Galicia

O Concello de Carballo organiza rutas para dar a coñecer a microtoponimia urbana entre o alumnado

O Concello de Carballo impulsa de novo o proxecto «Carballo na memoria» con rutas pola microtoponimia urbana, guiadas por Fernando Cabeza Quiles, nas que participa alumnado de secundaria e bacharelato. A iniciativa busca recuperar nomes tradicionais de lugares que están a desaparecer. Estas rutas, iniciadas nas xornadas de setembro, contribúen tamén ao proxecto Galicia Nomeada, no que xa se rexistraron máis de 1100 microtopónimos grazas á colaboración veciñal.

Fonte: Concello de Carballo

Convócanse as axudas para a tradución do libro galego

A Xunta de Galicia fixo públicas no Diario Oficial de Galicia as ordes que establecen as bases de dúas convocatorias de axudas destinadas ao libro galego: unha dirixida á tradución para o galego de obras editadas inicialmente noutras linguas e outra destinada á tradución a outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego.

Fonte: Consello da Cultura Galega

Valentín García participa na homenaxe a Teresa R. Castelao no seu 25º cabodano

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou na homenaxe a Teresa Rodríguez Castelao, irmá de Afonso Daniel, organizada polo Partido Galeguista co gallo do 25º aniversario do seu pasamento. A homenaxe, consistente nun oficio relixioso que acolleu a igrexa de Santa Comba e  nunha ofrenda floral na sepultura na que Teresa repousa canda a outra irmá, Josefina, no camposanto rianxeiro. Os actos foron organizados polo Partido Galeguista no marco da celebración do Ano Castelao e neles participaron tamén canda García Gomez o secretario xeral do Partido Galeguista, Francisco López; o alcalde de Rianxo, Julián Bustelo; o herdeiro de Afonso Daniel Rodríguez Castelao, Javier Baltar, e o párroco Marcelino Sánchez.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

A Xunta adapta o curso Celga 2 en liña para facelo accesible a persoas con discapacidade cognitiva

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, acompañado polo director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, presentou a adaptación do curso Celga 2 en liña á lectura fácil para facer accesible o coñecemento da lingua a toda a sociedade. Trátase dunha ferramenta dispoñible no Portal da Lingua Galega que, a través desta actualización, permite a autoformación con contidos e información accesible a persoas con discapacidades cognitivas que queiran acadar a certificación no idioma galego.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

O foro participativo «Un país coa súa lingua» sinala a necesidade de facilitar os trámites en galego coa Administración

A mesa «Administración, a xustiza e os servizos públicos», celebrada no marco do foro «Un país coa súa lingua» do Consello da Cultura Galega, propuxo medidas para reforzar o uso do galego na administración e no ámbito xudicial, como traducir programas e formularios ou mellorar a formación lingüística do persoal. Destacouse a escasa presenza do galego nas resolucións xudiciais e a necesidade de superar inercias históricas mediante políticas públicas eficaces e maior investimento na normalización. Tamén se pediu regular legalmente a planificación lingüística para garantir dereitos e promover a igualdade.

Fonte: Consello da Cultura Galega

A Universidade de Santiago participa no proxecto de intelixencia artificial ALIA do Goberno español

O Estado destinou dous millóns de euros á USC para contribuír ao desenvolvemento do modelo de intelixencia artificial ALIA con recursos en galego, no marco dun proxecto que busca garantir a igualdade lingüística. O modelo, aínda en fase inicial, presenta limitacións nas linguas cooficiais debido á desigual dispoñibilidade de recursos, que se prevé corrixir progresivamente entre 2025 e 2026.

Fonte: Galicia Confidencial

A Xunta colabora coa Universidade de Santiago no impulso da lingua entre o seu estudantado

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou na entrega dos Premios á Calidade Lingüística cos que a Universidade de Santiago, co apoio da Xunta de Galicia, recoñece os mellores traballos académicos de curso, de fin de grao e fin de mestrado escritos en galego. Así, o representante do Goberno autonómico felicitou os galardoados nunha iniciativa que “ten por obxectivo fomentar o uso da lingua nun eido, o universitario, que contribúe en boa maneira a darlle prestixio, dándolle pulo como idioma de expresión nos estudos superiores ”.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

O Concello de Carballo convoca un concurso escolar de poesía en galego

O Concello de Carballo convoca o I Concurso escolar «Poesía do revés» para fomentar a creación poética en galego entre o alumnado de primaria, secundaria, ciclos formativos e bacharelato. A iniciativa procura promover o uso da lingua, o pensamento creativo e a conexión entre centros escolares e institucións locais. As composicións, orixinais e en galego, poderán presentarse ata o 11 de abril.

Fonte: Concello de Carballo

A Universidade de Santiago convoca dous certames que premian a divulgación científica en galego

A USC convoca dúas iniciativas dirixidas ao alumnado de secundaria e formación profesional co obxectivo de promover a divulgación científica e matemática en galego. A cuarta edición de Petiscos de ciencia busca espertar vocacións científicas e incentivar a creación de materiais divulgativos, mentres que o concurso Explícoche Matemáticas 2.0 premia curtas que expliquen contidos matemáticos. Os prazos rematan o 15 de outubro e o 30 de abril de 2025, respectivamente.

Fonte: Consello da Cultura Galega

Vilagarcía acolle unha iniciativa que une aprendizaxe matemática e promoción do galego

Vilagarcía acolle a primeira edición de «Matemáticas na rúa e en galego!», unha iniciativa que transforma as prazas da Peixería e Galicia nunha aula ao aire libre. Máis de 800 estudantes de sete centros educativos combinarán o aprendizaxe matemático co uso do galego mediante xogos e retos interactivos. A proposta busca achegar ambas as materias á cidadanía de forma lúdica e participativa, ao tempo que se promove o uso da lingua e o pensamento lóxico.

Fonte: Faro de Vigo

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder