Galicia

A Xunta imparte portugués nun centenar de centros con 6300 estudantes, un 40 % máis que en 2023

A Xunta de Galicia imparte materias de lingua portuguesa nun centenar de centros con máis de 6300 alumnos matriculados, o que supón 2550 máis que hai dous anos e un incremento do 40 %.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

Xosé Miranda gaña o XXIII Premio de Poesía Afundación, co que colabora a Xunta

O escritor e profesor Xosé Miranda, coa obra As torres abolidas, fíxose co XXIII Premio de Poesía Afundación, promovido por esta institución, a Xunta de Galicia e o Centro PEN Galicia. No veredicto do certame estivo presente o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, quen destacou a relevancia deste consolidado galardón na nosa axenda cultural para fomentar a produción poética en galego.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

Valentín García inaugura en Fisterra a mostra «Cantade todas a unha»

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, inaugurou no Mercado Cultural canda o rexedor fisterrán, Luis Insua, a mostra «Cantade todas a unha. O cantigueiro popular galego», conmemorativa das Letras Galegas 2025.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

A Xunta impulsa a celebración na Illa de San Simón dunha nova edición do Obradoiro de Tradución Poética ‘Con barqueira e remador’

A Xunta de Galicia volve impulsar na Illa de San Simón a celebración do Obradoiro Internacional de Tradución Poética «Con barqueira e remador», que conta co apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para converter este espazo nun laboratorio creativo ao redor da diversidade e riqueza idiomática e cultural.

Fonte: Xunta de Galicia

Carmen V. Valiña gaña o Premio Narrativa Breve Repsol co que colabora a Xunta polo seu impulso da lingua

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, enxalzou “o prestixio e importante contribución no fomento da lectura en galego” do Premio Narrativa Breve Repsol en Lingua Galega, cuxa gañadora desta XIX edición resultou ser Carmen V. Valiña coa obra A illa que supuraba sangue, tal e como se anunciou nun acto celebrado en Vigo, cidade elixida con motivo do 75º aniversario da Editorial Galaxia que cada ano publica a obra distinguida.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

López Campos resalta a proxección exterior da lingua con máis de 4400 estudantes fóra da Comunidade

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, destacou que na actualidade hai máis de 4400 estudantes de galego fóra da Comunidade, reiterando así o compromiso da Xunta “coa proxección exterior da lingua, fomentando a súa aprendizaxe e impulsando o seu uso noutras áreas territoriais, como ferramenta tamén para prestixiala”. Fíxoo durante unha visita ao Centro de Estudos Galegos a través do que se desenvolve o lectorado da Universidade de Barcelona, unha das institucións académicas que ofrecen clases do idioma máis alá de Galicia.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

Valentín García acompaña a Xulia Marqués na presentación da obra “Para que non estiñe a memoria das avoas”

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou no acto de presentación da obra Para que non estiñe a memoria das avoas. Perfecta Ogaza Fontagordo, da catedrática e doutora en Filoloxía Galega Xulia Marqués Valea, editada por Fervenza.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

Convócase unha nova edición do certame Galetiktokers para impulsar a creación de contidos en galego

O Concello de Ames organiza a VI edición do certame Galetiktokers, que anima a crear vídeos en galego para TikTok ou a sección Reels de Instagram. Poderá participar calquera persoa maior de 13 anos, en dúas categorías por idades, cun máximo de 60 segundos por peza e temática libre. Repartiranse seis premios de 300 euros (catro decididos polo xurado e dous polo público), cun total de 1800 euros. O proxecto complétase con xornadas de formación en centros de secundaria.

Fonte: Concello de Ames

Neda acolle a celebración do Día do Orgullo Neofalante

O Concello de Neda celebra o Día do Orgullo Neofalante con actividades ao longo da semana dirixidas á mocidade e á infancia para promover novos espazos de uso do galego. Esta celebración conmemora o nacemento do cantautor Andrés do Barro e busca fomentar actitudes favorables cara á lingua galega entre as xeracións máis novas.

Fonte: Concello de Neda

Denuncian a exclusión do galego nunha campaña do Goberno español de promoción de varias especies de peixes

O BNG presentou varias iniciativas no Congreso para denunciar a exclusión do galego nunha campaña de promoción de especies pesqueiras financiada polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e a Xunta de Galicia.

Fonte: Galicia Confidencial 

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder