O Diario Oficial de Galicia publicou recentemente a nova convocatoria de subvencións para a produción de audiolibros e de libros en lectura fácil, dúas liñas de axudas ás que se destinan 150.000 euros con carácter plurianual para 2025 e 2026 e que inclúe 70.000€ para este exercicio e 80.000€ para o vindeiro ano 2026.
Con esta liña de axudas, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude busca impulsar a produción editorial en novos formatos, para favorecer así o acceso universal á lectura e á creación literaria galega por parte de toda a poboación. As persoas interesadas, que deben acreditar a condición de editoras, poderán solicitar estas axudas ata o 28 de xullo. Tanto as subvencións para a produción e comercialización de audiolibros en galego como para a produción e comercialización de libros en lectura fácil contarán, cada unha, con 75.000 euros, 35.000 correspondentes a esta anualidade e 40.000 á de 2026.
Fonte: O Portal da Lingua Galega



