Galicia
Paula Currás recibe o XXXVIII Premio de Poesía Pérez Parallé
A poeta Paula Currás, nada en Cambre en 1996, resultou vencedora do XXXVIII Premio de Poesía Xosé María Pérez Parallé, co seu libro Vestiario, e obtén un galardón de 3.000 euros en metálico.
Fonte: Cultura galega
Cambados acolle unha exposición sobre o teatro de Ramón Cabanillas
Coincidindo co 66.º cabodano do poeta e dramaturgo Ramón Cabanillas, o Museo Ramón Cabanillas de Cambados acolleu a inauguración da exposición O teatro de Ramón Cabanillas. Alento poético e fondura dramática.
Fonte: Real Academia Galega
María Vázquez recibe o XXIII premio Ramón Piñeiro, Facer País
A actriz María Vázquez foi distinguida co XXIII Premio Ramón Piñeiro, Facer País, concedido pola Asociación Cultural Val de Láncara. Este galardón recoñece cada ano o labor de persoas ou institucións comprometidas co desenvolvemento de Galicia, coa súa lingua e a súa cultura.
Fonte: Cultura galega
Ponse en marcha unha plataforma colaborativa para recoller o léxico propio de Valdeorras

A Fundación Florencio Delgado Gurriarán impulsa, coa colaboración da Xunta de Galicia, o Dicionario da fala valdeorresa, un proxecto participativo orientado á recuperación e o estudo do léxico propio de Valdeorras. A iniciativa promove a implicación directa da veciñanza mediante obradoiros, encontros e traballos de campo, nos que as persoas participantes achegan palabras e expresións que serán revisadas pola comisión de lingua da entidade para garantir así o seu rigor e valor etnográfico.
Fonte: Consello da Cultura Galega
O proxecto «Aquí tamén se fala» recibirá o Premio da Cultura Galega 2025 na categoría de Lingua

O proxecto, creado por alumnado do IES Rafael Dieste da Coruña, recibiu o Premio da Cultura Galega 2025 na categoría de Lingua polo seu labor de promoción do galego entre a mocidade. Nacido como iniciativa educativa, o programa transformouse nun movemento social que visibiliza o uso da lingua en espazos cotiáns e profesionais, especialmente a través das redes. O xurado destacou a súa capacidade para combinar educación, participación xuvenil e innovación comunicativa nun exemplo de compromiso co galego vivo e contemporáneo.
Fonte: Neofalantes
O programa Elos de voluntariado lingüístico chega a Carballo
O Concello de Carballo incorporou o programa Elos, unha iniciativa de voluntariado lingüístico creada polo Concello de Santiago en 2021, para favorecer o uso social do galego. O proxecto pon en contacto persoas que queren aprender ou practicar a lingua con outras dispostas a axudalas, establecendo conversas semanais de, polo menos, unha hora.
Fonte: Consello da Cultura Galega
Lalín acolle un ciclo de cinema en lingua galega
O Concello de Lalín presenta o ciclo «Un Lalín de cine», unha iniciativa que ofrece sete domingos consecutivos de proxeccións en galego con entrada libre no auditorio municipal. O programa, apoiado pola Secretaría Xeral da Lingua, busca fomentar o consumo audiovisual en galego e achegar o cinema á veciñanza nun espazo de encontro cultural.
Fonte: La Voz de Galicia
Ames estrea un documental sobre programas de dinamización lingüística impulsados dende a Administración local

O Concello de Ames estrea o documental Promover o galego dende o local, producido por Nós Televisión, que amosa o labor municipal na dinamización lingüística a través de proxectos como Galetiktokers, Modo galego, actívao!, os Premios Lingua e Empresa ou o Certame Literario. A peza, de 37 minutos, recolle testemuños de representantes institucionais, profesorado e alumnado, e reivindica o papel das administracións locais na promoción da lingua.
Fonte: Concello de Ames
Redondela convértese no primeiro concello en incluír códigos QR na sinalización das rúas para acceder a información sobre a toponimia
O Concello de Redondela incorporou códigos QR nas novas placas das rúas que permiten acceder á web Toponimia de Redondela, onde se explica a orixe e o significado dos nomes de máis de 2000 lugares do municipio. A iniciativa, pioneira en Galicia, converteu Redondela no primeiro concello en declarar a toponimia ben patrimonial no seu PXOM cun proxecto que busca preservar e divulgar este valioso patrimonio inmaterial entre a veciñanza e as persoas visitantes.
Fonte: Concello de Redondela
A Xunta impulsa máis de 60 actividades para celebrar o ‘Mes da ciencia en galego’ nas bibliotecas

A Xunta artellará máis de 60 actividades durante todo novembro para celebrar o Mes da ciencia en galego na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia xestionadas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, así como nas dos centros educativos. Así o anunciou o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, na presentación da programación que ten como obxecto “tirar proveito destas centrais de coñecemento para derrubar clixés con respecto á divulgación científica e o emprego da nosa lingua nestas disciplinas”.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
Boletín
Subscríbase ao boletín