Galicia

O Concello do Rosal convoca unha nova edición do seu Concurso de Relato Curto para fomentar a creatividade en galego

O Concurso de Relato Curto, que chega á súa segunda edición, é unha aposta do Concello do Rosal que ten como obxectivo fomentar a creatividade e a cultura en galego. Con tres categorías (infantil, xuvenil e poboación adulta), valorarase que as obras se inspiren no contorno e as tradicións do municipio.

Fonte: Tele Mariñas

Preséntase en Rois o proxecto «Modo galego, actívao!»

A Real Academia Galega e Alingua organizarán en Rois a xornada de presentación do proxecto «Modo galego, actívao!», destinada a dar a coñecer este programa que promove o uso do galego entre a infancia. A actividade, iniciada en Ames en 2021, implicou alumnado, familias, profesorado e persoal educativo, e pretende avaliar e difundir prácticas de dinamización lingüística. O encontro contará con autoridades e especialistas que explicarán os catro anos de implementación e os resultados obtidos con este programa.

Fonte: Real Academia Galega

A Xunta continuará co servizo de videointerpretación en lingua de signos para facilitar o acceso aos servizos públicos das persoas con discapacidade

A Xunta destinará uns 340 000 euros en 2025 e 2026 para manter o servizo de videointerpretación en lingua de signos co obxectivo de facilitar o acceso das persoas xordas aos servizos públicos.

Fonte: Código Cero

Xa se coñecen as empresas gañadoras da XVII edición dos premios Bacelos de Prata

Os Premios Bacelos de Prata, que recoñecen o labor de empresas que apostan polo galego como marca de calidade na etiquetaxe dos seus produtos, galardoou na edición deste ano a Embutidos Lalinense (empresa cárnica de Lalín) e Adegas Bordel (adega familiar de Abegondo).

Fonte: Consello da Cultura Galega

O Concello de Ames organiza un ano máis os seus obradoiros de acollemento lingüístico

Os obradoiros «En galego, co teu acento!» ofrecen unha oportunidade para achegar a lingua e a cultura galegas á veciñanza de Ames procedente doutros territorios ou sen coñecementos delas. Celebraranse en Bertamiráns e O Milladoiro, con sesións de dúas horas de luns a xoves, e son gratuítos.

Fonte: Concello de Ames

Convócase o Premio Trevo dirixido a obras narrativas escritas en galego

O Premio Trevo de narrativa nace para homenaxear a María Duro Mansilla, co-autora de O trevo de catro follas, e recoñecer a excelencia da narrativa en galego. Está aberto a calquera obra literaria narrativa (novela, colección de relatos, libro de viaxes, colección de artigos xornalísticos) escrita orixinalmente en lingua galega e publicada no ano anterior. A contía do galardón é de 1504,80 euros, cifra que lembra a data de nacemento da autora.

Fonte: Culturagalega

A plataforma AGalega.gal ofrece a primeira serie de meditación en galego

A serie Respira, dirixida por Marguerita Morello, é a primeira serie en galego centrada na meditación. A través de oito capítulos ambientados en paisaxes naturais como o Bosque Encantado de Aldán ou a praia das Catedrais, a serie busca ofrecer momentos de serenidade e autoconsciencia. Morello, coñecida polo seu traballo no cine, quixo crear un espazo audiovisual para a meditación en galego, dado que a súa experiencia persoal lle demostrou os beneficios para a saúde mental e física.

Fonte: Faro de Vigo 

Valentín García destaca as competicións deportivas como puntos de dinamización do galego

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, destacou na presentación do Torneo Go!Go!Zo!3x3 a importancia de “apoiar iniciativas que permiten potenciar a lingua galega entre a mocidade en ámbitos de lecer saudables, como son as competicións deportivas”.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

A Coruña acolle a Festa do Apego con actividades en galego para as familias

O Campo da Leña (A Coruña) acolle o 5 de setembro a Festa do Apego, un evento que ten como obxectivo de ofrecer espazos de socialización en galego a familias con fillas e fillos de 0 a 6 anos.

Fonte: Consello da Cultura Galega

O Concello de Carballo repartirá salvamanteis con pasatempos en galego entre os establecementos hostaleiros

As concellarías de Normalización Lingüística e Promoción Económica, coa colaboración da asociación Axober, continúan por terceiro ano a iniciativa de repartir salvamanteis con pasatempos en galego da revista A Píllara. A proposta busca que a clientela poida entreterse e practicar a lingua mentres agarda por comida ou bebida.

Fonte: Concello de Carballo

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder