Galicia
Valentín García subliña a importancia da formación en normalización lingüística desde a educación superior
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou na xornada de clausura do curso «Microcredencial universitaria en mestres e mestras polo galego: boas prácticas de normalización lingüística na primeira infancia», unha formación específica que ofrece a Universidade de Santiago de Compostela.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
A Xunta mantén a súa aposta por Culturgal nunha edición que bate récords con 225 actividades programadas

A organización de Culturgal avanzou os pratos fortes da súa 18ª edición, que se desenvolverá do 28 ao 30 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra e para a que volve contar coa implicación da Xunta de Galicia como principal entidade financiadora. A Feira das Culturas Galegas baterá este ano o seu récord de actividade, coa participación de arredor de 750 artistas e outros profesionais do sector nas 225 citas programadas entre espectáculos, proxeccións, adiantos de proxectos, obradoiros ou mesas redondas.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
O Concello de Lalín organiza un obradoiro que fomenta a cerámica e a lingua galega
En novembro celebrarase en Lalín o obradoiro gratuíto «Creando linguaxe de barro», unha proposta que combina arte e lingua para vincular o galego con valores de modernidade e lecer. Impartido pola artista Gloria García os días 19 e 26 no auditorio municipal, o taller ofrecerá unha iniciación á cerámica con dúas sesións prácticas nas que se crearán e decorarán pezas con palabras en galego.
Fonte: La Voz de Galicia
A Deputación da Coruña publica as bases dun certame que premiará os mellores videoxogos en galego

A Deputación da Coruña convoca o I Certame Videoxogos en Galego, co obxectivo de impulsar a creación, visibilidade e consumo de videoxogos en lingua galega. Poderán participar proxectos orixinais publicados en plataformas dixitais desde o 1 de setembro de 2024. O xurado concederá catro galardóns ao mellor videoxogo, á mellor narrativa, ao mellor apartado artístico e ás mellores mecánicas e xogabilidade.
Fonte: Consello da Cultura Galega
A Real Academia Galega e a Asociación de Entidades Locais pola Lingua asinan un acordo para impulsar accións conxuntas de promoción do galego
O protocolo prevé elaborar mapas sociolingüísticos escolares nos concellos membros de Alingua e ampliar o proxecto «Modo galego, actívao!», destinado a fomentar o uso da lingua entre a infancia. Ambas as entidades reafirman así o seu compromiso coa difusión e a vitalidade social do galego.
Fonte: Real Academia Galega
A Xunta mantén o seu compromiso co impulso da lingua galega nos orzamentos de 2026 cun novo incremento de 1 M€ para accións de dinamización

A Xunta de Galicia manterá o vindeiro ano a senda orzamentaria iniciada no pasado exercicio cun novo incremento dun millón de euros para accións de dinamización do uso da lingua. Así o anunciou o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, na Comisión 3ª do Parlamento de Galicia, onde compareceu, acompañado polo seu equipo, para presentar os orzamentos do seu departamento para o vindeiro ano, no que ascenderán ata os 150M€ para “seguir construíndo unha Galicia que sexa sinónimo de calidade en cultura, lingua ou xuventude”.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
Valentín García destaca a importancia do deporte no impulso da lingua “entre a mocidade”

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, mantivo un encontro con deportistas e responsables de entidades deportivas da provincia de Lugo dedicadas a moi diversas disciplinas para abordar “as posibilidades de mellora no uso e prestixio da lingua neste ámbito, sobre todo, pola súa relevancia para chegar á mocidade”.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
Valentín García destaca o impulso “dos vencellos culturais coa lusofonía” do Festival aRi(T)mar

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou na presentación da Gala aRi(T)mar de música e poesía galego-portuguesas, un proxecto que conta coa colaboración da Xunta de Galicia e que o vindeiro xoves, día 30, entregará os premios da súa décima edición.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
A Universidade de Vigo acolle unha xornada que reivindica a creación de contidos en galego
A xornada "Comunica en Galego", organizada pola Facultade de Comunicación da Universidade de Vigo, centrouse no uso do galego en contidos políticos e reivindicativos. O obxectivo foi amosarlle ao alumnado que a lingua galega é válida para crear todo tipo de contidos, tamén en ámbitos políticos, sociais e de denuncia. Durante o evento, resaltouse a importancia de utilizar o galego como ferramenta para destacar en plataformas dixitais e para promover a implicación social coa lingua.
Fonte: Universidade de Vigo
Bande acolle o acto oficial do Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia

O 8 de novembro celebrarase o acto oficial no que se lerá a Declaración de Bande pola lingua galega nos actos de memoria, no que varios alcaldes e alcaldesas se comprometerán a promover a restauración da memoria lingüística nos seus concellos. A iniciativa busca visibilizar a importancia de empregar o galego nos ritos funerarios e nas últimas vontades.
Fonte: Consello da Cultura Galega
Boletín
Subscríbase ao boletín