Galicia
O Concello do Grove organiza unha programa de dobraxe en galego dirixido aos centros de ensino da vila

O Concello do Grove puxo en marcha o programa «Lingua e Cinema», co obxectivo de impulsar o galego a través da dobraxe e do lecer. A iniciativa, que consta de 14 sesións que se impartirán nos centros de ensino da vila, permítelle ao alumnado de distintas etapas educativas descubrir de maneira práctica o proceso de dobraxe.
Fonte: Concello do Grove
Constitúense os grupos de traballo do proceso Lingua Vital para avanzar na normalización do galego

Máis de cen entidades galegas participaron na constitución dos grupos de traballo do proceso Lingua Vital, promovido por Queremos Galego para reverter a situación de emerxencia lingüística. O obxectivo é elaborar propostas que garantan o cumprimento dos acordos sobre o galego e a súa presenza en todos os ámbitos.
Fonte: Galicia Confidencial
A Universidade de Vigo organiza un completo programa de actividades co gallo da II Semana internacional das linguas, as literaturas e a tradución

A II Semana internacional das linguas, as literaturas e a tradución celébrase do 22 de setembro ao 3 de outubro con máis de vinte actividades abertas á cidadanía e ao alumnado. O programa inclúe andainas e encontros literarios, clubs de lectura, presentacións de libros, relatorios, cine accesible e cursos introdutorios de linguas.
Fonte: Universidade de Vigo
Os desfibriladores externos semiautomáticos xa proporcionan instrucións en lingua galega
Os desfibriladores semiautomáticos dispoñibles en Galicia incorporan xa o galego como lingua para dar instrucións, grazas á colaboración da asociación Forsagal e da empresa vasca Bexen Cardio. Esta novidade busca ofrecerlles maior confianza ás persoas usuarias e, ao tempo, normalizar o uso do idioma. O primeiro dispositivo en galego instalarase previsiblemente en Salceda de Caselas.
Fonte: Faro de Vigo
A Xunta destina 120 000 euros para apoiar as editoriais e potenciar a tradución literaria

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude acaba de publicar a resolución de dúas convocatorias de axudas para apoiar o sector editorial galego cunha achega de 120 000 € e potenciar así os traballos de tradución, tanto en formato papel como en dixital.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
López Campos propón declarar o 2026 ‘Ano Ramón Otero Pedrayo’
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, propuxo declarar o 2026 como Ano Ramón Otero Pedrayo co gallo do 50 aniversario do seu pasamento e o centenario da publicación de Guía de Galicia. Fíxoo na presentación das cátedras institucionais dedicadas ao autor ourensán, Rosalía de Castro, Castelao e Carvalho Calero, onde destacou que o legado destes persoeiros son “o piar que define a nosa cultura e identidade como galegos e por iso é importante recoñecelo e enxalzalo”.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
A Xunta presenta 32 cartas inéditas escritas por Curros Enríquez nos seus últimos anos de vida
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, participou na presentación do derradeiro espistolario de Manuel Curros Enríquez ao seu amigo José Ojea Otero. Trátase dunha colección composta por 32 cartas inéditas que o autor de Celanova lle enviou entre xuño de 1904 e xaneiro de 1908, algunhas delas escritas tres meses antes de falecer na Habana.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
Preséntase unha nova edición dos Premios Youtubeiras+ que se abren este ano a todas as redes sociais para recoñecer os mellores contidos en galego

A novena edición de Youtubeiras+, que ten como lema “Alborota o algoritmo”, destina 7500 euros en premios repartidos en sete categorías para impulsar a creación de contidos en galego nas redes sociais. A iniciativa quere darlle visibilidade ao talento en galego e reforzar a presenza deste idioma no ámbito dixital.
Fonte: Consello da Cultura Galega
A Xunta e a Asociación Galega de Axuda aos Enfermos con Demencia Tipo Alzhéimer premian a Rita Doallo co IV premio Simbad
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou na entrega do cuarto premio de literatura infantil Simbad, que recaeu en Rita Doallo, pola obra Astralistoria. Trátase dunha iniciativa impulsada pola Asociación Galega de Axuda aos Enfermos con Demencia Tipo Alzhéimer que conta co apoio da Xunta de Galicia, co obxectivo de sensibilizar sobre esta doenza entre a cativada e establecer vínculos a través da literatura entre as distintas xeracións.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
O Concello de Salceda crea o seu Servizo de Normalización Lingüística
O Servizo de Normalización Lingüística creouse grazas a unha achega da Deputación de Pontevedra de máis de 33 000 euros. Este recurso, con persoal técnico propio, ofrece asesoramento, resolve dúbidas, revisa documentación e impulsa o uso do galego na administración, nas asociacións e no conxunto da sociedade.
Fonte: Faro de Vigo
Boletín
Subscríbase ao boletín