Galicia
A Xunta remata o traballo de campo para a renovación do Plan de normalización da lingua con máis de 400 contactos e 1400 propostas

As 11 comisións de expertos que durante os pasados meses estiveron traballando na actualización do Plan xeral de normalización da lingua galega finalizaron o proceso participativo con máis de 400 contactos e 1400 propostas, coas que están a elaborar o documento definitivo que entregarán á Xunta de Galicia no marco do Pacto pola Lingua. Así o anunciou no Parlamento o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, que explicou que “finalizadas as entrevistas aumentáronse os prazos de entrega, a petición das propias comisións, para poder procesar a cantidade de documentación con total autonomía e capacidade de decisión”.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
Convócase unha nova edición do premio José Gil de cinema en lingua galega
A Deputación da Coruña convoca a edición 2026 do Premio José Gil para promover o cinema en lingua galega e homenaxear unha figura pioneira do audiovisual galego. O certame inclúe tres modalidades, centradas na creación de guións de ficción e documental e no recoñecemento de traxectorias ou iniciativas destacadas. A convocatoria pretende impulsar a produción e a visibilidade do cinema en galego.
Fonte: Consello da Cultura Galega
A Universidade de Vigo organiza unha nova edición do distintivo de galeguización «Gal Ego»
A Universidade de Vigo convoca unha nova edición do distintivo «Gal Ego» para recoñecer os centros que integran de maneira continuada o galego na súa actividade académica e institucional. A iniciativa premia o compromiso coa lingua propia mediante un selo visible e unha dotación económica para accións galeguizadoras. As escolas e as facultades interesadas deberán acreditar o uso do galego na docencia, na comunicación e na vida do centro antes de finais de febreiro.
Fonte: Univesidade de Vigo
O Concello de Pontevedra presenta o programa de actividades do proxecto Apego para o mes de febreiro

O programa Apego inicia en 2026 a súa programación cun conxunto de actividades en febreiro orientadas a apoiar a crianza en galego desde o ámbito familiar. As propostas, gratuítas e con inscrición previa, diríxense a familias con crianzas de distintas idades e promoven a socialización na lingua propia. A música e o xogo constitúen os eixes centrais das actividades, como ferramentas para fortalecer vínculos e competencias lingüísticas. A iniciativa busca facilitar recursos prácticos para activar e enriquecer o uso do galego no día a día das familias.
Fonte: Concello de Pontevedra
Os cursos de acollemento lingüístico e o programa Elos convértense nunha ferramenta de integración en Carballo

O Concello de Carballo reforza o seu compromiso co galego como ferramenta de integración mediante cursos de acollemento lingüístico e o programa Elos Carballo. A iniciativa combina aprendizaxe da lingua e coñecemento da cultura coa creación de vínculos persoais a través da conversa. O proxecto facilita a participación de persoas de procedencias diversas e promove a convivencia comunitaria e converte o galego nun eixe de cohesión social e igualdade de oportunidades.
Fonte: Concello de Carballo
Un informe alerta da escasa presenza do galego nas principais plataformas de vídeo baixo demanda
O estudo, elaborado polo Consello do Audiovisual de Cataluña, amosa unha oferta moi limitada de contidos en galego e mesmo a ausencia total nalgunhas plataformas. Resulta especialmente grave que, en moitos casos, nin sequera se manteña dispoñible a versión orixinal das obras creadas nesta lingua. A situación evidencia importantes carencias no acceso ao audiovisual en galego nos servizos dixitais máis consumidos.
Fonte: Código Cero
Publícase en lingua galega o Calendario Científico Escolar do ano 2026

A Universidade da Coruña colabora por oitavo ano co CSIC na elaboración da versión galega do Calendario Científico Escolar, un recurso educativo dirixido ao ensino obrigatorio. O proxecto reúne efemérides científicas ao longo do ano e complétase cunha guía didáctica accesible e inclusiva. A iniciativa promove a cultura científica, a igualdade e o uso normalizado do galego nas aulas. O material distribúese nos centros educativos e pode descargarse libremente.
Fonte: Universidade da Coruña
Valentín García inaugura en Santiago o Coloquio Internacional «Os Corpora Documentalia Latina da Península Ibérica»
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou na inauguración do Coloquio Internacional «Os Corpora Documentalia Latina da Península Ibérica», organizado polo grupo de investigación do Proxecto Corpus Documentale Latinum Gallaeciae (CODOLGA) do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH).
Fonte: O Portal da Lingua Galega
Convócase a 17.ª edición do premio Rosalía de Castro de Lingua 2026
A Deputación da Coruña convocou unha nova edición do Premio Rosalía de Castro de Lingua para poñer en valor o labor a prol da normalización do galego. O recoñecemento distinguirá persoas, entidades e proxectos que destaquen pola promoción do idioma en distintos ámbitos sociais. Unha das modalidades céntrase especialmente en iniciativas dirixidas á infancia e á mocidade e aos novos espazos de uso lingüístico. Cada categoría contará cunha dotación económica de 5000 euros.
Fonte: Consello da Cultura Galega
A plataforma Queremos Galego convoca unha asemblea na que presentará os resultados do proceso social Lingua Vital
A plataforma Queremos Galego presentará o vindeiro 14 de marzo en Santiago o documento Lingua Vital, froito dun amplo proceso participativo para facer fronte á situación crítica do galego. O texto recolle propostas orientadas a reforzar o uso da lingua no ensino, nos servizos públicos e na vida social, así como a mellorar a súa calidade e a relación coa lusofonía. A iniciativa conta coa implicación de numerosas entidades e persoas vencelladas á defensa dos dereitos lingüísticos.
Fonte: Galicia Confidencial
Boletín
Subscríbase ao boletín