Galicia
A Fundación Alfredo Brañas anuncia a tradución ao galego da obra central deste intelectual
A Fundación Alfredo Brañas iniciou os trámites para traducir ao galego El regionalismo, a obra central do pensador nado en Carballo, nun acto que reuniu representación institucional e académica. No encontro puxéronse en valor a influencia de Brañas no desenvolvemento do galeguismo e o seu perfil intelectual plural, con proxección máis alá de Galicia. A entidade subliñou a vixencia do seu pensamento e anunciou que en 2026 continuará a difusión do seu legado por distintos puntos do país.
Fonte: La Voz de Galicia
«Xenocidio» convértese na Palabra do Ano 2025 en lingua galega

A votación popular escolleu «xenocidio» como Palabra do Ano, ao se impor con claridade fronte a outras candidatas polo seu forte peso na actualidade internacional. O termo, creado por Raphaël Lemkin e recoñecido como crime contra a humanidade tras a Segunda Guerra Mundial, recuperou centralidade no debate público recente. Na clasificación seguiron «foliada», ligada á celebración das Letras Galegas, e «lume», asociada aos incendios do verán.
Fonte: Real Academia Galega
A Xunta lanza unha nova convocatoria dos premios de escrita dramática para incentivar a creación literaria en galego no eido teatral
A Xunta de Galicia abriu a convocatoria bienal dos premios de escrita dramática que contan cunha dotación total de 26 000 euros, para impulsar a creación teatral en galego e ampliar o repertorio contemporáneo. Trátase do XXVIII Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, o XIV Manuel María de literatura dramática infantil e xuvenil e o XVII Barriga Verde de textos para teatro de monicreques nas súas dúas modalidades: para a infancia e a mocidade e para persoas adultas.
Fonte: Galicia Xa
Convócanse premios á produción e creación de contidos dixitais en galego no marco do Festival Carballo Interplay
O Concello de Carballo convocou dous premios no marco do XIII Festival Carballo Interplay 2026, co fin de recoñecer, visibilizar e impulsar a creación e a produción de contidos dixitais en lingua galega na rede. As iniciativas insírense na celebración do festival, prevista do 16 ao 19 de abril de 2026, e diríxense a creadoras e creadores que difundan o galego en internet.
Fonte: Consello da Cultura Galega
Un novo sitio web compila información sobre dobraxe en lingua galega

O novo sitio web adobraxe.com é un proxecto participativo, aberto ás achegas da cidadanía, que recompila información relacionada coa dobraxe en lingua galega. Nesta base de datos atoparás as producións dobradas ao galego e información sobre empresas e profesionais que participaron nestas producións.
Fonte: Consello da Cultura Galega
A Universidade de Vigo presenta un ano máis o seu almanaque, que subliña a importancia de usar o galego por parte da comunidade universitaria

A Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo presentou o seu almanaque de 2026, que chega á novena edición e incorpora como principal novidade as viñetas do ilustrador vigués Pepe Carreiro, en substitución de Luís Davila. O calendario mantén o propósito de pór en valor que a comunidade universitaria use o galego con orgullo en todos os ámbitos, desde o académico até o lecer, e inclúe referencias ás datas das patroas e dos patróns das escolas e facultades.
Fonte: Universidade de Vigo
Valentín García presenta o «Caderno Ramón Piñeiro XLVIII. Cancioneiro popular galego»
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, presentou o Caderno Ramón Piñeiro XLVIII. Cancioneiro popular galego de Álvaro de las Casas, unha obra que dá ao prelo o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH).
Fonte: O Portal da Lingua Galega
A Residencia Xacobeo promove por primeira vez a tradución de obras galegas ao alemán coa estadía de Florian Weber
A Residencia Xacobeo acollerá durante o vindeiro mes de marzo o alemán Florian Weber, gañador da estadía na que levará a cabo o seu proxecto de tradución de obras galegas. Trátase da iniciativa que impulsan a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a Residencia Literaria 1863 e que, por primeira vez, contará cun escritor xermano que traballará un proxecto de tradución a esta lingua.
Fonte: Xunta de Galicia
O Consello da Cultura Galega presenta recomendacións sobre o galego extraídas do seu foro participativo
O Consello da Cultura Galega trasladou a representantes políticos e institucionais as conclusións do foro «Un país coa súa lingua», que analiza a situación do galego e propón 96 medidas para reforzar o seu uso social. O documento, de carácter propositivo, pretende complementar a lexislación vixente e impulsar o diálogo entre administracións, ámbitos educativos e científicos, sector cultural, tecido económico e sociedade civil. As propostas, organizadas en seis áreas, abranguen desde a educación, a xustiza e a sanidade até a economía, os medios e o ámbito dixital, e inclúen accións como cláusulas lingüísticas na contratación pública, proxectos piloto educativos ou a creación de estruturas estables de normalización.
Fonte: Galicia Confidencial
O Concello de Narón organiza un ano máis a campaña para fomentar as felicitacións de Nadal en galego

O Concello de Narón activou de novo a campaña «Felicita o Nadal en galego!» para promover o uso da lingua propia nas mensaxes de felicitación destas datas. A iniciativa pon á disposición da veciñanza postais gratuítas descargables en galego, válidas para o envío dixital ou en formato impreso, e incorpora este ano un novo deseño inspirado no muíño de Xuvia, símbolo patrimonial do municipio. Ademais, ofrécese un servizo sen custo de revisión lingüística para quen queira redactar textos propios con corrección.
Fonte: Diario de Ferrol
Boletín
Subscríbase ao boletín