Galicia

O Concello de Santiago pon en marcha unha campaña de fomento do galego no deporte

O Concello de Santiago presenta a campaña «Ficha polo galego», destinada a clubs e deportistas para fomentar o uso do galego no ámbito deportivo e vincular a lingua a valores como identidade, cohesión e superación. A iniciativa busca implicar entidades e poboación, especialmente a mocidade, promovendo que o galego se empregue en entrevistas, ximnasios e competicións, e crear referentes positivos. A campaña contará cun seguimento permanente cos clubs colaboradores e xa recibiu unha acollida moi favorable entre deportistas e público.

Fonte: Concello de Santiago de Compostela

Preséntase o informe do foro participativo «Un país coa súa lingua» que inclúe case un cento de medidas a prol do galego

O Consello da Cultura Galega presenta as conclusións do foro «Un país coa súa lingua», con 95 propostas para mellorar a situación do galego en distintos ámbitos. O documento xorde da participación de 65 especialistas e preto de 2000 cidadáns e nel combínanse medidas inmediatas e estruturais para reforzar o ensino en galego, os servizos de normalización ou a avaliación de políticas lingüísticas. Destácase a necesidade de coordinar institucións, mellorar a infraestrutura dixital, formar persoal, garantir financiamento e establecer indicadores que permitan seguir os avances na normalización da lingua.

Fonte: Consello da Cultura Galega

Valentín García destaca os cursos da Casa de Galicia en Madrid como “exemplo do impulso do galego no exterior”

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, presentou na Casa de Galicia de Madrid os cursos que ofrece a entidade no período 2025-2026 destacándoa “como exemplo de institución involucrada no impulso da lingua máis alá do noso territorio” e lembrando que “actualmente hai máis de 4400 estudantes de galego fóra da Comunidade, mostra do noso compromiso coa súa proxección exterior”.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

Pontevedra acolle unha nova edición do certame de rap en galego CeibaRimas

A Alameda de Pontevedra acolle o 18 de outubro o quinto aniversario do CeibaRimas, único certame de rap improvisado en galego, aberto ao público con inscrición gratuíta e premios de máis de 1000 euros. A xornada combinará competición de freestyle con actuacións en directo de artistas consagrados e emerxentes co obxectivo de visibilizar e fortalecer a presenza do rap en galego.

Fonte: Pontevedra Viva

Valentín García coincide cos seus homólogos doutras comunidades na importancia de impulsar o uso da lingua entre a mocidade

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou en Santiago de Compostela na comisión de seguimento do Protocolo de colaboración en materia de política lingüística subscrito polos gobernos de Galicia, País Vasco, Cataluña, Navarra, Comunidade Valenciana e Illas Baleares para establecer unha estrutura de cooperación entre os departamentos de política lingüística das comunidades autónomas con lingua propia.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

Publícanse as bases reguladoras da convocatoria de axudas para os servizos locais de normalización lingüística da provincia da Coruña

A Deputación da Coruña convoca subvencións para apoiar o financiamento de persoal técnico de normalización lingüística nos concellos, agrupacións e mancomunidades da provincia durante 2026.

Fonte: Consello da Cultura Galega

A Xunta recibe máis de mil achegas no proceso aberto para actualizar o Plan de normalización da lingua

A Xunta recibiu máis de mil achegas a través do proceso aberto para levar a cabo a actualización do Plan xeral de normalización da lingua galega. Así o anunciou o secretario xeral da Lingua, Valentín García, nunha rolda de prensa na que indicou que, grazas aos contactos establecidos desde as 11 comisións de traballo conformadas por expertos en diferentes materias, chegaron máis de mil propostas, ás que hai que sumar as máis de 300 recibidas a través da caixa de correo dispoñible para a participación da cidadanía.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

O videoxogo Hellkind está dispoñible con versión en galego na plataforma Steam

O videoxogo de terror Hellkind, deseñado por Emir Arkman e dispoñible en galego en Steam, sitúase en Santo André de Teixido. O creador, afincado no Reino Unido, inspirouse nos mitos galegos a partir da animación O Apóstolo e contou coa colaboración de Ana Aboal Beloso para garantir a corrección lingüística e a fidelidade á ambientación.

Fonte: Culturagalega

Convócase unha nova edición do Premio Xela Arias que recoñece o labor de fomento do galego no sector da tradución e a interpretación

A Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación (AGPTI) abre a convocatoria da oitava edición do Premio Xela Arias, destinado a recoñecer a empresas, entidades ou persoas que fomenten o uso do galego no ámbito da tradución e interpretación. As candidaturas poden presentarse ata o 29 de outubro de 2025.

Fonte: Consello da Cultura Galega

A Universidade de Vigo acolle a segunda edición do seu ciclo de cinema en galego

O ciclo «A lingua galega no cinema», organizado pola Universidade de Vigo co apoio da Deputación de Pontevedra e do Parque Nacional das Illas Atlánticas, inaugurarase o 15 de outubro coa proxección do documental Filmei paxaros voando de Zeltia Outeiriño. O programa prolongarase ata o 5 de novembro no auditorio do edificio Cambón e incluirá longametraxes e un peche con cinco curtametraxes galegas recentes premiadas. O ciclo busca visibilizar a presenza e o valor do galego no cinema, combinando proxeccións con conversas coas e cos cineastas participantes.

Fonte: Universidade de Vigo

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder