Galicia

López Campos anuncia que a Xunta celebrará os primeiros exames Celga en liña no mes de novembro

A Xunta de Galicia celebrará no mes de novembro os primeiros cen exames en liña das probas Celga do nivel 4 que acreditan o dominio do galego. Así o anunciou o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, nunha interpelación no Pleno do Parlamento de Galicia.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

Os Concertos do Xacobeo dinamizan a oferta turística de outono en Santiago coa nova edición de Maré Festival

Co apoio dos Concertos do Xacobeo da Xunta de Galicia, Maré Festival de Artes e Músicas Atlánticas regresa a Santiago de Compostela para celebrar unha nova edición do 24 ao 28 de setembro.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

O novo galardón da Real Academia Galega ás iniciativas que promoven o galego na infancia recae no CEIP Milladoiro

A Real Academia Galega crea o Premio «Na lingua que eu falo» para distinguir iniciativas que impulsen a normalización do galego na infancia. Na súa primeira edición recoñece o labor do CEIP Milladoiro de Malpica de Bergantiños. O anuncio coincide co Día Europeo das Linguas, no que a RAG reclama un compromiso máis firme coa protección do idioma propio en Galicia e na Unión Europea.

Fonte: Real Academia Galega

Valentín García salienta a “calidade e a solvencia” de ‘Odio’, a obra gañadora do I Premio Xosé Neira Vilas de literatura xuvenil

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou no acto de presentación do I Premio Xosé Neira Vilas de Literatura Xuvenil a Gabriel Romero de Ávila, quen resultou gañador coa súa obra Odio. Dotado con 6000 €, o certame púxose en marcha este ano por vez primeira co apoio da Xunta de Galicia, co obxectivo de pór en valor a importante contribución de Xosé Neira Vilas como precursor deste xénero no sistema literario galego.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

O Premio Literario Nortear de relato curto para escritores novos impulsado pola Xunta recae en Diana Teixeira

Diana Teixeira, natural de Felgueiras e de 31 anos, é a gañadora da edición 2025 do Premio Literario Nortear de relato curto para escritores novos. A autora conquistou o xurado co relato Voltar e Não Ser. Memórias de uma raia interior.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

O Concello do Grove organiza unha programa de dobraxe en galego dirixido aos centros de ensino da vila

O Concello do Grove puxo en marcha o programa «Lingua e Cinema», co obxectivo de impulsar o galego a través da dobraxe e do lecer. A iniciativa, que consta de 14 sesións que se impartirán nos centros de ensino da vila, permítelle ao alumnado de distintas etapas educativas descubrir de maneira práctica o proceso de dobraxe.

Fonte: Concello do Grove

Constitúense os grupos de traballo do proceso Lingua Vital para avanzar na normalización do galego

Máis de cen entidades galegas participaron na constitución dos grupos de traballo do proceso Lingua Vital, promovido por Queremos Galego para reverter a situación de emerxencia lingüística. O obxectivo é elaborar propostas que garantan o cumprimento dos acordos sobre o galego e a súa presenza en todos os ámbitos.

Fonte: Galicia Confidencial

A Universidade de Vigo organiza un completo programa de actividades co gallo da II Semana internacional das linguas, as literaturas e a tradución

A II Semana internacional das linguas, as literaturas e a tradución celébrase do 22 de setembro ao 3 de outubro con máis de vinte actividades abertas á cidadanía e ao alumnado. O programa inclúe andainas e encontros literarios, clubs de lectura, presentacións de libros, relatorios, cine accesible e cursos introdutorios de linguas.

Fonte: Universidade de Vigo

Os desfibriladores externos semiautomáticos xa proporcionan instrucións en lingua galega

Os desfibriladores semiautomáticos dispoñibles en Galicia incorporan xa o galego como lingua para dar instrucións, grazas á colaboración da asociación Forsagal e da empresa vasca Bexen Cardio. Esta novidade busca ofrecerlles maior confianza ás persoas usuarias e, ao tempo, normalizar o uso do idioma. O primeiro dispositivo en galego instalarase previsiblemente en Salceda de Caselas.

Fonte: Faro de Vigo

A Xunta destina 120 000 euros para apoiar as editoriais e potenciar a tradución literaria

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude acaba de publicar a resolución de dúas convocatorias de axudas para apoiar o  sector editorial galego cunha achega de 120 000 € e potenciar así os traballos de tradución, tanto en formato papel como en dixital.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder