Galicia
A comarca do Salnés destaca por un rico repertorio de apelidos que reflicten a súa tradición e cultura
Na comarca do Salnés destacan varios apelidos, reflexo da familia, a tradición e o territorio, que definen a identidade local. Otero é o apelido máis repetido, especialmente no Grove; seguido de Castro, que predomina en Meaño e Ribadumia; e Piñeiro, dominante en Cambados. Mentres, outros apelidos, como Rey e Padín, tamén son moi comúns en varias localidades. Na Illa de Arousa é frecuente o apelido Dios, mentres que en Vilanova e Meis abundan os Oubiña e Abal, respectivamente. Moitos destes apelidos tamén teñen unha representación significativa noutras zonas de Galicia.
Fonte: Faro de Vigo
Os resumos de vídeo de NotebookLM xa están dispoñibles en galego

Google acaba de incorporar unha nova funcionalidade de resumos de vídeo en NotebookLM dispoñible en 80 linguas, incluído o galego, o que supón un recoñecemento á diversidade lingüística e unha oportunidade para empregar o galego en contornos tecnolóxicos e educativos avanzados.
Fonte: Código Cero
O Concello da Coruña anuncia a creación do Consello Local da Lingua Galega
O Consello Local da Lingua Galega é un órgano consultivo e de participación cidadá previsto na Ordenanza de 2021, que ten como obxectivo implicar a sociedade na avaliación e impulso das políticas lingüísticas municipais mediante asesoramento, debate e traballo colaborativo.
Fonte: Consello da Cultura Galega
Agosto finaliza con dous festivais que teñen a literatura, a lingua e a cultura galegas como eixes das súas actividades
A finais do mes de agosto celébranse dúas citas culturais de referencia no rural galego: o Festival dos Eidos, no Courel, que combina poesía, natureza e música; e o Festiletras, no Couto (Ponteceso), cunha ampla programación lúdica e artística que homenaxea a cultura galega. Ambos os eventos reafirman o vínculo entre territorio, lingua e creación.
Fonte: Culturagalega
O escritor Mohamad Bitari traballa na primeira tradución ao árabe da obra Os Eidos
O poeta palestino Mohamad Bitari está a traducir ao árabe Os Eidos, de Uxío Novoneyra, nunha estadía en Parada do Courel dentro do programa «Escrita no remoto». É o primeiro en levar ao árabe este poemario co busca conectar a cultura árabe coa lingua galega.
Fonte: El Progreso
A Xunta apoia seis autoras e autores galegos na internacionalización das súas creacións a través de residencias no exterior
O Diario Oficial de Galicia acaba de publicar a resolución das axudas a seis autoras e autores galegos para participar en residencias literarias fóra da nosa comunidade. A Xunta dirixe esta liña de axudas a profesionais da creación literaria co obxectivo de promover a internacionalización das letras galegas e impulsar as relacións con outros centros culturais referentes.
Fonte: Xunta de Galicia
O cemiterio de Cerponzóns, en Pontevedra, acollerá unha homenaxe ás persoas soterradas que defenderon a lingua galega
A asociación veciñal O Chedeiro descubrirá o 31 de agosto unha placa na entrada do cemiterio de Cerponzóns en honra ás persoas soterradas que contribuíron á preservación da lingua e cultura galegas. No acto, tamén se substituirán tres lápidas en castelán por outras en galego, nun xesto de reivindicación lingüística e recuperación da memoria colectiva.
Fonte: Diario de Pontevedra
A iniciativa Proxector supera os 2000 vídeos de apoio á docencia en lingua galega

A iniciativa Proxector, impulsada pola USC e o Consello da Cultura Galega, xa supera os 2000 recursos audiovisuais en galego para apoiar a docencia en bacharelato e na universidade. Os contidos, accesibles e clasificados por materia, lingua e nivel educativo, están en constante actualización e inclúen compilacións temáticas vencelladas con efemérides ou feitos científicos destacados.
O Concello de Vigo organiza un novo curso de improvisación oral en verso-regueifa
O Centro de Interpretación da Oralidade de Vigo acollerá de setembro a novembro, cunha duración de trinta horas, o curso Improvisación oral en verso-regueifa con Kike Estévez.
Fonte: Concello de Vigo
O Concello de Vilagarcía de Arousa organiza un curso sobre competencias clave en lingua galega
O Concello abre a inscrición para un curso de competencias clave en lingua galega dirixido a mulleres, con preferencia para as que se atopen en situación vulnerable. A formación, gratuíta e acreditable, busca mellorar a empregabilidade mediante o reforzo das habilidades lingüísticas en galego. Desenvolverase entre o 15 de setembro e o 21 de outubro en horario de mañá.
Boletín
Subscríbase ao boletín