Galicia
Entréganse os Premios Manuel Beiras que recoñecen as empresas santiaguesas polo seu uso do galego

Os Premios Manuel Beiras recoñecen este ano as empresas A Grileira, Aqueladas e Nós Televisión polo seu labor exemplar en favor do galego no comercio, na produción audiovisual e na comunicación dixital. A gala salientou a demanda social de galego en Santiago e o papel das empresas como motor de prestixio lingüístico. A iniciativa, promovida polo Concello e a Cámara de Comercio, busca reforzar o uso do idioma no ámbito socioeconómico e destacar proxectos que o converten nun valor engadido.
A Deputación da Coruña presta o seu apoio a dúas iniciativas a prol da lingua galega
A Deputación da Coruña reforza o seu apoio ao galego mediante dous convenios coa Mesa pola Normalización Lingüística e con Correlingua, cun investimento total de 60 000 euros. A colaboración garante a continuidade de «A liña do galego», servizo clave para protexer os dereitos lingüísticos e promover avances no uso social do idioma. Ademais, apoia o Correlingua, iniciativa educativa e reivindicativa que mobiliza a mocidade na defensa do galego e impulsa actividades ao longo do curso. Ambos os proxectos contribúen a prestixiar a lingua e fortalecer o compromiso colectivo coa súa recuperación social.
Fonte: Deputación da Coruña
A Deputación da Coruña convoca axudas para a distribución de audiovisual en galego
O Boletín Oficial da Provincia da Coruña publica as bases do programa de axudas a empresas audiovisuais para o apoio á distribución, a comercialización e a exhibición audiovisual en lingua galega durante o ano 2026.
Fonte: Consello da Cultura Galega
Valentín García enxalza a “implicación co galego dos centros escolares e familias” no programa Falamos +

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, clausurou no colexio Froebel, en Pontevedra, a segunda edición do programa de dinamización lingüística Falamos +, no que participaron dez centros de educación infantil e primaria repartidos polas catro provincias co obxectivo, apuntou, “de aproveitar os centros escolares como espazos de socialización en idades temperás para impulsar o uso do galego máis alá das aulas, tamén nas actividades de lecer”.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
Un proxecto piloto sobre a lingua de signos galega busca o recoñecemento oficial desta variedade
A investigadora Zaira González Lago reivindica a existencia dunha tradición propia de lingua de signos galega, vinculada ao histórico colexio de persoas xordas de Santiago, que durante un século conformou e transmitiu unha variedade propia hoxe pouco recoñecida pola lexislación estatal. A investigadora prepara un corpus representativo que permita describir con rigor o léxico, a sintaxe e a gramática desta modalidade, co obxectivo de preservala e aspirar a un futuro recoñecemento legal. O proxecto baséase en corpus previos e en novas gravacións que han sustentar unha base de datos e unha gramática de referencia para a comunidade xorda galega.
Fonte: Nós Diario
A Universidade de Vigo publica unha nova edición do seu glosario de vocabulario científico-técnico

Escolma de termos científicos II é un glosario que pretende evidenciar que o galego serve para nomear con rigor a realidade científica e tecnolóxica. Nesta edición recóllense termos procedentes da informática, da xestión pública e da bioloxía mariña, acompañados de materiais gráficos e explicacións que achegan contexto cultural e científico. O proxecto complétase con materiais como planificadores semanais e pousavasos ilustrados que van reforzar a presenza do galego na vida cotiá, especialmente en centros educativos e espazos universitarios.
Fonte: Universidade de Vigo
O Goberno central recoñece á Xunta a inseguridade xurídica creada no programa de auxiliares de conversa pola descoordinación entre ministerios
A Xunta de Galicia levou á Comisión Xeral de Educación dous asuntos de máxima importancia para o ensino da Comunidade e que o Goberno central obviou na orde do día: o problema creado ao redor do programa de auxiliares de conversa e o anteproxecto de lei de redución de ratios.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
O Centro Dramático Galego inicia os ensaios de ‘Memorias dun neno labrego’ baixo a dirección de Cándido Pazó

O director Cándido Pazó traballa xa co elenco e o resto do equipo de Memorias dun neno labrego na primeira fase dos ensaios da próxima produción do Centro Dramático Galego, coa que a compañía da Xunta de Galicia lembrará a figura de Xosé Neira Vilas no décimo aniversario do seu pasamento.
Fonte: Xunta de Galicia
Valentín García enxalza “un dos nosos autores máis universais” no 10º aniversario do pasamento de Xosé Neira Vilas

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou na presentación do libro Correspondencia 1965-2014, publicado pola Editorial Galaxia, e que recolle as epístolas que intercambiaron nesa época Xosé Neira Vilas e Xesús Alonso Montero. Alí enxalzou “a posta en valor dun dos autores galegos máis universais” ao cumprirse 10 anos do seu pasamento.
Fonte: Xunta de Galicia
O Goberno central comprométese a garantir o uso do galego na Xustiza
O delegado do Goberno en Galicia reafirmou o compromiso do Executivo estatal co galego, co propósito de asegurar que o seu uso sexa un dereito plenamente garantido. Nunha reunión coa Real Academia Galega, ambas as partes revisaron o convenio para impulsar a presenza da lingua no ámbito dixital da Xustiza.
Fonte: Galicia Confidencial
Boletín
Subscríbase ao boletín