galega

O Concello de Arzúa organiza unha nova edición dun curso de galego orientado ao acollemento lingüístico

O Concello de Arzúa impulsará unha nova edición ampliada do Curso de lingua e cultura galegas – Nivel iniciación, integrado no programa AcolleGalego, co propósito de facilitar a integración social mediante a aprendizaxe da lingua propia. A iniciativa dá continuidade á formación desenvolvida en 2025 nun municipio marcado por un fluxo migratorio recente e diverso. O curso, de 40 horas e cun máximo de 20 prazas, diríxese a maiores de 16 anos, con preferencia para quen xa iniciase a formación, e aposta por unha metodoloxía práctica orientada a reforzar a autonomía lingüística e a participación comunitaria.

Fonte: Concello de Arzúa

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder