Galicia

Docentes xubilados manteñen vivo un proxecto comprometido coa creación literaria en galego

Seis docentes xubilados do colexio Riomaior manteñen viva a súa paixón pola lingua galega cun proxecto literario colectivo, no que cada semana escriben relatos breves a partir dun reto creativo. Con máis de vinte libros autoeditados, este grupo converteu unha tradición entre amizades nun espazo de expresión, memoria compartida e compromiso coa creación en galego.

Fonte: La Voz de Galicia

Preséntanse as iniciativas gañadoras do I Fondo de apoio a proxectos culturais singulares que busca fomentar a cultura en galego

A Deputación da Coruña reuniu no Pazo Provincial as 20 empresas beneficiarias do I Fondo de apoio a proxectos culturais singulares, que reparte case 300 000 euros para iniciativas en galego con impacto social. O programa promove propostas centradas na igualdade, diversidade, memoria ou identidade local, e busca achegar a cultura á cidadanía desde enfoques comprometidos co territorio.

Fonte: Deputación da Coruña

A Deputación da Coruña convoca axudas para impulsar o audiovisual en lingua galega

A Deputación da Coruña vén de conceder 13 axudas por valor de 146.368,91 euros a produtoras audiovisuais sen ánimo de lucro para promover a exhibición e distribución de obras en galego en 2025. Este programa busca reforzar a presenza da lingua e da cultura galegas no ámbito audiovisual e apoiar o talento creativo da provincia.

Fonte: Deputación da Coruña

A 13.ª edición de Explícoche Matemáticas 2.0, o certame para promover o uso do galego nas matemáticas, xa ten gañadora

Antía Fernández Paulos, alumna do IES Castro Alobre, gañou a XIII edición do concurso Explícoche Matemáticas 2.0 co vídeo «Xogando a aproximar Pi», titorizado por Beatriz Alfonsín. Ao certame, que promove o uso do galego na divulgación matemática mediante medios audiovisuais, presentáronse 18 traballos.

Fonte: Universidade de Santiago de Compostela

Unha campaña da Deputación da Coruña busca desmontar os prexuízos sobre o galego

A Deputación da Coruña lanza a campaña #NaLinguaConOrgullo para combater prexuízos que dificultan o uso do galego na vida cotiá e promover unha actitude orgullosa e activa cara á lingua. A iniciativa inclúe materiais didácticos arredor do libro Galaicofobia e busca fomentar a reflexión crítica no ámbito educativo e social sobre os estigmas históricos que afastaron o galego da súa comunidade.

Fonte: Deputación da Coruña

A Xunta apoia unha nova edición do festival ‘Abride a fiestra’, que homenaxeará as cantareiras cunha vintena de actividades na Casa Museo de Rosalía

A Xunta volve apoiar a celebración do festival Abride a fiestra que se celebrará, o vindeiro 13 de xullo, na Casa Museo de Rosalía de Castro, en Padrón, nunha edición que se suma á homenaxe das Letras Galegas deste ano ás cantareiras e á cultura popular galega, “fonte e inspiración indiscutible na creación da nosa escritora máis universal”. Así o salientou o secretario xeral da Lingua, Valentín García, na presentación da programación do certame.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

A Xunta apoia unha nova edición do certame de teatro Festivalle, que se suma á celebración do Ano Castelao

A Xunta volve apoiar unha nova edición do certame de teatro Festivalle, que se dedica en exclusiva a obra, figura e legado de Ramón María del Valle-Inclán e que, neste 2025, se suma á celebración do Ano Castelao “para difundir e dar a coñecer a estreita relación persoal e artística entre ambos”. Así o explicou o secretario xeral da Lingua, Valentín García, na presentación da programación, que se desenvolverá, do 8 ao 11 de xullo, na localidade pontevedresa de Vilanova de Arousa.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

Anxo Lorenzo resalta a editorial Galaxia como “piar fundamental na transmisión e difusión da nosa lingua e cultura”

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, asistiron á entrega do Premio Trasalba, que este ano rendeu homenaxe á editorial Galaxia. No acto presentouse o libro Crear porvir. 75 anos de Editorial Galaxia, a cargo de Xesús Alonso Montero.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

Os concertos do Xacobeo ábrense aos sons urbanos máis actuais co nacemento do Festival Lingua Urbana

Os Concertos do Xacobeo da Xunta de Galicia apostan polos sons máis atractivos e actuais coa presentación dunha nova cita en Santiago de Compostela: o Festival Lingua Urbana, que celebrará a súa primeira edición na Cidade da Cultura a finais deste verán. Así o presentou en rolda de prensa o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, nun acto no que estivo acompañado pola directora xeral de Xuventude, Lara Meneses.

Fonte: Xunta de Galicia

A Xunta lanza axudas de ata 150.000€ para a produción de audiolibros e de libros en lectura fácil

O Diario Oficial de Galicia publicou recentemente a nova convocatoria de subvencións para a produción de audiolibros e de libros en lectura fácil, dúas liñas de axudas ás que se destinan 150.000 euros con carácter plurianual para 2025 e 2026 e que inclúe 70.000€ para este exercicio e 80.000€ para o vindeiro ano 2026.

Con esta liña de axudas, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude busca impulsar a produción editorial en novos formatos, para favorecer así o acceso universal á lectura e á creación literaria galega por parte de toda a poboación. As persoas interesadas, que deben acreditar a condición de editoras, poderán solicitar estas axudas ata o 28 de xullo. Tanto as subvencións para a produción e comercialización de audiolibros en galego como para a produción e comercialización de libros en lectura fácil contarán, cada unha, con 75.000 euros, 35.000 correspondentes a esta anualidade e 40.000 á de 2026.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder